A Subdelegación, "preocupada" polo aumento de pelexas froito do consumo de alcohol na mocidade

A Xunta Provincial de Seguridade prepara medidas para reducir o repunte da violencia nos contornos de ocio
Jóvenes en un botellón en el Recinto Feiral. RAFA FARIÑA
photo_camera Mozos nun botellón no Recinto Feiral. RAFA FARIÑA

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mostrou a súa preocupación polo incremento das pelexas entre xente nova no marco da Xunta Provincial de Seguridade celebrada este mércores na Boa Vila. No encontro, ao que asistiron os mandatarios da Policía e da Guardia Civil, analizáronse as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos meses.

Os responsables policiais informaron do aumento de lesións físicas e agresións sexuais nas concentracións de menores derivadas, entre outras causas, pola inxesta abusiva de alcohol que se produce no tempo de ocio nocturno. Larriba explicou que "nestes momentos estase a observar unha alta taxa de consumo de alcohol por parte de menores durante o tempo de disfrute do ocio nocturno, así como un aumento dos episodios violentos, detectándose un crecemento das pelexas multitudinarias, os altercados e as lesións físicas, así como das agresións sexuais durante as fins de semana".

A subdelegada comprometeuse a desenvolver un traballo policial continuo para evitar que sigan a producirse este tipo de delitos, "tan sensibles e preocupantes". Ademais, Larriba fixo un chamamento "aos educadores, pais e nais da provincia, para que colaboren na concienciación sobre os riscos derivados do consumo excesivo de alcohol para a saúde dos menores". A comparativa interanual evidencia que no último ano as denuncias de lesións físicas rexistradas na provincia aumentaron nun 25 por cento. Así mesmo, as agresións sexuais incrementáronse, neste mesmo período, nun 23 por cento.

Participantes na Xunta de Seguridade. SUBDELEGACIÓN
[Participantes na Xunta de Seguridade. SUBDELEGACIÓN]

Por outra banda, a subdelegada quixo alertar tamén do incremento no número de ciberdelitos: “"Continúa a observarse unha tendencia alcista neste tipo de delitos, que xa supoñen case un terzo da totalidade dos que se cometen na provincia". No que vai de ano, as estafas con tarxeta de crédito, incrementáronse nun 44 %. A subdelegada sinalou que este tipo de delitos xa non se produce de maneira predominante nas cidades, sino que se rexistran en todo o territorio.

Se realizamos unha comparación máis ampla, os delitos cometidos a través de Internet na provincia rexistraron un incremento do 317 por cento con respecto a 2017.

A análise realizada das cifras de seguridade e infraccións penais da provincia evidencia que os roubos con violencia e intimidación baixaron no que vai de ano nun 10 %. Non sucede o mesmo, cos roubos en vivendas, que incrementáronse.

No relativo aos roubos con forza en establecementos comerciais rexístrase tamén un descenso, así como nas subtraccións en vehículos e de vehículos. Os datos relativos á efectividade e esclarecemento dos feitos continúan a ser elevados, "xa que se manteñen en taxas superiores ao 40 %, agás no relativo aos ciberdelitos e estafas a través de Internet, debido a que a súa investigación resulta moito máis complicada e custosa".

Comentarios