Silvia Cernadas aspira á Alcaldía de Soutomaior á fronte do PSdeG-PSOE

A candidata socialista presenta propostas para o desenvolvemento turístico, do emprego, da cultura, do benestar social e defende os servizos públicos básicos para mellorar a vida da xente
Presentación da candidatura de Silvia Cernadas. DP
photo_camera Presentación da candidatura de Silvia Cernadas. DP

Muller, nova, formada e "moi de Soutomaior". Silvia Cernadas, 34 anos, historiadora con varias publicacións, divulgadora da figura de María Vinyals e experta en turismo, será a candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía á fronte dunha equipa na que se combina a tradición socialista deste concello e unha ampla renovación. Unha candidata, como ela mesma subliña, "profundamente comprometida co seu pobo".

Silvia Cernadas, que vén de ser elixida por aclamación pola asemblea da agrupación local, naceu en Moreira ao pé do castelo de Soutomaior. Profunda coñecedora desta fortaleza que é protagonista en varios dos seus traballos académicos, leva tempo traballando dende o sector privado polo seu concello. Así, entre outras cousas, ten deseñado varios roteiros turísticos pola paisaxe, o patrimonio e os recursos gastronómicos e vitivinícolas

Agora dá o paso para seguir traballando por Soutomaior dende o público. Ademais é a asesora histórica da publicación María Vinyals, un talento rebelde que precisamente se está a presentar estes días. "Hai apenas dez anos María Vinyals era unha completa descoñecida e hoxe é unha figura cada vez máis coñecida e recoñecida e iso é dobremente satisfactorio porque ela e Soutomaior van unidos", explica.

Silvia Cernadas está convencida de que Soutomaior ten "enormes potenciais que están por explotar" e non concibe que un municipio "cun castelo tan espectacular, algúns dos mellores restaurantes de Galicia e un albariño dunha calidade excepcional siga sendo un lugar de paso, onde as e os visitantes non pernoctan".

"O epílogo do pp"

A candidata socialista considera que o Concello está "estancado" e o actual alcalde "instalado no inmobilismo, aínda que agora, como lle sucede sempre que chegan as eleccións municipais anda co medo de perder a Alcaldía". Cernadas ve claro que rematou o ciclo do PP en Soutomaior, "porque a maioría da poboación avalía negativamente esta recente sucesión de maiorías absolutas". "Estas municipais son o epílogo do PP en Soutomaior", sostivo. "Fai falta que entren novas ideas no Concello para centrarnos en mellorar as condicións da vida da xente". engadiu.

Silvia Cernadas subliña que Soutomaior está rodeado por concellos con referencias de alcaldes socialistas como Ponte Caldelas, Vilaboa ou Redondela, sen esquecer a Vigo, e que son exemplo de atención ao centro urbano e tamén ás parroquias. Bota en falta un Goberno local "que pelexe con decisión pola defensa da Sanidade Pública e demande os médicos e os pediatras que faltan e que non se conforme coas deficiencias do novo Instituto de Ensino Secundario, que carece de aparcamento, e dispón de espazos reducidos".

A candidata socialista quere traballar a prol do turismo, o emprego para propiciar a chegada de empresas e xerar emprendemento; a sanidade pública ("cando menos que se cubran as baixas dos médicos"), o saneamento (que non chegou a moitas partes do rural e que conta cunha depuradora deficiente), a cultura (que se limita á Festa da Ostra) ou o Benestar Social. Neste último eido subliña que hai moitas familias con dificultades para chegar a fin de mes nun concello coa renta per cápita máis baixa da área da ría de Vigo.

Nos próximos días dará a coñecer as persoas que integrarán a candidatura e manterá xuntanzas e encontros con colectivos sociais de todo o concello. 

Comentarios