Sutil: "Hai eventos, como Culturgal, que teñen que seguir adiante pase o que pase"

O pontevedrés Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais dende 2013, di que o Xacobeo se converteu nun apoio fundamental para o sector da cultura en Galicia e insiste en que o bono cultural da Xunta é de índole diferente ao do Goberno do Estado
Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). GONZALO GARCÍA
photo_camera Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). GONZALO GARCÍA

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) volve ser o principal patrocinador de Culturgal, achegando 65.000 euros ao orzamento total da feira (que viña sendo nos últimos anos de 170.000 euros). O director deste organismo dependente da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil (Pontevedra, 1973), recoñece a importancia deste evento para o sector, recita de memoria os diferentes programas de apoio á cultura desenvolvidos nos últimos meses pola Consellería de Cultura e reflexiona sobre polémicas recentes como as críticas dende o Goberno galego ao bono cultural do Goberno do Estado ou a implantación dunha cota de linguas cooficiais nas producións audiovisuais de plataformas como Netflix.

Como máximo responsable da Agadic, que balance fai do último ano no ámbito cultural galego?
Foi un ano moi duro para todo o sector. Aínda non superamos a pandemia, pero si que é verdade que comezamos a ver algunha luz. A capacidade de adaptación que demostrou a nosa industria cultural é unha desas luces. Así foi que a cultura seguiu viva. Aí están os datos do informe do Consello da Cultura Galega, que constatan que temos máis emprego no sector que antes da pandemia, ao igual que aumentou a creación de empresas culturais. Se ben é certo que a recuperación é distinta dependendo do ámbito do que falemos. Nesa fase estamos, na de seguir traballando na recuperación. Temos enriba ese nubarrón do que é imposible coñecer a evolución, que é a pandemia, pero o importante é seguir sendo responsables como fomos dende o principio. Hai que seguir organizando actividades de forma segura.

Outra desas luces sería Culturgal?
Hai eventos que funcionan como un faro. Que o ano pasado Culturgal se celebrase, aínda que fose cun formato diferente, foi moi importante. A varios niveis. Hai certos eventos que é fundamental que sigan adiante pase o que pase. E que este ano volva a presencialidade é un fito que axuda ao sector. Porque este é un evento vangardista, que nos proxecta cara o exterior.

Ninguén pon en dúbida a potencia creativa da cultura galega pero si que se cuestionan as condicións laborais dos profesionais do sector. Na entrega dos últimos Premios Martín Códax da Música reivindicouse maior dignidade para o oficio e o último gañador do Premio Narf da Música, o grupo Peña, tamén se referiu recentemente á precariedade da escena musical.
Como dixen antes, a pandemia non tivo o mesmo impacto en todos os ámbitos. Probablemente, dentro da cultura, o da música foi un dos que máis se resentiu senón o que máis. Neste sentido, a Xunta puxo en marcha un plan de reactivación con axudas a salas de concertos e a empresas do sector cunha diminución de facturación superior a un 30%. É verdade que a industria musical está pasando momentos complicados, pero aí estamos, tratando de mellorar a situación remando xunto a ela.

Entre o noso bono e o do Goberno central é obvio que hai diferenzas na intencionalidade e nos fins últimos

A Xunta tamén tratou de incentivar o consumo cultural cun bono, que os cidadáns esgotaron ás poucas horas de poñelo á súa disposición. Por que o bono cultural do Goberno do Estado é unha medida "electoralista" e que fomenta "desigualdade", en palabras do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o da Xunta non?
A idea de sacar un bono cultural dende a Xunta é de hai varios meses, pero queriamos lanzalo cando as condicións asegurasen que a demanda podía ser satisfeita. Por iso agardamos ata este momento. E efectivamente atinamos porque a poboación esgotounos en moi pouco tempo. En que se diferencia o noso do bono cultural do Goberno central? Está claro. O noso está dirixido a toda a poboación e o outro só a unha franxa de poboación concreta. Cada un pode facer as interpretacións que lle pareza disto. Para min é evidente. Nós tratamos de axudar ao sector cultural involucrando a toda a poboación, non só a un grupo de idade específico. É obvio que hai unha diferenza na intencionalidade e nos fins últimos duns e doutros.

Hai que garantir que a poboación poida ver produtos audiovisuais na súa lingua, pero facéndoo ben, axustándose á lei

Outro asunto do que se falou moito estes días, a raíz da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, é o da implantación dunha cota de linguas cooficiais nas producións audiovisuais de plataformas como Netflix. Deben as administracións esixirlle ás empresas audiovisuais producións nas linguas minorizadas?
Dende a Xunta de Galicia levamos moitos anos investindo nisto. Nas nosas axudas ao talento, todos os proxectos que saen son en lingua galega. Penso que estamos no momento da historia no que a produción audiovisual en galego está a recibir máis apoio público. A industria galega para min ten un equilibrio moi bo entre galego e castelán, igual que o ten entre produción máis autoral e comercial. O resultado do noso traballo está aí. Sen saír de Culturgal poderemos gozar de ‘Malencolía’ e de ‘Cuñados’, por exemplo. As dúas son exemplos de películas en galego que contan con financiamento da Xunta de Galicia. Dende as administracións públicas hai que garantir efectivamente que a poboación poida ver produtos na súa lingua. O que pasa é que hai que facelo ben, axustándose á lexislación. No caso que mencionas parece que hai un poudo de ruído. Haberá que aclaralo. O que non se pode poñer en dúbida é o apoio da Xunta ás producións audiovisuais en lingua galega, producións que, por enriba, conseguiron recoñecementos internacionais, porque viaxan e son premiadas en distintas partes do mundo.

Temos que poñer en valor o papel do Xacobeo como salvagarda do sector cultural galego

Marcará o Xacobeo culturalmente o ano que vén?
Seguro. Cando eu penso no ano que vén penso na forma que teremos de maximizar a eficiencia dos fondos europeos. Na Agadic imos destinalos, por exemplo, á mellora de infraestruturas culturais ou ao aumento de iniciativas no ámbito non urbano. Tamén puxemos en marcha o noso propio Hub Audiovisual da Industria Cultural que permitiu, entre outras cousas, que se rodase en Galicia o proxecto ‘Rapa’, de Portocabo con Movistar. E, por suposto, está o Xacobeo. Hai que poñer en valor o seu papel como salvagarda do sector cultural. Púxose directamente ao servizo da cultura galega. Nos últimos meses, a través do Xacobeo destináronse millóns de euros a apoiar ao sector da cultura galega. O ano que vén volverá ser así.

Comentarios