A sumillería é cousa de mulleres

Fátima Coello, do CIFP Paseo das Pontes, gañou o VII Campionato de Sumillería Suso Domínguez do Carlos Oroza nunha edición con acento feminino ▶ Rocío Jiménez (IES de Foz) e Rita Cardoso (EHT Lamego) completaron o palmarés
Rocío Jiménez, Fátima Coello e Rita Cardoso completaron o podio.GONZALO GARCÍA
photo_camera Rocío Jiménez, Fátima Coello e Rita Cardoso completaron o podio.GONZALO GARCÍA

Fátima Coello Mariña (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña) resultou gañadora do VII Campionato de Sumillería Suso Domínguez do CIFP Carlos Oroza, celebrado entre o martes e o luns no Pazo da Cultura e que contou coa participación de 15 concursantes, 13 delas mulleres, o que denota o acento marcadamente feminino desta edición, dedicada aos viños espumosos galegos e portugueses. O segundo posto foi para Rocío Jiménez Jacinto, do IES de Foz, e o terceiro para Rita Cardoso, da EHT Douro-Lamego (Portugal).

No certame, que leva o nome dun docente do instituto pontevedrés falecido, participaron varios centros de Galicia: os CIFP Manuel Antonio (Vigo), Compostela, Paseo das Pontes e o propio anfitrión, ademáis dos IES Vilamarín (Vilamarín), de Foz e Fragas do Eume (Pontedeume), así como a Fundación Belarmino Fernández (Sober). Competiu tamén alumnado de centros de Portugal (Escola de Hotelería e Turismo de Viana do Castelo, EHT Douro-Lamego, EHT Coimbra e EHT Porto), de Castela e León (CIFP Felipe VI, de Segovia, e IES Diego de Praves, de Valladolid), así como unha escola de Malta. Outra de Finlandia estivo presente como observadora.

A autora do cartel anunciador foi Beatriz Vidal Patiño, alumna do ciclo de Artes Gráficas do veciño IES de Montecelo. "Este certame forma parte de todos nós", subliñou o director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, trala entrega de premios. "Estamos organizando o futuro da sumillería do noso país", que definitivamente pasa polo protagonismo feminino. Felicitou ao alumnado "pola súa valentía, afán de superación e exemplaridade" e lembrou que o certame, máis que unha competición, "é unha experiencia para vivir e coñecer, unha aprendizaxe para cooperar e superarse e aspirar a mellorar continuamente".

Así mesmo, subliñou que esta foi unha edición "moi especial" por estar dedicada ás mulleres, desde as vendimadoras ás sumilleres, pasando polas adegueiras, catadoras, enólogas ou docentes.

CENTRO VIVO E DINÁMICO. No acto de clausura, entre outras autoridades da Consellería de Educación, estivo a titular do departamento, Carmen Pomar, quen destacou que o CIFP Carlos Oroza "é un centro modelo, dos primeiros en apostar pola FP dual e do que cada ano saen uns 400 alumnos das diferentes especialidades". O instituto, engadiu, "é un centro comprometido coa innovación, a través da que se leva a cabo a necesaria transferencia de coñecemento entre centros e empresa, e viceversa". Neste sentido, quixo agradecer "o labor do equipo directivo e, por suposto, a implicación e o esforzo continuo do profesorado que, con iniciativas como a que hoxe nos ocupa, configuran un centro vivo e dinámico".

A conselleira sinalou, ademais, que certames como o que se vén de celebrar no CIFP Carlos Oroza son un exemplo de boas prácticas docentes "e do aproveitamento de sinerxías e dunha moi necesaria e frutífera colaboración, entre centros e distintas administracións, a favor do obxectivo común do que antes lles falaba, o achegamento da formación á realidade sociolaboral". Pomar lembrou que “nos últimos anos Galicia creou un modelo de Formación Profesional sólido, forte e cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio" que garante a inserción laboral.

"Es falso que cualquiera sirva para camarero, barista o sumiller"

Fátima Coello ten 24 anos e compaxina o ciclo superior de Dirección de Servizos no CIFP Paseo das Pontes co seu traballo no museo de Estrella Galicia (Mega). No seu curriculum figuran tamén os ciclos medios de Servizos e Cociña e Gastronomía e vén de gañar o certame Suso Domínguez, ao que se presentou por primeira vez. "Siempre me gustó mucho el mundo del café, sin dejar de lado el de los vinos o el de la cerveza". O seu obxectivo é seguir estudando, "porque nunca paras de aprender" e opositar para exercer como docente de hostelería, un mundo ao que está ligada desde nova polo restaurante da súa familia.

Ademais de ter "siempre muy claro que quería hacer un ciclo y estudiar lo que a mí me gustaba", aplaude a necesaria profesionalización do sector. "Hay que desterrar la frase de que para camarero sirve cualquiera, o para barista o sumiller". No concurso "no competí contra nadie, sino contra una hoja de puntuación".

Unha voda con cea no Liceo Casino

Unha voda con cea no Liceo Casino O Pazo Mugartegui acolleu este martes o evento de protocolo deseñado polo alumnado de 2º dos ciclos superiores de Guía, Información e Asistencia Turísticas, e Xestión de Aloxamentos Turísticos. Neste evento dous alumnos darán o ‘si quero’ ante o alcalde Lores, dez anos despois de coñecerse no CIFP Carlos Oroza onde xurdiu o amor…, nun enlace simulado pero moi real, no que non faltará nin un só detalle.

A voda completarase cunha cea que se servirá no Liceo Casino, dirixida polo ex alumno do centro Rubén González, xefe de cociña de El Cafetín.