'A síndrome de Lis' conquista a Ferrería nunha nova sesión de 'Con voz de muller'

Xunto ao monólogo, o pasarrúas a cargo de Somdolilá foi a outra grande atracción da programación do pasado domingo
Rocío Barrios, interpretando  monólogo na Ferrería.  ANXO LORENZO
photo_camera Rocío Barrios, interpretando o monólogo na Ferrería. ANXO LORENZO

Non houbo tempo para o descanso: tras un parón de dous días, os monólogos cambiaron Campolongo pola Ferrería e volveron a cidade de Pontevedra da man da iniciativa Con voz de muller. A obra teatralizada que escribiu Diana López e que interpreta Rocío Barrio, titulada A síndrome de Lis, foi a encargada de pechar a segunda xornada deste ciclo de espectáculos ao que aínda lle restan varios capítulos nos próximos días.

Cun decorado típico do teatro, que axuda ao espectador a introducirse de forma máis orgánica na obra, Barrio púxose na pel de Lis Lúa, unha xornalista reconvertida en actriz que acaba de ser seleccionada para protagonizar a nova serie galega de Netflix. Unha serie que, para sorpresa de -case- ninguén, tratará sobre o narcotráfico en Galicia.

Esta premisa non foi, porén, máis que un macguffin empregado pola autora para presentarlles aos espectadores a verdadeira trama da obra: un repaso pola vida e milagres de Lis Lúa, centrada nunha autoestima que cotiza á baixa. Coa comedia como vehículo dunha historia presentada desde o humor pero cuberta de tristeza, a protagonista repasou ante a atenta mirada do público da Ferrería unha vida na que a depresión, a ansiedade, o acoso sexual ou o síndrome da impostora foron algúns dos seus desagradecidos compañeiros de viaxe.

O monólogo que escribiu Diana López e que interpreta Rocío Barrios profundiza en problemas como a ansiedade

Unha reflexión que, aínda envolta en diversión, de seguro fixo repensar ás xentes da Boa Vila sobre todos os temas aos que se ten que enfrontar unha muller polo simple feito de ser muller e unha persoa, tamén, polo simple feito de ser persoa.

O monólogo, porén, non foi o único prato que Con voz de muller ofreceu no seu menú do pasado domingo: o pasarúas de Somdolilá, entre os graves dos surdos e os repiques, púxose a bailar cunha cidade que acabou por moverse ao ritmo da súa percusión.

Unha cidade que,este luns, volve a ter unha nova cita con este ciclo de espectáculos. Ás 20.00 horas, nas rúas do centro, Brassica Rapa collerá o testemuño de Somdolilá para protagonizar un novo episodio dos pasarrúas, neste caso aderezado pola súa innovadora proposta: esa que mistura as influencias das brass bands de Nova York coas big bands e as charangas tradicionais.

A xornada deste luns estará protagonizada polo pasarrúas de Somdoillá e o concerto de Guadi Galego na Praza da Ferrería

Para rematar, outra vez coa Praza da Ferraría como escenario e de novo ás 22.30 horas, Guadi Galego ofrecerá un concerto no que o indie, o folk e o pop serán algúns dos sons que as súas cancións filtrarán polos oídos de todas aquelas persoas que decidan achegarse ao espectáculo.

Comentarios