De sinalar a impunidade política a render homenaxe á marea branca do Prestige

O Principal acolle este sábado a proxección de Alegría, un documental dirixido por Luis Otero que conta coa actriz Rocío Romero, ambos os dous de Pontevedra
WhatsApp Image 2022-11-18 at 17.23.05 (1)
photo_camera Cristóbal López, Luis Otero e Xaquín Moreda co cartel do documental. DP

O Teatro Principal acolle este sábado (19.00 horas, entrada libre) a proxección de Alegría, un documental promovido por Ecoloxistas en Acción e dirixido polo pontevedrés Luis Otero, de Urco Producións, para quen é a súa ópera prima. O Concello de Pontevedra apoia esta iniciativa coa cesión do espazo e coa presenza do concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, na presentación celebrada este venres.

 

Cristóbal López, voceiro da asociación ecoloxista, explicou que a idea xurdiu de cara ao 20 aniversario do afundimento do Prestige. Un dos seus obxectivos é "sinalar que a responsabilidade política quedou en nada, sinalar esa impunidade", tamén a do "entramado societario" a cargo do buque, pois isto "fai que a xente que contamina non pague".

Así mesmo fixo fincapé en que, a pesar do avance da tecnoloxía nas últimas dúas décadas, unha catástrofe como esta "pode volverse repetir" e puxo como exemplo o ocorrido co Exxon Valdez. Non en van, o tráfico de barcos con materias perigosas polas augas galegas é continuo, non só con petróleo ("deberíase reducir a dependencia del"), tamén con cloro, "unha bomba de reloxería peor aínda".

A outra vertente do documental é render unha homenaxe á "marea branca", tanto á xente de Galicia como a que chegou doutras comunidades e países mentres "o Estado estaba totalmente ausente" pero, ao mesmo tempo, "criminalizou a este xente que, non só axudou a limpar, senón que conseguiu devolverlle a dignidade ao pobo galego", en alusión ao movemento Nunca Máis.

Luis Otero, director da cinta, referiuse ao sucedido como "un crime estatal corporativo", pois "todo o sistema está feito" para facilitar "este tipo de negocios no que oligarcas rusos", caso de Mijail Friedman, contratan empresas para transportar petróleo en barcos deteriorados, como o Prestige. "Os estados e as leis permíteno", lamentou.

"Darlle voz ao pobo"

Luis Otero, pola súa banda, explicou sobre a súa opera prima que quixeron "darlle voz ao pobo, ás persoas que non adoitan saír na tele", polo que descartaron testemuñas de políticos.

A peza, de hora e media de duración, segue os pasos da actriz pontevedresa Rocío Romero pola costa galega entrevistándose con toda esta xente protagonista. Ela é o alter ego de Nerea, unha voluntaria madrileña de Ecologistas en Acción que participou na limpeza do chapapote. "Nerea é real, pero non cadraban as circunstancias para que rodara ela mesma", explicaron. Por iso mesturaron documentos periodísticos con escenas de ficción.

Percorrido

Alegría xa se estreou en Madrid e Barcelona e tamén pasou ou pasará nestas semanas por outras cidades galegas (Santiago, Lugo, Vigo , Ourense...) e españolas, así como por concellos da Costa da Morte.

En cada unha das súas paradas, a proxección vese acompañada cunha pequena presentación previa e un coloquio posterior no que se lles dará voz a persoas do público que queiran recordar as súas experiencias co Prestige e a marea negra.

Otero, ademais, subliñou que "a idea" é levar esta obra a festivais de cine "e darlle un percorrido polo circuito oficial" coa "esperanza de acceder a plataformas dixitais", compaxinando este percorrido con accións coma a deste sábado, que se celebra xusto no día que se cumpren os 20 anos do afundimento.

Comentarios