Os socialistas prometen carrís bici nas 'arterias' con dobre sentido do casco urbano

Xerar un anel ciclista que permita circunvalar o casco urbano en condicións de seguridade para os usuarios da bicicleta é un dos principais proxectos de mobilidade proposta polo PSOE

Rede Urbana Carrís Bici PSOE
photo_camera Mapa da nova proposta socialista (en verde). En laranxa aparece o carril bici actual e en amarelo o treito "surrealista" no que teoricamente poden circular as bicis. CEDIDA

Xerar un anel ciclista que permita circunvalar o casco urbano en condicións de seguridade polas rúas con máis tráfico e máis perigo para os usuarios da bicicleta, como as avenidas de Vigo, Bos Aires, Uruguai, As Corvaceiras, María Victoria Moreno, 12 de Novembro e Xosé Malvar, é un dos principais proxectos de mobilidade que o PSOE quere facer realidade no vindeiro mandato. A malla urbana de carril bici deseñada polos socialistas a proposta da asociación Pedaladas tamén contempla as conexións do campus universitario co centro da cidade e a futura estación intermodal e a do casco urbano e as vías antes sinaladas con barrios e parroquias de Mollavao, O Burgo, Monte Porreiro, Estribela, Lérez, Tomeza ou Mourente. Segundo sinalou o concelleiro socialista Iván Puentes, os treitos de nova creación que se propoñen traduciríanse en 16,5 quilómetros de carril bici, máis do dobre dos existentes na actualidade.

Puentes tamén entende que, "nas rúas que son de sentido único, teñen un só carril de circulación e un límite de velocidade de 30 km/h, é dicir, as de practicamente todo o centro de Pontevedra, as bicicletas deberían poder circular en sentido contrario ao dos coches". Para facelo posible en condicións de seguridade, ampliaríase o espazo dispoñible, con solucións como (no caso de rúas como Cobián Roffignac) a eliminación de bolardos e o pintado dunha liña específica reservada para a circulación de bicicletas.

Comentarios