A situación sanitaria leva a cancelar o Festival Núbebes

"Levabamos traballando nel dende maio, pero a situación é delicada"
2020091213093124676
photo_camera O festival cancelouse por mor da covid. ARQUIVO

O Concello de Pontevedra vén de cancelar o festival para bebés e familias Núbebes, que ía celebrar a súa oitava edición entre o 18 e o 27 de setembro. "A decisión foi tomada por mor da situación sanitaria actual e con ánimo de evitar os desprazamentos entre cidades", explica a institución municipal, que enmarca a decisión na serie de suspensións de actos que supoñen confluencia de público.

Pese a que o festival estaba deseñado para cumprir con todas as medidas de seguridade sinaladas polas autoridades, que inclúen unha considerable redución dos aforos, tal e como trasladou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, en palabras facilitadas polo Concello, "dada a situación actual pensamos que cancelalo é o máis prudente". "Se somos responsables, e fago un chamado a que así sexa, pronto poderemos recuperar este festival e levar a cabo a próxima edición en boas condicións", engadiu.

A actriz e dramaturga Andrea Bayer, fundadora e creadora de Núbebes, explicaba este venres que, "a pesar da gran pena que me dá, sobre todo polas compañías que quedan sen poder actuar", compartía a decisión do Concello. "O festival estaba en marcha e con todo preparado para celebrarse. Levabamos traballando nel dende maio, pero entendemos que agora mesmo a situación de Pontevedra é delicada". A Xunta decidiu adoptar restricións especiais na cidade tralo aumento de contaxios de coronavirus nos últimos días. "Tivemos moitísimas dúbidas sobre que sería o mellor: transformalo, emitilo por streaming... Pero eu creo que hai momentos nos que é mellor tomar unha decisión e deixar de dar voltas. Este era un deles. Porque é certo que Núbebes é un festival que conleva desprazamentos interprovinciais e neste momento o que debe primar é a seguridade sanitaria, que é o que a todos máis nos preocupa".

O festival Núbebes, dirixido a bebés, é único nas súas características no Noroeste de España.

Comentarios