Suspéndense as probas físicas de acceso a Ciencias do Deporte

A admisión no grao realizarse seguindo o procedemento xeral do SUG debido á situación epidemiolóxica
Facultade de Ciencias do Deporte. DAVID FREIRE
photo_camera Facultade de Ciencias do Deporte. DAVID FREIRE

A admisión do alumnado de novo ingreso ao grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Pontevedra realizarase o vindeiro curso seguindo o procedemento xeral do Sistema Universitario de Galicia (SUG), sen que o futuro alumnado teña que ter superado previamente as probas de aptitude física que cada curso se levaban a cabo.

Segundo informa a Universidade de Vigo, estas constituían un requisito previo para o estudantado de novo ingreso e estaban dirixidas a garantir unhas aptitudes mínimas de condición física que permitisen o aproveitamento das materias prácticas desta titulación. Debido á "situación excepcional" creada polo covid-19, unha resolución reitoral determinou que, no curso 2021-2022, esta titulación seguirá o "procedemento xeral establecido no Acordo das Universidades Públicas do Sistema Universitario de Galicia", sobre a admisión e acceso a estudos de grao. 

Como recolle a resolución, "o cambiante da situación sanitaria e das correspondentes medidas e actividades permitidas en cada momento fai moi difícil programar coa debida antelación e garantías actividades de carácter presencial" como estas probas específicas de aptitude, que no último ano no que se levaron a cabo neste centro, 2019, contaron con 155 inscritos e inscritas. A isto súmase, como salienta o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, que as restricións ás que obriga a pandemia "dificultan que o alumnado poida preparar" unhas probas que a covid-19 xa obrigara a suspender o pasado ano.

Isto motivou que, no presente curso, o acceso á titulación se basease unicamente nas cualificacións obtidas na ABAU e no expediente académico do alumnado, como acontecerá de novo no 2021-2022, tras unha resolución reitoral que incide no "carácter excepcional" das medidas adoptadas. Mais aló desta modificación, provocada pola pandemia, o decano destaca a súa vontade de "abrir un debate na facultade" respecto deste requisito, despois de que trala súa anulación o pasado curso “se incrementasen moito as solicitudes e se elevase a nota de acceso”.

Romo sinala nese senso a importancia de “captar talento” para un centro que, lembra, figura entre os 300 mellores do mundo no ránking de Shanghai de facultades e departamentos de Ciencias do Deporte.