Talento feminino no Programa de Emprendemento de SmartPeme

Todos os proxectos da segunda edición que se desenvolve no Viveiro de Empresas da Deputación son promovidos por mulleres
undefined
photo_camera Carmela Silva e Xosé Manuel Fernández Abraldes visitaron este martes ás participantes no programa. DP

Oito mulleres de Pontevedra, Salvaterra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa participan na segunda edición do Programa de Emprendemento de SmartPeme no Viveiro de Empresas situado no polígono de Barro. A presidenta da Deputación, Carmela Silva,e o alcalde do municipio, Xosé Manuel Fernández Abraldes, visitaron este martes as instalacións provinciais onde se están levando a cabo as actividades do programa, para coñecer de primeira man os proxectos promovidos nesta edición.

As oito mulleres están a recibir desde o 21 de abril, e durante un período de tres meses, formación e asesoramento por parte do equipo profesional de SmartPeme para coñecer as claves que lles permitan mellorar a súa competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresas e de márketing ou tamén unha identidade corporativa.

Carmela Silva puxo en valor o feito de que todos os proxectos estean liderados por mulleres porque "no ámbito da economía temos moitos pasos que dar e temos que seguir sendo moitas máis mulleres para poder chegar á metade, xa que eles aínda son moitos máis" malia que "as mulleres sexamos máis do 60% das persoas tituladas universitarias e, polo tanto, a maioría do talento", dixo.

A presidenta asegurou que os oito proxectos "están centrados nas persoas e buscan o benestar da cidadanía", e sinalou que "se a Covid-19 nos ensinou algo, foi que hai moitos problemas de benestar, físico e mental, para os que precisamos solucións como as que vós ides emprender". Ademais, tamén destacou os proxectos vinculados á gastronomía, "algo que nos identifica", e á artesanía, "que nos fai sentir moito orgullo e debemos traer ao século XXI pero conservando as nosas raíces, porque a xente busca o auténtico e o que nos diferencia".

Por todas estas razóns, a presidenta deulles "a benvida, ánimos e as grazas" ás participantes: "por ser valentes, dar pasos cara a adiante, ser optimistas e crer nas vosas ideas", polo que lles trasladou os seus mellores desexos para "que vos vaia moi ben e que os vosos soños se consoliden".

Do mesmo xeito, Fernández Abraldes deu os parabéns ás participantes e asegurou que "é un orgullo que teñamos en Barro este edificio que funciona como núcleo central de apoio ás persoas emprendedoras, e ademais dentro dun polígono que segue medrando e enchéndose de actividade económica".

O rexedor puxo en valor que "as persoas profesionais de SmartPeme sempre conseguen os obxectivos que se propoñen, e ademais a Deputación sempre tivo clara a súa misión. Se as moitísimas iniciativas que puxo en marcha funcionan é pola súa implicación e o seu esforzo", e grazas a elas "todas as persoas que pasan por aquí saen moi satisfeitas de ter participado e puxeron en marcha as iniciativas que tiñan nas súas cabezas".

O programa conta con dúas fases. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades de capacitación, compostas por distintos talleres enfocados á creación dun plan de empresa, márketing dixital, web, desenvolvemento de habilidades empresariais ou finanzas. Estas sesións, dinámicas e innovadoras, buscan potenciar os proxectos e favorecer tanto a colaboración como a creación de sinerxías co resto de persoas participantes. A segunda fase será a de mentorización, que constará de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en emprendemento, novas tecnoloxías e imaxe dixital.

O itinerario suma un total de 60 horas de actividades presenciais e virtuais, segundo as necesidades das participantes. As presenciais desenvólvense no centro de SmartPeme no Viveiro de Empresas de Barro, para colaborar no fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sostible.

Estas son as participantes e as súas iniciativas
No Programa de Emprendemento de SmartPeme participan Sonia Limés, de Pontevedra (coa empresa Alecrín Atención Temprana); Beatriz Amorín, de Pontevedra (con BAmorin, proxecto de ioga); Susana Rodríguez, de Salvaterra (co proxecto Hiar, Artesanía en Estampado Botánico); Patricia Josefina Hernández, de Pontevedra (coa firma de sobremesas en tarros Dulces Prodigios); María Agustina Pereira, de Vigo (con Gestión Integral de Subvenciones, empresa que axuda a pemes e persoas autónomas a impulsar os seus negocios); Ángeles Oubiña, de Vilagarcía (cun proxecto para elaborar un produto de protección UV); Eloísa Puig, de Pontevedra (con Musggo Yoga) e Aida Mascato, de Sanxenxo (con Carmencitas, dedicada á produción de tartas e doces e organización de eventos).

As oito participaron onte nunha sesión de Lego Serious Play, unha metodoloxía na que a partir de pezas deste xogo de construción deben crear e construír ideas innovadoras que dean resposta a problemas cos que se atopan no seu día a día, observando as dinámicas, explorando escenarios hipotéticos e tomando conciencia de todas as posibilidades.

Comentarios