miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

Susana López Abella: "Mentres non haxa igualdade ten que haber cotas"

Susana López Abella. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Susana López Abella. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A secretaria de igualdade aposta polo fortalecemento da rede de Centros de Información á Muller e por ofrecer servizos que garantan a conciliación partindo da corresponsabilidade de nais e pais

PARTIDARIA das cotas e a discriminación positiva, declara abertamente que un maltratador nunca é un bo pai e defende a implicación dos homes para acabar cos obstáculos que atopan as mulleres no ámbito laboral, como os problemas de conciliación ou a fenda salarial. Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, debulla nesta entrevista os retos que quedan por diante para acadar un mundo con igualdade de oportunidades para homes e mulleres.

Estes foron uns días de conmoción tras o asasinato da profesora Laura Luelmo. Como o viviu?
Vimos duns días complicados e teño que recoñecer que me resulta realmente doloroso que sigan sudecendo estas cousas a pesar dos recursos que se poñen a disposición da sociedade. Nós puxemos en marcha unha aplicación contra as agresións sexuais para que todas as mulleres a descarguen e busca previr estas situacións. Pero o problema principal reside en que esta sociedade é machista e aínda queda moito por traballar no ámbito educativo e no das familias. Aínda temos unha concepción demasiado machista. Moitas series de televisión, moitas películas ou videoxogos, tratan o corpo das mulleres como un obxecto a disposición dos homes. Este é un problema que ten moitas vertentes: agresións sexuais, violencia física, psíquica, psicolóxica ou económica. Este tipo de violencias xa as recoñece a Lei Integral Contra a Violencia de Xénero de Galicia. As leis son importantes, pero traballar no ámbito da xente moza é vital para evitar que se produzan casos coma estes.

O número de denuncias por violencia de xénero subiu en Galicia no último trimestre. Como valora este dato?
Esta é unha noticia positiva porque denunciar é importante. Os datos dos anteriores trimestres que facilita o Consejo General do Poder Judicial falaban dun descenso en Galicia e neste último trimestre volveron subir. Se vemos os números de todo o ano, o certo é que estamos na liña do anterior. É importante para nós que haxa un incremento de denuncias porque iso aumenta a protección para as mulleres vítimas. Tamén é certo que para acudir a calquera recurso da Xunta de Galicia non é preciso ter unha orde de protección. Para nós é suficiente cun informe dunha profesional, xa sexa dun Centro de Información á Muller ou un asistente social, ou unha orde de protección que dicte un xuíz.

É un grande impacto ver nas redes sociais ese enfado e esa rabia cando se produce un asasinato machista

Critícase que a Xustiza siga sen ser todo o eficaz que podería. Que hai que cambiar?
Nós aprobamos, no seo do Observatorio de Violencia de Xénero, un protocolo de cooperación institucional asinado polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a delegación do Goberno e o fiscal superior. Este protocolo foi validado pola Fiscalía do Estado. O que queremos é mellorar a resposta institucional e foi froito de dous anos de traballo. Considerabamos moi importante que fosen mulleres vítimas de violencia de xénero as que contasen a súa experiencia, como viviron elas o proceso desde a denuncia, onde fallou o sistema... De aí sacamos moitísimos recursos para evitar a revitimización das mulleres. Nestes momentos estamos traballando coa Dirección Xeral de Xustiza para que exista persoal de referencia. Asinamos tamén un protocolo co Colexio de Psicólogos para atender de urxencia ás mulleres que se achegan a unha comisaría a denunciar. Non se trata de solapar servizos, senón de ofrecer a mellor atención posible ás vítimas neste momento tan duro, algo que nós constatamos escoitando ás propias vítimas e á Policía, que en sede parlamentaria explicou que esta figura era moi importante. Ao mesmo tempo, as medidas hai que acompañalas de recursos económicos e ese é o compromiso da Xunta de Galicia.

Fomentamos que as empresas que traballan no ámbito administrativo teñan plans de igualdade

Que papel xogan os Centros de Información á Muller (CIM)?
Teñen un papel fundamental. Eu, como secretaria xeral de Igualdade, síntome moi orgullosa dos recursos que temos no territorio. As nosas profesionais coñecen e son expertas na materia. Como mínimo, é necesario que un CIM teña unha psicóloga e unha avogada. Na vontade do Concello está dotar de máis recursos ese centro achegando unha traballadora social ou unha educadora familiar, que sería o ideal. Actualmente temos 81 CIM en Galicia que cofinanciamos e cremos tanto neles que queremos que se creen máis. Por iso animamos aos concellos, porque o primeiro paso deben dalo eles, e logo nós apoiamos economicamente, tanto para custear o persoal, os recursos humanos, como os materiais. Este ano 2019 vai saír unha orde cunha dotación para os concellos de 800.000 euros, ademais doutros cinco millóns, que van ir destinados a campañas no ámbito da violencia de xénero. Esta é unha aposta da Xunta porque consideramos que a dotación orzamentaria que se previu inicialmente para os concellos non era suficiente. Quixemos fortalecer os recursos necesarios para facer campañas ou talleres de formación contra a violencia. Queremos estender a rede de concellos con CIM, sobre todo no rural, e esa é unha cuestión que nos mantén agora mesmo ocupadas.

