O Surfing the Lérez asegura a súa celebración a pesar da chuvia

O festival instala carpas ao pé dos escenarios e das barras e confirma que se levará a cabo aínda que haxa mal tempo ▶ O evento completa o cartel da Noite de San Xoán con sardiñada e churrascada
Un dos escenarios baixo carpa na Illa das Esculturas. RAFA FARIÑA
photo_camera Un dos escenarios baixo carpa na Illa das Esculturas. RAFA FARIÑA

"Para todos os que preguntades: despois de todo o traballo que levamos, non imos suspender. Xa pode vir unha cicloxénese que nada. Somos galegos e todos os artistas son galegos. Medo a que!". O festival Surfing the Lérez, que se celebra entre este xoves e este sábado na Illa das Esculturas de Pontevedra, confirmou a súa celebración, a través das redes sociais, a pesar das previsións meteorolóxicas, que anuncian mal tempo e chuvia para todas as xornadas. "Seguimos traballando a tope", confirmaba por teléfono, o promotor do festival, Marcos Rivas

Para asegurar o evento, a organización instalou carpas ao pé dos escenarios e das barras. Así o comunicou tamén nas redes sociais. "Moitos preguntades se, a pesar do tempo, o Surfing segue adiante e a resposta é claramente  si! Se o ceo non acompaña, non hai por que preocuparse, xa están montadas unhas carpas sobre os escenarios e as barras. O festival resiste. Dende cando os galegos lle temos medo á choiva?".

Tras dous anos sen poder celebrarse a causa da pandemia, o Surfing the Lérez volve este ano a Pontevedra. A entrada é de balde, se ben a organización pide que os asistentes colaboren cunha doazón en forma de alimentos non perecedeiros, que se encargará de xestionar a plataforma Redeaxuda.

Wyygga, Budiño, Ortiga e Carlangas DJ son os protagonistas dos concertos deste xoves (a partir das 18.30 horas), que se completarán, ao tratarse da Noite de San Xoán, con sardiñada e churrascada.

Na Illa das Esculturas haberá tamén hoxe un escenario The Groove House (funcionando de 17.30 a 01.00 horas), e un escenario infantil no que actuarán Golfiños (18.30 horas).