A sostibilidade será peza clave na cuarta edición do coworking de Barro

A iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Escola de Organización Industrial comezará o vindeiro 1 de outubro cunha vintena de proxectos
A sala de reunións do coworking de Barro. GONZALO GARCÍA
photo_camera A sala de reunións do coworking de Barro. GONZALO GARCÍA

O obxectivo do cuarto coworking do Viveiro de Empresas de Barro volverá ser fomentar o emprendedmento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen nel. Sen embargo, neste caso a sostibilidade será unha das claves desta iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI) co cofinanciamento do Fondo Social Europeo.

A transición ecolóxica e o coidado do medio ambiente son liñas básicas marcadas polo Goberno provincial que preside Carmela Silva neste mandato, de aí que tamén formen parte, como eixo transversal, do coworking que se porá en marcha o vindeiro 1 de outubro.

Serán algo máis dunha vintena os proxectos que formen parte desta iniciativa e, ao igual que nas edicións anteriores, farano de maneira totalmente gratuíta.

Como nas tres convocatorias celebradas ata o de agora, os beneficiarios serán persoas emprendedoras cun proxecto en fase inicial de desenvolvemento ou cunha empresa creada recentemente (non máis de seis meses antes da súa incorporación ao espazo coworking).

Grazas a esta aposta da Deputación de Pontevedra e da EOI, as e os participantes terán á súa disposición as instalacións habilitadas no polígono empresarial de Barro-Meis, incluíndo o Depo FabLab ou Laboratorio de Fabricación Dixital, que conta con impresoras e escáneres 3D, kits de Arduino, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con grande capacidade de procesamento e almacenamento. Ademais, para que se poidan levar a cabo labores experimentais no campo da electrónica e a programación, o FabLab tamén dispón dun gran número de circuítos integrados (Shield) que permiten conectividade wifi, Bluetooth, XPS, 3G e NFC, así como sensores de son, temperatura, cor, distancia, presión e humidade.

A maiores, as e os emprendedores que formen parte do coworking seguirán un proceso de asesoría e mentorización personalizada realizado por profesionais de recoñecido prestixio, que acompañarán ás persoas participantes orientándoas ao longo do proceso, desde o deseño do modelo de negocio, no seu caso, ata a súa posta en marcha e a optimización do proxecto, dando resposta ás necesidades que aparezan no camiño.

APOIO. Ese apoio, tanto en formación como en orientación ou asesoramento, pode marcar a diferenza entre o éxito e o fracaso dun proxecto e esta é a principal función deste espazo, que desde xullo de 2017 está á disposición das persoas emprendedoras da provincia grazas ao convenio entre a institución presidida por Carmela Silva e a Escola de Organización Industrial.

De feito, as e os participantes tamén contarán con horas de formación especializada en diversas temáticas, grazas a obradoiros e sesións de formación grupal para potenciar o desenvolvemento de competencias en emprendemento e en xestión de proxectos.

Por outro lado, organizaranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e a compartir boas prácticas. Nas anteriores edicións, ao final do proceso organizáronse DemoDays durante os que se presentaron os proxectos participantes no espazo coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración con estes.

Esta cuarta edición rematará en decembro.

Tres edicións das que saíron case 60 negocios en consolidación
O primeiro coworking do Viveiro de Empresas de Barro impulsado pola Deputación de Pontevedra e a EOI comezou o 15 de setembro de 2017. Dende entón xa finalizaron con éxito tres edicións e a través delas creáronse na provincia máis de 50 empresas.

Deste xeito, ademais de fomentar o emprendemento, esta iniciativa axuda a impulsar o emprego nos municipios pontevedreses e a consolidar a esta provincia como motor económico da Comunidad Autónoma.

Mulleres emprendedoras
Ademais, o coworking tamén fomenta o emprendemento e a empregabilidade entre as mulleres, pois moitos dos proxectos desenvolvidos no mesmo están impulsados por veciñas da provincia.

Na segunda edición, por exemplo, as mulleres impulsaron o 66% do total das iniciativas empresariais que saíron deste viveiro situado no polígono industrial de BarroMeis.

Comentarios