Queremos estender a rede de municipios con Centros de Información á Muller (CIM), sobre todo no rural

Hai que cambiar a lei para que os homes con condenas por violencia de xénero non poidan visitar aos seus fillos?
Esta é unha cuestión que aparece recollida no Pacto de Estado e que se está tratando nunha proposición de lei no Congreso. En principio promulgouse un decreto no Consello de Ministros, denominado decretazo, que incomodou nas comunidades autónomas, no ámbito xudicial e tamén en certos partidos, porque se consideraba que estas medidas de certo calado tiñan que ser debatidas no Congreso e coas autonomías. Agora mesmo hai unanimidade no Senado e no Cogreso para modifi car o réxime de visitas no caso de pai maltratador. A miña opinión, sen dúbida, é que un home que maltrata á nai dos seus fillos non é un bo pai.

A miña opinión é que, sen dúbida ningunha, un home que maltrata á nai dos seus fillos non é un bo pai

A educación é fundamental. Como traballa a Xunta neste ámbito para fomentar a igualdade?
Estamos traballando en varias vertentes. No ámbito do deporte de base, por exemplo. De feito, imos intensificar a nosa colaboración moito máis. Este ano colaboramos coas federacións de baloncesto, balonmán e fútbol. Pretendemos traballar dende as bases para que nenos e nenas practiquen deporte con valores de igualdade e contra a violencia de xénero. Quero agradecer ás federacións a súa xenerosidade neste ámbito. O deporte traslada valores moi importantes e é fundamental levar a loita contra a violencia de xénero, e contra a violencia en xeral, a todas as canchas e pavillóns. Tamén traballamos xunto a Consellería de Educación co primeiro plan de igualdade nos centros educativos. Puxémolo en marcha hai máis de dous anos e está activo en todos os centros de Galicia porque consideramos que é unha ferramenta vital. Ademais, Galicia ten dúas materias de libre configuración vencelladas coa igualdade nas que se estuda a historia do feminismo e se dan referentes femininas. Pontevedra foi a primeira provincia en ter un instituto no que se imparte un ciclo de Igualdade de Xénero, o CIFP A Xunqueira, xunto a outro que incluíu a mesma titulación este ano na Coruña. Hai outra pata fundamental, porque os datos sobre a reprodución de estereotipos machistas na xuventude son alarmantes. Pensabamos que estes comportamentos estaban focalizados en idades adultas influídos por unha educación machista, pero os estereotipos seguen estando aí, por iso é fundamental traballar coas familias. Aí temos máis dificultade porque os pais e nais veñen voluntariamente, non os podemos obrigar. Facemos todos os anos unhas xornadas para ensinar a educar en valores e na coeducación que serven tanto para profesores como para pais e nais. Imos intensificar esa formación a través das ANPA de Galicia, un movemento moi activo e que queremos fortalecer.

A educación sexual tamén é fundamental para garantir que a iniciación no sexo sexa saudable e libre de violencias.
A Secretaría Xeral de Igualdade e o Sergas realizan talleres afectivosexuais, pero tamén hai que facelo dende o ámbito educativo. Unha educación sana arredor da sexualidade é fundamental para que os rapaces coñezan os seus corpos, pero tamén para que saiban que ten que haber un respecto mutuo. Temos que intensificar o noso traballo, sen lugar a dúbidas.

Pontevedra, por exemplo, non conta dun centro Quérote +, que traballa este tipo de cuestións. Non é preciso?
Estamos traballando coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, non só nos centros Quérote, senón tamén nos centros da Xunventude, que tamén son un espazo moi importante e necesario para que os rapaces e rapazas estean cómodos. Os centros Quérote + son lugares onde hai todo tipo de formación e información na materia que falabamos antes. Esta é unha competencia de Xuventude, pero somos dous departamentos que traballamos de xeito transversal, no mesmo edificio, para ofertar programas neste e noutros ámbitos baseados no respecto mutuo. Sobre o que me pregunta tería que contestarlle a directora xeral de Xuventude. Os centros que están funcionando fano moi ben.

