Tacón, punta, tacón no Día da Muiñeira

Arredor de 500 cativos participan no XLVII Día da Muiñeira, que a asociación Duos Pontes celebra na Avenida de Montero Ríos

Momento da clebración do Día da Muiñeira, na que participaron 15 agrupacións chegadas de distintos puntos da provincia de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Momento da clebración do Día da Muiñeira, na que participaron 15 agrupacións chegadas de distintos puntos da provincia de Pontevedra. RAFA FARIÑA

"Participan 15 agrupacións de distintos puntos da provincia, dende O Porriño ata Sanxenxo, pasando por Moraña, Bueu ou Ponte Caldelas", explica Alfonso Frieiro, da asociación Duos Pontes. "Son arredor de 500 cativos os que xuntamos este ano, algúns menos que noutras ocasións porque, ao coincidir coas festas do Corpus, moitos colectivos e asociacións tiñan compromisos nas súas localidades". Igualmente, o Día da Muiñeira encheu de traxes e música tradicional, o venres, o centro de Pontevedra.

A festa, organizada por Duos Pontes, comezou ás sete e media da tarde na Praza do Teucro, dende onde se celebrou o desfile de agrupacións participantes, que rematou na Avenida de Montero Ríos. Alí tiveron lugar as diferentes actuacións da actividade.

ABIÑADOIRA. Nesta ocasión, participou como grupo convidado o da Asociación Folclórica Abiñadoira de Sanxenxo. "A verdade é que nós notamos un renovado interese pola tradición", explica Frieiro. "Dun tempo a esta parte hai un certo repunte. Vese que a xente ten interese por achegarse ao traxe tradicional, por exemplo, con coñecemento, que quere facelo ben, documentándose sobre as pezas e os patróns. Iso antes non pasaba tanto".

Duos Pontes tamén confirma ese interese crecente observando o éxito que teñen as súas actividades previas ao Día da Muiñeira. Este ano houbo unha palillada (26 de maio) e unha conferencia de Isidoro Rodríguez (31 de maio) con boa acollida entre o público. "É o que che dicía: a xente está ávida de saber tradicional". Para Frieiro, que a Xunta veña de declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o baile tradicional contribúe a ese renovado interese por el. "Dalgunha maneira apoia todo o traballo que fixemos as asociacións".

Comentarios