SmartPeme pon en marcha seis obradoiros en liña de redes, ciberseguridade ou turismo

Cada actividade conta con dez prazas
2020062910520677131
photo_camera Logo da iniciativa. DEPUTACIÓN

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta nesta semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con dez prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.

A acción deste luns (13.00 horas) será 'Mellora a túa presenza online promocionando as entradas do teu blog', a cargo de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas. O martes realizaranse dous obradoiros: o enxeñeiro informático José Luis Taboada impartirá 'Consideracións á hora de crear o meu modelo de negocio' (12.00) e Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, 'Optimización de imaxes: Mellora a velocidade da túa web' (17.00).

O mércores 1 de xullo (12.00) terá lugar 'Ferramentas de chat e atención ao cliente', que impartirá a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas Fátima Faílde.

No que respecta ao xoves 2 (17.00 horas), Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, desenvolverá o obradoiro 'Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest'.

Para rematar a semana, o venres 3 (12.00 horas) chega 'Ciberseguridade - Por que necesito unha VPN? Configuración básica', a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.