Sobe un 15,1% o prezo da gasolina con respecto a finais de xuño tras o anuncio do novo gravame ao diésel

O prezo do gasóleo A sitúase na cidade de Pontevedra nunha media de 1,276 euros por litro, mentres que a gasolina alcanza os 1,546

 

Traballador dunha estación de servizo sumistrando combustible a un vehículo. DAVID FREIRE (ARCHIVO)
photo_camera Traballador dunha estación de servizo sumistrando combustible a un vehículo. DAVID FREIRE (ARCHIVO)

Encher un depósito de 50 litros de carburante de 95 octanos custa, de media, 77,30 euros na cidade do Lérez, dez euros máis do que valía a finais do pasado mes de xuño. Este aumento, do 15,1%, contrasta coa moderación da suba do prezo do diésel, que se sitúa no 1,2%.

Estes datos enmárcanse no recente anuncio da ministra de Industria, Reyes Maroto, no que confirmaba que o Executivo traballaba xa no borrador da nova fiscalidade que gravará o diésel, coa fin de incluíla no proxecto de orzamentos para o 2019.

O imposto especial de hidrocarburos, que se suma ao IVE co que está gravado o consumo de combustibles, consta de tres tramos, un dos cales, o estatal xeral, encarece a día de hoxe en 40,7 céntimos cada litro de gasolina e en 30,7 céntimos cada litro de gasóleo. A intención do Goberno é impor dez céntimos máis ao diésel para equiparar a súa carga fiscal coa da gasolina, co obxectivo de reducir as emisións contaminantes.

O presidente da Asociación provincial de empresarios de estaciones de servicio de Pontevedra (Aeesp), Benigno Redondo, considera "posible" que a suba de prezo da gasolina sexa un "movemento de ficha" por parte das petroleiras ante estes últimos anuncios do Executivo estatal.

Redondo fai un chamamento á "cordura" e insiste en que "se o gasóleo non era tan malo ata agora, non o vai ser de súpeto". Contradí tamén o discurso do Goberno á hora de explicar esta proposta de aumento do gravame do diésel afirmando que "os expertos din que os novos vehículos de gasóleo, que se comercializan coa tecnoloxía AdBlue, son menos contaminantes que a gasolina".

A intención do Goberno é impor dez céntimos máis ao diésel para equiparar a súa carga fiscal coa da gasolina

Para o presidente da Aeesp, a solución ao problema medioambiental non pode ser "o cambio do diésel á gasolina", senón que é necesario iniciar "unha mudanza do modelo enerxético, que vai ser un proceso moito máis lento e gradual". "Penso que a proposta do Goberno ten máis que ver coa recadación que coa preservación do medio ambiente, que é o que os gobernos deben perseguir", engade Redondo. Segundo as previsións do Executivo, o aumento na recadación a través da elevación da fiscalidade ao gasóleo será de 2.140 millóns de euros.

A diferenza entre o prezo do carburante de 95 octanos e o gasoil na cidade de Pontevedra sitúase a día de hoxe en 27 céntimos por litro, que serían 13,50 euros á hora de encher un depósito de 50 litros de capacidade. A exponencialidade do aumento do prezo da gasolina no último mes fai que esta fenda sexa moito máis pronunciada do que era a finais de xuño, cando se situaba en menos de dez céntimos. A día de hoxe, polo tanto, a fenda entre os prezos de diésel e gasolina, que non facía máis que reducirse nos últimos meses, está de novo ensanchándose.

As viaxes das vacacións ou dos regresos á casa converten o verán na época do ano con máis movemento nas estradas e polo tanto con maior consumo de combustibles. Isto reflíctese tamén nos prezos, que están a ser máis elevados que no mesmo período do ano 2017.

Benigno Redondo insiste en que estes datos teñen máis que ver coas "marxes marcadas polas petroleiras para os prezos dos barrís" que cunha "inflación estival", pero recoñece que a flutuación crecente da demanda tamén exerce a súa influencia sobre o importe dos carburantes.

Gasolineiras
Variacións de prezo en Pontevedra


Encher un depósito con capacidade de 50 litros de gasóleo custa de media 63,80 euros na Boa Vila, pero existen, segundo datos do Ministerio para la Transición Ecológica, variacións entre as distintas estacións de servizo.

A máis barata neste momento é a gasolineira Ere que se atopa no Arco (Lérez), na P0-223, cun prezo de 1,259 euros por litro. A diferenza coa máis cara, a Repsol do Paseo Domingo Fontán, é de tres céntimos por litro, xa que nesta o diésel se ofrece a 1,289 euros. No caso de encher o depósito nunha ou noutra gasolineira, a diferenza coa que se atoparía o consumidor sería de 1,50 euros.

Gasolina
No que á gasolina 95 respecta, a máis barata atópase tanto na área de servizo ERE do Arco como na Repsol do Paseo Domingo Fontán (1,339 euros o litro), fronte á CEPSA de Monte Porreiro (Rúa Italia), que é a que ten este carburante máis caro en toda a cidade neste momento, a 1,364 euros o litro.

Esta diferenza de 2,5 céntimos entre as gasolineiras supón á hora de encher o depósito unha diferenza de 1,25 euros no gasto, fenda menor que a que existe entre as estacións de servizo pontevedresas con respecto ao combustible diésel.