Svein Tveitdal sinala á Boa Vila como exemplo de cidade sostible

O ex director de programas da ONU para o medio ambiente destacou nas súas redes a calidade ambiental da cidade
Svein Tveitdal. INKLINGS
photo_camera Svein Tveitdal. INKLINGS

A aposta de Pontevedra como cidade sostible segue a dar a volta ao mundo. Nesta ocasión o ex dirixente de Medio Ambiente da ONU Svein Tveitdal, un referente na loita contra o cambio climático e líder de opinión internacional, vén de subliñar nas súas redes sociais os logros da Boa Vila en materia medioambiental.

O tamén CEO de Klima 2020, con máis de 300.000 seguidores, compartiu esta fin de semana no seu perfil de Twitter o vídeo sobre Pontevedra realizado no ano 2018 para a súa participación no Fórum Smart City de París, e que repasa os fitos acadados en materia medioambiental, acompañado dun texto no que o experto destaca á Boa Vila como referente de cidade que traballa pola sostibilidade.

Por unha banda, Sven Tveitdal subliña que Pontevedra reduciu nun 63% a contaminación do aire desde o ano 2013, así como o feito de que non se rexisten mortes por atropelos nas vías municipais desde o ano 2009, a redución de vehículos na urbe ou que o 70% da cidadanía realice os seus desprazamentos a pé.

Enxeñeiro, asesor e embaixador ambiental é o responsable de Klima 2020, que traballa con consultoría e comunicación climática e desenvolvemento de negocios ecolóxicos.

Non é a primeira vez que líderes de opinión destacan os logros de Pontevedra a nivel internacional. Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París, Anne Hidalgo, promotor de proxectos para reducir os vehículos nas cidades, segue moi de preto nas redes os avances de Pontevedra.

Comentarios