Silva rexeita participar na apertura de curso da Academia Xacobea "por machista"

A presidenta da Deputación manifesta a súa indignación tras coñecer que a organización non tiña contemplado que empregase a palabra "impedindo que a única muller da mesa presidencial tivese voz"

Carmela Silva. DP
photo_camera Carmela Silva, este luns. DP

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva anunciou que non participará este martes na sesión solemne de apertura de curso 2020 da Academia Xacobea. "É inaceptable polo seu sesgo machista e electoralista", indicou a socialista, que amosou a súa indignación tras coñecer que a organización non contemplaba que "a única muller da mesa presidencial tivera voz".

“Non vou ir a un acto a sentarme nunha mesa presidencial rodeada de homes que participan activamente mentres eu permanezo calada", asegurou Silva.  Ademais, na súa opinión, esta sesión solemne de apertura do curso da Academia Xacobea é "un acto electoralista".

"A defensa e a promoción do Camiño non entende de cores políticas, nin moito menos de actos electorais" destacou a presidenta, que tamén criticou que se poñan en marcha "eventos para enxalzar a un determinado partido político".

Por estes motivos, este luns Silva remitiu un escrito dirixido a Jesús Palmou, presidente da Academia Xacobea, para amosar a súa "indignación e repulsa". "É unha vergonza que en pleno século XXI sigan a acontecer estes feitos, sigan a organizarse actos misóxinos e absolutamente partidistas e, aínda por riba, impulsados por unha institución como é a Academia Xacobea", defendeu. 

Comentarios