Silvia García González: "A nosa previsión é implantar o novo grao de Deseño e Creación no curso 2020-2021"

A excelencia do centro e o seu papel na dinamización cultural da cidade foron claves para que o xurado dos Premios Pontevedreses elixise a Facultade de Belas Artes no apartado de Universidade e Investigación. Despois de 28 anos, a súa decana, que foi alumna no seu día, móstrase orgullosa de que forme parte da dinámica social da Boa Vila

Silvia García, diante do antigo cuartel de San Fernando, na chuviosa mañá de este xoves. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Silvia García, diante do antigo cuartel de San Fernando, na chuviosa mañá de este xoves. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A FACULTADE de Belas Artes foi recoñecida co Premio Pontevedreses no apartado de Universidade e Investigación, que se entregará o vindeiro xoves, 7 de xuño, ás 20.00 horas, nun acto que se celebrará no Auditorio de Afundación. O xurado recoñeceu a excelencia académica do centro e o seu papel na dinamización cultural da cidade. Fundada en 1990, a súa sede trasladouse catro anos despois desde o antigo Hogar Provincial da rúa Serra ao cuartel de San Fernando, no corazón da cidade, onde continúa. Silvia García González, que acaba de revalidar o seu cargo, é decana desde 2015 dunha Facultade na que estudan 800 alumnos (entre o propio grao e os mestrados) e que conta con medio cento de docentes e unha ducia de PAS.

Que significa este recoñecemento para a Facultade?
A verdade é que é un recoñecemento moi importante porque vén da propia cidade. Nótase que levamos aquí máis de 25 anos e que formamos parte da dinámica social. Estamos moi orgullosos de ter esa presenza na cidade.

A vinculación demóstrase a través de actividades como Novos Valores, Artistas na rúa ou mesmo as intervencións no Hospital Provincial. E mesmo cando aparece algo peculiar na rúa a xente "bótalle a culpa" á Facultade. Isto é así?
Si, si. A actividade do estudantado ten unha relación directa co contexto e non sucede como noutras facultades, que imprimen un exercicio e o entregan. Aquí vese un alumno cun cadro, levando traballo para acabar na casa... E durante estes 25 anos estivemos afianzando esa idea de que podemos achegar algo á sociedade, como a colaboración estable co Hospital, co Museo e con algúns colexios, onde se fan proxectos e onde os estudantes teñen a oportunidade de facer o TFG e as prácticas extracurriculares. É unha oportunidade para que os estudantes non se limiten só á parte académica, senón que teñan unha experiencia real de prácticas na sociedade.

Orgullo
Nótase que levamos aquí máis de 25 anos e que formamos parte da dinámica social. Estamos orgullosos desa presenza

Este premio recoñece tamén a faceta investigadora do centro, quizais non tan coñecida para a cidadanía. Cal é o impacto social da Facultade a nivel de transferencia?
Coa sala de exposicións da Vicerreitoría do campus (Sala X), que está aquí, e coas cousas que se organizan na Casa das Campás si que tratamos de comunicar a investigación teórica coa artística. Intentamos que a investigación teña visibilidade, pero creo que esta é unha preocupación da Universidade. Posiblemente unha das vías é a especialización do Campus Crea, que terá a súa dinámica.

Un dos retos máis importantes é a implantación do novo grao en Deseño e Creación. Mantense a previsión de poñelo en marcha no curso 2019-2020?
Temos unha Xunta de Titulación específica para a elaboración da memoria, pero solicitamos á UVigo o aprazamento dun ano, que á súa vez terá que negocialo coa Xunta. Cos mestrados isto é habitual, pero neste caso viuse a necesidade de traballar paralelamente en posibles cambios no Grao en Belas Artes, a proposta dunha parte do profesorado e do estudantado. Precisamos facer unha serie de consultas, estudar ben o que hai que mudar e ese proceso, con máis de 800 persoas, require tempo. A idea é que a titulación poida empezar no curso 2020-2021.

Reestruturación de BB AA
É un proceso complexo que require ter datos e facer unha análise pormenorizada do que funciona ben ou non

Cal foi a resposta da UVigo?
Coincide cun cambio de equipo reitoral e estamos esperando a reunirnos co novo vicerreitor para explicarlle as circunstancias. Cremos que a Universidade nos prestará a máxima colaboración e, ademais, o mapa de titulacións está pechado ata 2020.

Como abordan a reestruturación?
É un proceso complexo. Ver o alcance dese cambio require ter datos e facer unha análise pormenorizada do que funciona ben na carreira, do que se pode mudar... Había unha idea maioritaria pero non é tan sinxelo facelo.

A implantación do novo grao en Deseño e Creación tamén suporá reducir as prazas en Belas Artes?
Si. É unha condición da Xunta de Galicia, que non quere incrementar o número de prazas do Sistema Universitario Galego. No noso caso temos 130 prazas para os novos estudantes de Belas Artes e sacariamos 45 para o novo grao. Tamén habería materias compartidas entre as dúas titulacións. Así mesmo, a formación en Belas Artes co ámbito do Deseño tamén se complementa moi ben.

Esdemga, de estudos propios a mestrado
"As empresas están moi contentas co grao de profesionalidade do noso estudantado"


UNHA DAS VERTENTES máis destacadas da Facultade é a Esdemga, os estudos propios que este curso iniciaron a súa conversión ao Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda, estruturado en dous cursos.

Que valoración fai deste primeiro curso que está case rematado?
Os estudos de Esdemga sempre requiriron un grande esforzo e o cambio fundamental é que o alumnado xa vén cunha carreira detrás, polo que se forman grupos heteroxéneos de persoas de Belas Artes, de Comunicación, de Dereito... Xa teñen unhas dinámicas de traballo e unha madurez que lles facilita o estudo de certas materias. Pero o traballo en moda require moitas experiencias distintas. O mestrado segue requirindo un traballo intenso na facultade para obter un resultado que é a súa presentación profesional. Tamén estamos moi contentos coa relación profesional coas empresas, que veñen ao propio desfile de Debut e ao día seguinte entrevistan aos estudantes e ven os seus "portfolios". A engranaxe está moi ben encaixada. A inserción profesional destes estudos é un dos éxitos que queremos conservar, esa relación estable co ámbito empresarial, acompañar aos estudantes nesa primeira presentación. As empresas están moi contentas co grao de profesionalidade que mostran.

Comentarios