Silvia García presenta a súa dimisión como decana de Belas Artes

Atopábase á fronte do decanato desde 2015

Silvia Pérez, terceira pola esquerda. DUVI
photo_camera Silvia García, terceira pola esquerda. DUVI

A decana de Belas Artes de Pontevedra presentou este xoves a súa dimisión. Despois de que a Xunta de Facultade votase en contra, hai tres semanas, da memoria da titulación do grao en Deseño e Creación que se proxectaba implantar en Belas Artes no curso 2020-2021, a decana deste centro, Silvia García anunciou a súa renuncia en Xunta de Facultade. "Dimito pola perda de confianza que supón non levar adiante o proxecto", explica a profesora do Departamento de Pintura, que se atopaba á fronte do Decanato desde 2015.

"Presento a miña dimisión porque despois de anos de traballo, a memoria da titulación do grao en Deseño e Creación non foi aprobada pola Xunta de Facultade e resulta, por suposto, un fracaso persoal", explicou García na reunión deste órgano colexiado.

Con respecto á nova titulación, o reitor, Manuel Reigosa, reafirmou este mércores na sesión do Claustro Universitario celebrada en Vigo a postura da institución académica de seguir buscando o xeito de implantar o grao no campus no curso 2020-2021. 

Á espera da decisión que se adopte desde a Reitoría, García salientou que "é necesario convocar eleccións e que se presenten aquelas persoas que teñen un proxecto para a facultade".

Tras exercer previamente como coordinadora Erasmus e como vicedecana, García sucedeu ao profesor Juan Carlos Meana á fronte do Decanato en 2015 e foi reelixida en marzo do pasado ano, nunha votación á que se presentou cun equipo que completaban os docentes Begoña Paz, Marcos Dopico e Carlos Tejo como videceanos e o PAS Maximino Villaverde como secretario académico.

"Cando me presentei, tiña claro que un dos meus obxectivos era pensar na facultade como comunidade e ter en conta tamén a responsabilidade social desa comunidade", engadiu García, quen destacou desta etapa o traballo realizado para "que a facultade gañase visibilidade" e lembrou tamén que neste período "obtivemos o recoñecemento da propia cidade co premio Pontevedreses".

Comentarios