Silva presume de "transformación" na provincia tras seis anos no Goberno

A presidenta provincial valorou aspectos da súa política como o cambio de modelo de financiamento aos concellos, a mobilidade e recuperación do espazo público ou a igualdade
Acto polos seis anos do Goberno de Silva na Deputación. GONZALO GARCÍA
photo_camera Acto polos seis anos do Goberno de Silva na Deputación. GONZALO GARCÍA

Transformación. Con esta palabra quixo resumir Carmela Silva os seis anos que leva á fronte da Deputación de Pontevedra nun goberno bipartito formado polo PSOE e o BNG. A presidenta provincial fixo este venres balance, coincidindo co ecuador do seu segundo mandato. "Queremos dar contas da nosa acción de Goberno, porque consideramos que é a nosa obriga», avanzou no seu discurso.

O acto tivo lugar na avenida de Montero Ríos, ante a escalinata do Pazo Provincial, onde se dispuxo un amplo dispositivo e decorado para a ocasión, na que participaron alcaldes e alcaldesas da provincia, así como representantes de entidades sociais.

"Nada máis chegar soubemos que era preciso outro modelo, empezando polo financiamento dos concellos", explicou Carmela Silva, que fixo fincapé en proxectos como o denominado Plan Concellos para a distribución de recursos entre as administracións locais de xeito equitativo. Neste sentido, o ente provincial xogou co lema "máis servizos, máis dereitos, máis equidade".


A presidenta, que agradeceu o traballo do persoal da Deputación, enumerou na súa intervención os grandes eixos da transformación da provincia. En primeiro lugar, referiuse ao cambio do modelo de financiación aos concellos, dotándoos de recursos "como nunca antes acontecera", e pasando "das políticas arbitrarias e da ausencia de criterios obxectivos a un plan equitativo, xusto e que garantira dereitos e servizos en todo o territorio, vivas onde vivas". Ademais, destacou o modelo provincial de mobilidade e recuperación do espazo público que "é referencia", a defensa da igualdade e a "irrenunciable axenda feminista", o compromiso co medio ambiente para converter Pontevedra nunha provincia sostible e a "profunda aposta" para apoiar a economía e a todos os seus sectores, "aínda que en moitos eidos non temos competencias recoñecidas". Por outra banda, falou da defensa da cultura, a lingua e o patrimonio, o deporte ou a cooperación transfronteiriza.

Silva lembrou que, co golpe da pandemia, «igual que o conxunto da sociedade, fixemos un enorme esforzo para estar ao lado dos novos retos e necesidades que se crearon, mantendo e reforzando o noso apoio a concellos, colectivos e sectores afectados e fomos quen de reorganizar esta administración para ser máis eficaces e eficientes, implantando novos instrumentos e medidas" en apoio de "quen máis o necesita".

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera (BNG), destacou tamén a importancia da equidade no reparto de fondos. "Hoxe, por exemplo, estades aquí os que queredes, pero os que non viñeron non poden dicir que o dedo da presidencia os vaia prexudicar", explicou Mosquera referíndose aos alcaldes e concelleiros presentes no acto. Ademais, puxo de manifesto a necesidade de respectar a autonomía local dende a Deputación. César Mosquera, que fora previamente deputado provincial da oposición, explicou que, nos seis anos que leva como vicepresidente, "non me tiven que desdicir de nada do que dixera", un motivo polo que se amosou orgulloso.

Acto Diputación seis años. GONZALO GARCÍA

Unha das cuestións que define o traballo feito, segundo Mosquera, é que a Deputación se posicionou á vangarda e acadou un funcionamento e uns servizos avanzados. Apuntou que o goberno abordou campos nos que atopou deficiencias e necesidades dos concellos e actuou en consecuencia, propoñendo solucións, ao tempo que citou como exemplos o traballo en materia de Igualdade, o Revitaliza, ou o proxecto Ágora de recuperación do espazo público, que están a recibir recoñecementos. "Aí están os feitos. Hoxe mesmo o deputado Uxío Benítez está a recoller un premio polo programa Ágora", destacou.

Sobre o futuro, a presidenta salientou o traballo da Deputación por acadar os obxectivos da Axenda 2030, o feito de ser a primeira provincia de Galicia en aprobar un Plan Estratéxico de Fondos Europeos para ter proxectos que se presenten aos Next Generation ou en crear unha Axenda Urbana que defina os obxectivos de cara ao futuro.

Comentarios