Que queda por facer para acadar a igualdade no ámbito laboral?
Nós aprobamos o 5 de abril o primeiro plan de conciliación e corresponsabilidade da Xunta, coordinado pola Vicepresidencia e coa colaboración de todas as consellerías, especialmente a de Economía e Industria. Este departamento está traballando nunhas guías para a elaboración de plans de igualdade nas empresas. Dende a Xunta tamén fomentamos que aquelas empresas que traballen para o ámbito administrativo teñan medidas a prol da igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade. Dentro das nosas competencias estamos aprobando moitas iniciativas nesa dirección. Non podemos falar de conciliación sen falar de corresponsabilidade. Os fillos e as fillas teñen que ser responsabilidade de homes e mulleres e, para que non exista fenda salarial, ten que haber corresponsabilidade. Eu son unha firme defensora de que ten que haber igualdade de permisos maternais e paternais para que unha muller aínda no día de hoxe non teña que escoller entre ser nai ou seguir coa súa traxectoria profesional, sexa científica, autónoma ou médica. Temos que traballar para fortalecer todas as medidas necesarias para que chegada unha idade as mulleres non renuncien a nada. O certo é que as enquisas din que as galegas e os galegos queren ter máis dun fillo, pero non o fan porque non poden conciliar. Hai que tomar medidas para espallar recursos tamén no rural, como as casas niño da Consellería de Política Social. Pero non podemos perder de vista que a conciliación é cousa de dous.

Non podemos falar de conciliación sen corresponsabilidade e sen ela non se pode loitar contra a fenda salarial

E como se conciencia aos homes?
Con campañas. Tamén as empresas e as administracións temos unha responsabilidade importante. Hai outra cuestión fundamental: o currículo cego. Ás veces penaliza ser muller tendo a mesma idade e currículo parecido ao dun home. A sociedade ten que ser consciente de que a desigualdade é un problema social e todos temos que poñer en práctica un cambio. A inspección de traballo, por exemplo, penaliza casos de discriminación que hai que denunciar. Tamén dende a Xunta levamos a cabo un proxecto contra o acoso sexual no ámbito laboral, ten que haber tolerancia cero porque é un delito.

Vostede é partidaria das cotas?
Si. Mentres non haxa igualdade de oportunidades, ten que haber discriminación positiva. Así o indican as directivas europeas e así se está aplicando no Estado español. Un compañeiro sempre dicía que se poñía a escusa de que non había mulleres para ir nas listas. Desde que se impuxeron as cotas para optar aos parlamentos ou aos concellos de máis de 5.000 habitantes isto está máis normalizado. Aínda non estamos no punto ideal. No ano 2000 no Parlamento de Galicia había 13 mulleres, actualmente son 34, que representan o 45,33% do Parlamento. Eu estou a favor das cotas porque as cifras hai que melloralas. Non vou ocultar que no Partido Popular houbo un importante debate sobre isto, pero creo que somos máis as persoas que consideramos que son necesarias, como o son as políticas de discriminación positiva.

Dise que 2018 foi o ano das mulleres. Notou vostede algún cambio?
Si que notei. É certo que houbo unha gran onda o 8 de marzo, hai un movemento por crear asociacións de mulleres profesionais de diferentes ámbitos que antes non había. Deuse un pulo, tamén nas rúas, porque este é un problema das mulleres, pero tamén dos homes. É un grande impacto ver nas redes sociais ese enfado e esa rabia cando se produce un asasinato machista. Eu recordaba estes días a mulleres galegas que saíron un día a camiñar e non volveron, como é o caso de Cabanas. O viúvo desa muller morreu sen saber que pasara e seus fillos aínda non saben como súa nai apareceu violada e asasinada nunha cuneta despois de facer a andaina de todos os días cando saía de traballar. Tampouco sabemos que pasou con Socorro en Ourense. Esta realidade énchete de dor, pero tamén dun terrible enfado. Por iso, como responsable política sei que temos que facer todo o que estea ao noso alcance e facelo xuntos. Pasou algo este ano, puxémonos en coordinación cos concellos para crear puntos lilas nas festas e concienciámonos sobre este tema. Tivo que xurdir a raíz de certos feitos tremendos que nos conmocionaron a toda a sociedade. Tamén notei un cambio importante nos medios de comunicación, que son moito máis respectuosos coas vítimas. Cando eu exercía como xornalista nos anos 90 falabamos de crimes pasionais, non de violencia machista. O papel dos medios é moi importante. Eu reivindico que temos que ter un recordo para todas as mulleres que non están e deberían estar. Ogallá sigamos co mesmo impulso en 2019.

Susana López Abella: "Mentres non haxa igualdade ten que haber cotas"
Comentarios