Surfeando entre multitudes

Milleiros de persoas pasan ao longo do día polo festival Surfing the Lérez, que levou este ano a 15 bandas a tocar á llla das Esculturas. "Estamos, sen dúbida ningunha, ante a edición que conseguíu atraer unha maior cantidade de público", confirma a organización

O festival Surfing the Lérez de Pontevedra vólvese multitudinario. Milleiros de persoas pasaron, ao longo de todo o día do sábado 16 de xuño, polo evento que se celebrou no parque da Illa das Esculturas e no que actuaron 15 bandas. "Estamos, sen dúbida ningunha, ante a edición que conseguíu atraer unha maior cantidade de público", confirmaba o fundador e director do festival, Marcos Rivas. "Non podemos case falar de actuacións estrela porque dende o mediodía estaban ateigados os dous escenarios e pola tarde o único que fixo foi aumentar aínda máis o número de persoas que se achegaron aos concertos". 

Este ano, no Surfing the Lérez, festival de carácter solidario con entrada de balde, recoñecido como o mellor de Galicia nos Premios Martín Códax en 2017, presentaron novo disco tres agrupacións pontevedresas: Furious Monkey House, que o lanzarán en outubro; La Casa de los Ingleses, que o acaba de sacar á rúa, e Soulmacklein, que o publicou a través dun crowdfunding. Este último, que foi membro da banda de hip hop Delahoja, aproveitou ademais esta actuación na súa cidade para dar a coñecer o seu novo proxecto musical, máis apegado ao reggae, e para o que conta cunha banda, Positive Band. "Así que en Pontevedra será la primera vez que me suba a un escenario con una banda", avanzaba hai uns días. 

A presenza pontevedresa ía máis alá. E dende o minuto un, porque os encargados de abrir os concertos, ás 12.00 horas, foron Flip Corale, a banda de rock garaxeiro de Arturo Delgado. "Nos toca hacer un poco de sparring, saltando los primeros. Pero siempre es un momento especial para nosotros estar en este festival". Ademais, outra banda, The Trucks, conta cun vocalista pontevedrés, Rodrigo Valiente. 

O caso é que nada máis empezar a sonar Flip Corale, o público empezou a concentrarse diante dos dous escenarios nos que se foron alternando as actuacións ata despois da medianoite. "Con The Lákazans xa había unha chea de público", di Marcos Rivas. Despois viñeron Oh! Ayatollah e, cando ás 14.30 horas, chegaba a vez de Terbutalina, o festival era unha gran festa, que non baixou de ritmo ata que rematou.

Terbutalina, que xa estiveran en 2016, agasallaron aos fans cun concerto absolutamente entregado. "Gozade deste día marabilloso. E recordade poñer crema solar", saudaron, antes de tocar ‘Canto moderno’ e aproveitar para meterse cos habituais do festival que levan camisas hawaianas. "Moita camisa hawaiana. Sabedes que cando a un hawaiano o botan da casa o están des-alohando?". Despedíronse cunha declaración de amor: "Grazas Pontevedra. Ninguén te quere tanto", e un "Sito Miñanco, preso político".

Despois viñeron Mad Martin Trio, Agoraphobia, Eladio y los Seres Queridos, Escuchando Elefantes e The Limboos. O festival rematou con Ángel Stanich, o único artista do cartel que era de fóra de Galicia.

Terbutalina despedíronse cunha declaración de amor: "Grazas Pontevedra. Ninguén te quere tanto"


"Dende a organización estamos, en xeral, moi contentos por como se desenvolveu o festival. Foron semanas de moito traballo, pero cando ves agora a cantidade de xente que move, merece a pena", explicaba Marcos Rivas. "Estamos especialmente satisfeitos de ver como seguimos sendo un festival cun público familiar, porque houbo moitos nenos ao longo de todo o día, e tamén o estamos de ser un festival solidario, porque a recollida de comida funcionou moi ben e tamén a de tapóns". Os alimentos que se recollen no Surfing the Lérez son xestionados polo programa municipal Redeaxuda e os tapóns a través de La Taponeta, iniciativa de Enrique Magdalena, e a Fundación Amigos de Galicia.

A aposta polo público familiar foi medrando a medida que o festival sumaba edicións. Nesta última, os nenos contaron cun escenario propio e cunha carpa con actividades e xogos específicos para eles. 

Da coordinación do escenario para os pequenos encargouse a Academia Bonobo, que dirixe o fundador da banda Furious Monkey House, Gonzalo Maceira. El mesmo contaba que se abriría a programación deste espazo, ás 12.00 horas, co proxecto Noise in the jungle, no que 30 cativos tocan ao mesmo tempo distintos instrumentos de música electrónica. Esta actividade xa contara cunha presentación previa na sala Karma. Despois, ao longo de toda a xornada, foron pasando por ese escenario arredor de 40 grupos formados en Bonobo presentando os seus proxectos musicais. Cunha excepción: a de La Duendeneta.

Chapuzóns no río e longas esperas para poder comer
A calor volveuse facer notar (como en 2017) na celebración do festival pontevedrés e algúns dos asistentes optaron por aproveitar a cercanía do río Lérez para bañarse. Xa o fixeran así o ano pasado, incluídos varios cativos.

A grande cantidade de xente que se achegou este ano ata a Illa das Esculturas provocou pequenas aglomeracións nalgúns momentos e, sobre todo, afectou á hora de comer. As persoas que decidiron quedar no festival tiveron que soportar longas esperas para poder mercar alimentos. En boa parte debeuse á inesperada cantidade de público congregado. "Pero é que, ademais, tivemos a mala sorte de que un día antes soubemos que non viñan dous dos food trucks cos que contabamos para atender a demanda", explicaba a organización. "Todo contribuíu a que non se ofrecese un servizo óptimo".

MÁIS ZONAS DE SOMBRA. Os problemas coa oferta na zona gastronómica mirarán de subsanarse de cara a vindeiras edicións. "Moitas cousas vas aprendendo a facelas mellor segundo gañas experiencia", di Marcos Rivas. Unha desas cousas que se mellorou no festival este ano foi a ampliación das carpas dos escenarios de cara ao público para axudar a protexelo do sol e da calor, que en anteriores edicións chegou a ser, por veces, abafante. A xente valorouno rapidamente. "Están xenial. Estase moito máis fresco".