"Somos o Museo de Pontevedra, non o Museo do Xamón"

Traballadores do Museo de Pontevedra critican duramente a situación que vive a institución, as bases que rexen a convocatoria para o cargo de novo director e o papel que veñen desenvolvendo tanto Xosé Leal como César Mosquera

Ángela Cómesaña y Juan de la Vega. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ángela Cómesaña y Juan de la Vega. GONZALO GARCÍA

"Se tanto valoran este ao que se refiren como o Museo Nacional de Galicia que o demostren. Somos o Museo de Pontevedra, non o Museo do Xamón". Os delegados sindicais de CC OO e traballadores do Museo de Pontevedra Ángela Comesaña e Juan de la Vega veñen de criticar duramente a situación que vive a institución museística trala xubilación de Carlos Valle no mes de novembro, as bases que rexen a convocatoria para o cargo de novo director e o papel que veñen desenvolvendo tanto o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, como o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

Os traballadores comezaron referíndose ao periodo de tempo que o Museo leva sen dirección, ao que hai que sumar agora os prazos da convocatoria para ocupar o cargo. "Consideramos unha tremenda irresponsabilidade por parte dos dirixentes políticos desta Deputación permitir que o Museo permaneza sen dirección un mínimo de cinco meses", dixeron. Ao mesmo tempo tamén dixeron sentirse ofendidos pola actitude do deputado de Cultura que leva máis dun ano sen manter ningún tipo de reunión co persoal. "Denunciamos a total e absoluta falta de respecto cara o cadro de persoal deo Museo que, pese a telo solicituado en reiteradas ocasión, non foi digno ata o día de hoxe de recibir explicación de ningún tipo por parte do deputado de Cultura, que nin sabe nin contesta". Aínda que engadiron, como opinión persoal, que "en realidade parece ter por detrás alguén que é o que manda".

O persoal vai coñecendo o que acontece polos "medios de comunicación"

Igualmente, os representantes do persoal explicaron que viñan coñecendo o que sucedía na institución na que traballan "polos medios de comunicación", incluído o feito de que seriían os técnicos "de cada sección", como informou a Deputación, os que asumirían as súas diferentes responsabilidades en ausencia dun director, "responsabilidades que non están contempladas nas súas retribucións". Lembraron ademais que o Museo carece dun organigrama e, polo tanto, de postos intermedios e de departamentos. Así as cousas, "o persoal actúa por estrito sentido da responsabilidade cara á cidadanía, a cal se debe".

No comunicado de CC OO faise referencia ás declaracións de César Mosquera do día no que se presentaron as bases da convocatoria para a nova dirección, nas que dicía que se aspiraba con elas "ao máximo" e se mencionaba especificamente o feito de que poderían interesar a decanos de facultades de Belas Artes ou a directores doutros museo, excluíndo unha referencia aos traballadores do Museo. "Pecha o señor Mosquera a posibilidade que poida suceder a Carlos Valle un membro da actual plantilla (...)  Nin sequera teñen contemplado, tal e como fixeron noutros servizos, como o da Finca de Mouriscade, a posibilidade de cubrir o posto de dirección de maneira temporal cun técnico superio do propio Museo".

"O Museo queda á mercé da xestión política que toque en cada momento"

Os traballadores achacan o xeito de actuar da Deputación, organismo do que depende o Museo de Pontevedra, ao descoñecemento dos políticos. "Nestas mans inexpertas e ignorantes foi recaer a responsabilidade de decidir quen será a persoa que dirixirá o Museo". Falaron de "improvisación política" e dunhas bases que poñen á institución museística "no grave perigo de ser sometido a inxerencias políticas" e que non inclúen nin sequera unha baremación de méritos ou un tribunal avaliador composto por especialistas e profesionais do sector. "O Museo queda á mercé da xestión política que toque en cada momento". Comesaña e De la Vega sinalaron o que consideran unha incoherencia por parte de Mosquera, firme opositor á política desenvolvida por parte do Goberno provincial da etapa de Rafael Louzán. "Catro anos despois seguimos igual: sen autonomía, sen organigrama, sen guía de funcións, sen dirección e sen sentido. Por non ter, non temos nin uns estatutos que regulen o noso funcionamento", dixo Ángela Comesaña. "Igual non somos nin un Museo".

RISCO DE "DEDAZO". Asimesmo alertaron de que o Museo de Pontevedra "corre o grave perigo de ser sometido a inxerencias políticas" da Deputación provincial por impor o "dedazo" na convocatoria da praza de dirección deste organismo cultural. 

Así, este sindicato cuestiona as bases deste proceso de contratación para cubrir unha vacante nun posto de alta dirección, aínda que admite ser consciente de que "é legal" aínda que non lle parece ético". 

Por todo isto, os delegados sindicais pediron que se anulen as bases, "que simplemente son maquillaxe e converten nun cargo de libre disposición a dirección, co perigo da manipulación política que conleva" e "que se comece por crear un organigrama e aprobar uns estatutos".

César Mosquera: "Eu posiblemente non o faría así, pero haberá que encaixar todo isto na lexislación vixente"

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, tras ser preguntado pola rolda de prensa dos traballadores do Museo, volveu explicar, como fixera o día da presentación das bases, que a convocatoria se axustaba á lei. "Eu posiblemente non o faría así, pero haberá que encaixar todo isto na lexislación vixente". Mosquera asegurou que non se excluía a ninguén da convocatoria e animou ao persoal do Museo a optar á súa dirección. "Que se presenten".

Comentarios