O PSOE de Pontevedra acompañará aos hostaleiros nunha reunión con Simancas

O encontro producirase este luns 21 de decembro no Congreso dos Deputados de Madrid
Tercera etapa de los hosteleros de Pontevedra en su camino a Madrid. HOEMPO
photo_camera Tercera etapa de los hosteleros de Pontevedra en su camino a Madrid. HOEMPO

Despois de conseguir forzar a vía do diálogo cos voceiros do sector e de lograr puntos de encontro para achegar solucións ás súas demandas dende o Concello de Pontevedra, o Grupo Municipal do PSOE decidiu respaldar en Madrid este luns 21 de decembro as reivindicacións que os hostaleiros lle transmitirán ao Goberno central nun multitudinario acto de protesta, coincidindo coa chegada do seu equipo rescate á capital do Estado. As xestións realizadas polos socialistas a través do deputado por Pontevedra nas Cortes Xerais, Guillermo Meijón, traduciranse ademais nunha recepción institucional aos hostaleiros por parte do secretario xeral do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados, Rafael Simancas, que manterá unha reunión con eles para escoitar as súas demandas e explicarlles as medidas que ten en marcha o Executivo.

No encontro cos representantes da asociación Hoempo, que terá lugar ás 12:30 horas na Sala Sagasta do Congreso dos Deputados (Carrera de San Jerónimo, 40), tamén participarán, ademais do propio Meijón, a senadora Marica Adrio, o tenente de alcalde de Pontevedra e voceiro municipal do PSOE, Tino Fernández, e os concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey. O portavoz do Grupo Socialista no Concello considera “lamentable que a Xunta de Galicia criminalizase ao sector da hostalería, lle impedise traballar nas mesmas condicións de seguridade que ao resto de sectores económicos e levase a centos de familias pontevedresas e galegas a esta situación límite”.

“Os hostaleiros afirman que a Xunta os deixou abandonados, ata tal punto que, segundo sinalaron hai uns días, lle perderon totalmente a confianza. O que non é de estrañar tendo en conta que aquela comparecencia de Feijóo afirmando, no mesmo descurso, que o sector da hostalería non tiña a culpa dos gromos e, a continuación, pedíndolles perdón por pechalos, foi o máis delirante exercicio de cinismo e arbitrariedade que padecimos durante esta pandemia por parte dese ‘loxicoicida’ que temos en Monte Pío. Se os gromos non procedían deles, por que aplicarlles peches e restricións que non se aplicaron a outros negocios? É unha vergoña que teñan que vir camiñando ata Madrid a reclamar aquilo ao que a administación competente non lle soubo ou non lle quixo dar resposta en Santiago”, subliña Tino Fernández.

Guillermo Meijón, coordinador dos deputados e senadores do PSdeG-PSOE e adxunto á dirección do Grupo Parlamentario Socialista, garante que o Executivo de Pedro Sánchez “artellará as medidas que sexan necesarias para que ninguén quede atrás, especialmente no que atinxe a un sector tan castigado polas restricións sanitarias como o da hostalería”. O deputado cre que “o camiño da empatía e o diálogo polo que apostamos os progresistas é o único que nos vai permitir obter saídas ás problemáticas que se derivan da crise sanitaria e económica que estamos a vivir” e amósase convencido de que “o encontro con Rafael Simancas vai a servir para devolverlles aos hostaleiros a confianza que perderon nos políticos, para que non se sintan sós e para que reciban o firme compromiso do Goberno progresista de axudarlles a superar esta difícil situación”.

Comentarios