Silvia García continuará tres anos máis á fronte de Belas Artes

A decana foi reelixida tras recibir o voto positivo de preto do 79% dos asistentes á Xunta de Facultade

Silvia García continuará tres anos máis á fronte de Belas Artes. UVIGO
photo_camera Silvia García continuará tres anos máis á fronte de Belas Artes. UVIGO

A profesora do Departamento de Pintura Silvia García foi reelixida este martes decana de Belas Artes, cargo que xa ostentaba desde marzo de 2015, tras recibir o voto positivo de preto do 79% dos asistentes á Xunta de Facultade. 

A única candidatura que concorreu a estas eleccións e que completaban os profesores Carlos Tejo e Marcos Dopico e o PAS Maximino Villaverde recibiu 26 votos favorables, seis en contra e unha abstención, que os sitúan tres anos máis á fronte dun centro que terá como principal reto nesta etapa a futura implantación do novo grao en Deseño e Creación.

Tras agradecer o apoio recibido da Xunta de Facultade, García recoñecía esta nova etapa como unha “responsabilidade”, na que “aproveitaremos o que levamos aprendido polo camiño para intentar acadar algunha mellora” para o centro.

Farao á fronte dun equipo no que Tejo continúa como vicedecano de Relacións Internacionais, Dopico como vicedecano de Imaxe e Calidade e Villaverde como secretario académico, e que a decana prevé completar proximamente coa incorporación dunha nova persoa responsable da área de Organización Académica, para a que se proporá a un profesor ou profesora asociada, unha vez entren en vigor os novos Estatutos da Universidade de Vigo, que farían posible este nomeamento.

Comentarios