Dan o salto á industria farmacéutica con Hifas Biologics, "unha plataforma para o desenvolvemento de antibióticos de orixe fúnxica".
É que, por unha banda, viñamos observando que existe unha actividade antibiótica potente nos fungos. De feito, o primeiro é máis coñecido antibiótico, a penicilina, procede dun fungo. Pero existen moitos outros que poden desenvolver capacidades cara distintos tipos de bacterias. E, por outra banda, está o chamamento da Organización Mundial da Saúde (OMS) para traballar sobre o perigo inminente á resistencia antibiótica. Así que nos puxemos a investigar coa ilusión de poder traballar no que é a fase temperá dun fármaco. Do que se trata é de demostrar que existe esa capacidade fúnxica. Despois, en fases máis avanzadas, é a industria farmacéutica a que ten que coller o proxecto e realizar o desenvolvemento final do produto que chegue ao mercado.
Vanse ocupar entón do que é a investigación que precedería ao desenvolvemento dun medicamento.
Si. Se falamos de I+D+i, nós ocupariámonos do que sería o I. Recollida de datos, formulación de hipóteses, obtencións de conclusións... Imos comezar a traballar con cepas novas, cepas galegas, que recollemos aquí, na nosa foresta. Secuenciarémolas buscando moléculas e activos non descritos que puideran ter esta actividade antibiótica. Que vaiamos traballar con cepas galegas ten un valor moi bonito para min.
Porque, a pesar da proxección internacional que acadou, Hifas da Terra segue manténdose en Pontevedra e segue presumindo de ser unha empresa galega.
Somos uns embaixadores moi orgullosos da nosa terra. Cando saímos por aí fóra, levamos a Pontevedra e a Galicia como emblema. É a nosa orixe; é a nosa forza, porque a potencia que temos tanto a nivel forestal como marítimo é incontestable; e é a nosa tradición. Incluso a nivel de alimentación, a dieta atlántica galega é hoxe unha referencia. Somos dos grandes centenarios do mundo. A calidade de vida que temos aquí é tamén froito da nosa enorme biodiversidade.
Cando creou esta empresa en 1998 a partir dun proxecto universitario facíase idea de ata onde chegaría?
O ano que vén, Hifas da Terra cumpre 25 anos e non sabes o que me lembro da primeira entrevista que fixeron cando me premiaron o proxecto. Na Praza de Barcelos. Quizais incluso foi o propio Diario de Pontevedra. Preguntáronme que esperaba desta idea. Contesteilles que agardaba que algún día en Europa se consumiran os cogomelos de Hifas da Terra. Verdadeiramente chegamos moitísimo máis lonxe que iso. Acadamos niveis aos que nunca imaxinei que podiamos chegar. A día de hoxe temos dous ensaios clínicos, en hospitais de Vigo e de Ourense, en cancro colorrectal e en cancro de mama, dos que estamos a punto de ter os resultados. Temos unha empresa facendo o camiño biofarma como é Biologics. Temos chamando á porta investidores a nivel mundial. Operamos con cinco filiais e estamos exportando a 25 países. E, o máis gratificante de todo, a resposta que nos chega das persoas que consumen os nosos produtos. O que máis me din é: cambiáchesme a vida. E iso para min, como bióloga e como doutora en Medicina en Oncoloxía Clínica, e para todo o meu equipo é o máis bonito. Porque o meu obxectivo vital e o que me prometín sempre a min mesma era que traballaría para axudar a cambiar a vida das persoas.
"O meu obxectivo vital e o que me prometín sempre a min mesma é que traballaría para axudar a mellorar a vida das persoas"
Menciona eses ensaios clínicos con enfermos de cancro. Tamén traballaron con algunha residencia de anciáns durante a covid. Existe evidencia científica suficiente que avale as propiedades dos fungos?
Moitísima. Isto é algo hoxe totalmente superado. Calquera que teña un ordenador pode comprobar que existen máis de 50.000 publicacións científicas que demostran propiedades terapéuticas de distintas especies de fungos. Detrás de cada unha desas publicacións ten que haber, cando menos, seis persoas. Así que estamos falando de 300.000 investigadores traballando sobre as propiedades dos cogomelos. Agora do que se trata é de precisar e de ver por onde tirar, que camiño seguir.
Que é a medicina integrativa?
O que se chama functional medicine nos Estados Unidos. Aquí en Europa, medicina integrativa. É esa que se preocupa dun paciente de forma integral. É dicir, o que trata é de integrar todas as terapias que poden axudar a vida. Evidentemente nela é importantísimo o fármaco, por suposto, pero non só. Os fármacos son os que nos salvan a vida, pero hai moito máis. Por exemplo hai moitísima patoloxía crónico-dexenerativa na que deberían axustarse máis cousas: alimentación, exercicio, descanso, análise de estrés, consumo de tabaco e outras substancias tóxicas... Unha vez que se revisa como se vive é cando se actúa dende distintos aspectos.
Os suplementos nutricionais viñeron para quedar?
Efectivamente. Empezaron como unha moda e, como moda que son, hai moitos que non valen para nada. Pero o tempo porá as cousas no seu lugar. E os produtos que funcionan, quedarán. Porque contribúen a que a nosa calidade de vida sexa maior.
Dedica parte do seu ocio a recoller cogomelos polo monte ou nin se lle pasa pola cabeza?
Si que o fago, si. Aínda o outro día polo Paseo do Lérez, que me encanta, me puxen a apañar cantarelas. Calquera que me vexa seguro que pensa que son unha enferma (ri).