Soño con tintes de pesadelo: Asobal e os aprazamentos ocasionados polo covid

Javiva analiza o comezo do Cisne Dicsa en Asobal, marcado polos contratempos da pandemia. ► "Oxalá se resolva pronto este pesadelo"
 
Javiva lanzando a portería durante o partido contra o Cuenca. RAFA FARIÑA
photo_camera Javiva lanzando a portería durante o partido contra o Cuenca. RAFA FARIÑA

O Cisne Dicsa Modular afronta o parón de Asobal no medio do caos provocado pola pandemia e co modelo de competición seriamente cuestionado pola cantidade de aprazamentos e a dificultade de cumprir co calendario. Despois de padecer os efectos da Covid nas propias carnes, o plantel pontevedrés está a espera de organizar os partidos adiados e coa incerteza sobre o que vai acontecer coa liga. Son demasiados contratempos que non empañan o mérito do equipo no seu debut na Asobal, pero deixan un sabor agridoce.

O capitán do equipo, Javi Vázquez Javiva, analiza o que foron dous tolos meses de competición marcado polas circunstancias extra deportivas. "Oxalá se resolva dunha maldita vez este pesadelo e quen teña que decidir vexa que isto non é viable", aclara.

"Todo o que está a acontecer coas suspensións vai complicar a conclusión da temporada, cunha gran acumulación de partidos. Ademais xa hai peches de Comunidades Autónomas. Cústame pensar que se pode competir e seguir a liga cunhas garantías", explica o xogador pontevedrés.

O sistema de competición non é viable, pero xa non era ao principio da temporada

O extremo cisneísta súmase ás críticas xeralizadas ao sistema de Liga Asobal, con 18 equipos e 34 xornadas sobre un calendario no que se están a producir aprazamentos de forma xeralizada tódalas xornadas.

"Non é viable, pero xa non o era ao comezo da temporada. Esíxese un troco no modelo e debe ser canto antes. Estamos a demoralo demasiado", explica, antes de lembrar as diferentes posibilidades propostas, entre as que se atopan acabar a primeira volta e despois buscar unha reestruturación ou mesmo crear dous grupos de liga.

"Ten que haber dous grupos desde xa. A mellor solución é actuar canto antes, tanto desde un punto de vista sanitario como de nivel de competición. Vai haber máis positivos e máis aprazamentos por ese motivo e a acumulación de partidos converte isto nun descontrol". 

Despois de pasar por dúas semanas de confinamento, e de vivir a saída do equipo de David Chapela por dúbidas ao respecto da situación sanitaria, o equipo sentiu unha maior incerteza, como recoñece Javiva.

A decisión de David Chapela foi respectada por todos, pero deunos que pensar sobre as nosas vidas

"É complicado levar o día a día. A decisión de David foi respectada por todos ao máximo, pero é certo que todo isto xera incertidume. E a iso non axuda a falta de uniformidade cos test nos equipos. Parece que se quere xogar a toda costa, pero para iso é importante un criterio uniforme cos test e as máximas garantías sanitarias", explicou, agradecendo a chegada dos test de antíxenos merced ao acordo de Asobal con Laliga.

Desde o punto de vista persoal e de club, Javiva lembra que "algún compaxinamos o noso traballo no Cisne Dicsa con outros oficios. E a decisión de David deunos que pensar sobre as nosas vidas e ocupacións. No meu caso, teño outro traballo, tiven que teletraballar durante o encerro, que é algo que o meu traballo permite. Pero se, por exemplo, es empregado nunha fábrica que requere traballo presenzal, igual a empresa non pode permitirse que esteas confinado. Hai que esixir máximas garantías", insiste Javiva con firmeza.

"Non hai máis orgullo que xogar en Asobal co Cisne e cos meus amigos" 

Para Javiva, estar na elite co seu equipo de sempre é case un soño. "Na vida pensei que ía debutar co Cisne Dicsa Modular, co que levo xogando desde os seis anos, en Asobal. Non podo haber máis orgullo que o de competir co meu equipo na máxima categoría e facelo ao lado dos meus amigos. Ver que somos todos da casa, ver crecer aos rapaces, contemplar a outro mozo como Mateo empezar no primeiro equipo... é xente á que ves crecer desde que comeza a botar. Iso éncheche de satisfacción". 

Con 26 anos, o exterior esquerdo pontevedrés sente a responsabilidade da capitanía do equipo. Pero lévaa coa cabeza alta e coa facilidade de ter ao seu lado a outro veteráns coma el que lle fan a vida máis doada. "Todos os compañeiros aportan para que isto sexa sinxelo e solucionar pequenos problemas. Andrés, Miguelón, Chan, Pablo, que leva tantos anos coma min ou máis no club, facilitan todo. Penso na figura de Toño Lafuente, que empezou coma min, sendo un rapaz e un capitán supernovo, e acabou con trinta e pico, sendo unha eminencia no club". 

No deportivo, o equipo presenta unha gran marxe de mellora, pero demostrou poder "competirlle case a calquera rival. O partido contra Puerto Sagunto, por exemplo, escapounos por erros de novatos". 

O obxectivo é a permanencia, faltan xogadores vitais como Chalo Carró, mancado, ou un primeira liña que cubra a baixa de David Chapela. Mellorando certos aspectos e correxindo certos erros, o Cisne segue soñando coa permanencia, se é que a competición segue con normalidad.

A maior pena que lle queda aos membros do club é non poder vivir da categoría coa súa xente. "A todos nos gustaría, poder disfrutar disto con toda a afección, de ter unha boa entrada no Municipal contra o Barça, sempre con garantías sanitarias. Pero agora iso está bastante lonxe".