Os socialistas poñen en valor a aposta do Goberno polo transporte gratuíto

David Regades: "Este é o Goberno da xente, o que sempre se pon do lado da cidadanía con medidas que melloran a vida de quen máis o necesita"
Os candidatos do PSOE foron recibidos en Vilagarcía polo o alcalde e outros militantes socialistas. DP
photo_camera Os candidatos do PSOE foron recibidos en Vilagarcía polo o alcalde e outros militantes socialistas. DP

A candidatura socialista ás Cortes Xerais tomou este sábado o tren de cercanías para poñer en valor a aposta do Goberno de España para potenciar o transporte gratuíto e apoiar á cidadanía a superar os efectos prexudiciais nas súas economías domésticas da guerra de Ucraína. Case 40.000 pontevedreses e pontevedresas beneficiáronse, no que vai de ano, da gratuidade das viaxes en tren no eixe Atlántico ferroviario entre Vigo e A Coruña.

David Regades, número 1 ao Congreso, acompañado de Leticia Gallego, tomou o cercanías das 11.00 horas na estación de Urzaiz e de aí partiu cara a Pontevedra, onde se incorporou ás 11.15 horas a candidata ao Congreso Marica Adrio. Na chegada á estación de Vilagarcía, ás 11.29 horas, foron recibidos polo candidato ao Congreso Modesto Pose, acompañado do alcalde, Alberto Varela.

Regades aproveitou a ocasión para lembrar que é o Goberno de Pedro Sánchez o que recuperou o tempo perdido durante o mandato de Ana Pastor á fronte do Ministerio de Fomento deixou caducar a Declaración de Impacto Ambiental de Cerdedo, que permitiría aforrar uns 20 minutos na viaxe a Madrid dende Vilagarcía co Ave. Pastor, durante o Goberno de Rajoy, prometeu iniciar esa obra en 2016 e incumpriu. O actual Goberno tivo que reiniciar o expediente cun estudo hidroxeolóxico que vén de ser aprobado e que volve despexar o camiño administrativo para o estudo administrativo e a redacción do proxecto.

A pé de andén, David Regades explicou que en xaneiro deste ano o Goberno de España deu un paso pioneiro implantando a gratuidade dos Cercanías e bonificando o 50% dos Avant poñendo en funcionamento un sistema de bonos cuatrimestrais que permiten viaxar gratis ata catro veces ao día. A día de hoxe, cando aínda non rematou o segundo cuatrimestre, explicou, na nosa provincia expedíronse preto de 40.000 bonos, polo que outros tantos pontevedreses e pontevedresas beneficiáronse desta medida que non só impulsa o transporte sostible, senón que supón unha importante axuda económica para as persoas que se desprazan a diario ao seu traballo ou ao seu centro de estudos. Esta bonificación foi incluída polo Goberno presidido polo PSOE no Decreto de medidas para paliar os efectos da Guerra de Ucraína.

"Este é o Goberno da xente", afirmou Regades, "que toma medidas que melloran a vida das persoas que máis o necesitan no ámbito das pensións, as becas, o prezo dos alimentos, o prezo dos carburantes, o salario mínimo, ou o tipo de contrato laboral". "Un Goberno", engadiu, "que tamén se pon do lado da cidadanía, nestas circunstancias difíciles que vive toda Europa por culpa de Putin, con algo tan destacado como a gratuidade do transporte".