O Surfing, cada vez máis romaría

A novena edición do festival da Illa do Covo remata con éxito pero ensombrecida polas chuvias intermitentes

Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

Non faltou o baile, nin a música, nin a bebida, nin o sol. E tampouco a chuvia. A romería máis rockeira de todo o curso do Lérez, o Surfing the Lérez, celebrou entre o venres e a xornada de onte a súa novena edición. Fíxoo con éxito, ateigando a Illa do Covo malia as nubes que deixaron chucias intermitentes que se intensificaron a última hora.

"Nós non estamos descontentos coa afluencia de xente, ao contrario, vemos un ambiente que nos gusta moito, sobre todo na carpa infantil", sinalaba onte o promotor do festival, Marcos Rivas. O evento coincidía coa celebración de oposicións na cidade, feito que a organización aproveitou para animar aos que se examinaban a relaxarse na illa ao saír das probas.

Surfing the Lérez. JAVIER CERVERA - MERCADILLOA festa comezou xa a media mañá coa actuación de Mushu, a banda de rock saída do obradoiro de música municipal Rocklab. Tamén pasaron pola Illa do Covo os integrantes de Basanta coas súas máscaras, así como o cantautor Santi Araújo. "Dende as dúas da tarde, con Tony Lomba e Elio dos Santos comezamos a notar afluencia de xente", indica Rivas. Pola súa parte, Sex Museum fixo bailar aos máis rockeiros chegada xa a hora do xantar.

A organzación quere unha festa máis familiar aínda para o vindeiro ano, con churrasco, polbo e máis zonas infantís

Tras un parón, no que boa parte dos asistentes aproveitou para comer, o público volveu a encher a Illa do Covo dende primeira hora da tarde. Bailou (e refuxiouse das primeiras pingas de chuvia do día) con Terbutalina. "Que marabillosa esta tarde, non chove nin nada", bromeaba irónico o vocalista, que engadía: "Non fai falla que vos arrimedes tanto", referíndose ao público que se apretaba baixo a carpa para protexerse da chuvia. Os de Esteiro incorporáronse ao cartel de bandas do Surfing the Lérez tras caer da programación a formación neocelandesa Labreta Suede por problemas á hora de presentar certa documentación.

Rayotaser, Maneiro, The Lleli Helly"s, Anaut, Ortiga e The Blind Crows pasaron tamén polo festival, que clausurou, xa pasada a media noite, Familia Caamagno. Unha das partes fundamentais da cita foi a carpa infantil na que se reuniron maiores e pequenos. Ata 200 nenos da escola Bonobo e da Escola de Rock de Paredes de Coura amosaron o seu talento sobre as tablas. Houbo obradoiros e atraccións para eles. "Queremos seguir traballando nesta dirección na próxima edición", adiantou o promotor do festival, Rivas.

Deste xeito, coa novena edición xa rematada, o festival encara o seu décimo aniversario. "Comezaremos a pensar na programación despois do verán, pero temos claro que queremos que o Surfing the Lérez sexa aínda máis romaría", explicou.

Deste xeito, Rivas indicou que é probable que no vindeiro ano se incorpore á festa unha carpa con polbo e churrasco, "como nas romerías tradicionais", para cambiar o ambiente "festivaleiro" e achegalo un pouco máis á festa tradicional de día típica de Galicia.

Comentarios