Soutomaior celebra a entrega dos Premios Lois Peña Novo

María Xosé Queizán, Xesús Costas Abreu e Manuel González González foron os homenaxeados na xornada deste xoves

Imaxe dos galardoados (e do fillo de Manuel González), este xoves, no Castelo de Soutomaior. CHRISTIAN FERNÁNDEZ (María Xosé Queizán, Xesús Costas Abreu)
photo_camera Imaxe dos galardoados (e do fillo de Manuel González), este xoves, no Castelo de Soutomaior. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

O Castelo de Soutomaior acolleu este xoves a entrega dos Premios Lois Peña Novo, que recoñecen o labor de persoas públicas que traballan a prol da difusión e normalización da lingua galega. Nesta edición foron galardoados a escritora María Xosé Queizán, o filólogo Manuel González e o xurista Xesús Costas Abreu.

María Xosé Queizán é unha recoñecida autora en lingua galega con máis de 60 anos de traxectoria como escritora de teatro, novela, ensaio e poesía. Asinou novelas como A orella no buraco ou Amor de tango e é unha das pioneiras do movemento feminista en Galicia. Deste xeito, defende a loita contra a colonización sexual das mulleres e reivindica a razón como arma contra o machismo e a favor da liberdade. O xurado destacou o compromiso coa lingua da autora dende os anos 50 e en diferentes eidos, dende a literatura ao ensino, o que a converte nunha polígrafa da cultura galega.

Manuel González é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, coordinador do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e presidente da Asociación PuntoGal. O xurado recoñece con este galardón "o seu traballo de investigación científica e as súas constantes achegas á riqueza do noso idioma".

A administración pública ten responsabilidades ineludibles coa lingua e coa súa recuperación

De Xesús Costas Abreu o xurado premiou o seu compromiso coa defensa da lingua galega no ámbito da Administración local na que desenvolve o seu traballo. En concreto, exerce como asesor xurídico do Concello de Vigo. Tamén se implicou na fixación dunha linguaxe xurídica e na promoción da lingua no eido administrativo, que o levaron á creación de manuais de documentación para uso dos funcionarios ou a formar parte da sección de lingua no Consello da Cultura Galega e colaborar dunha maneira activa en iniciativas a prol da normalización lingüística.

OS PREMIOS. Os Premios Lois Peña Novo cumpren con esta vintecatro edicións recoñecendo o labor individual e colectivo de persoas, entidades e empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas. Deste xeito, co seu labor contribúen a que a lingua se consolide nas ditas Administracións. "A administración pública ten responsabilidades ineludibles coa lingua e coa súa recuperación. Os funcionarios e funcionarias públicos temos o deber de cumprir e facer cumprir a legalidade vixente, coa utilización do galego incluso podemos dicir que un funcionario, que é un servidor público, axuda a promover o uso do galego na cidadanía", explica a Fundación Lois Peña Novo na súa páxina web.

A finalidade é seguir o exemplo do home que da nome ao galardón, un funcionario que defendeu o uso do galego na Administración. Así, adicou a súa vida ao estudo dos problemas de Galicia no primeiro tercio do século XX e loitou pola autonomía de Galicia. Do mesmo xeito, foi un dos impulsores das Irmandades da Fala.

Comentarios