Talento pontevedrés por partida triple en Galiciencia

Os institutos A Xunqueira I e II participarán a vindeira semana na maior feira científica de Galicia con tres iniciativas xurdidas do maxín de varios estudantes de Secundaria: ECOmestible, ComunicaTEX e Proxecto Sanote

María, María e Iria, coa profesora Patricia e o ComunicaTEX. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera María, María e Iria, coa profesora Patricia e o ComunicaTEX. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Boa Vila achegará tres proxectos á décimo cuarta edición da maior feira científica de Galicia, Galiciencia, que se celebrará a vindeira semana en Ourense e que ten a saúde e os bos hábitos como temas principais. Para o IES A Xunqueira II, que fai dobrete, será a segunda experiencia, mentres que o IES A Xunqueira I se estrea nesta edición. Estas tres ideas, xurdidas nos maxíns de estudantes de Secundaria, forman parte das 50 propostas seleccionadas entre as 134 presentadas, todo un récord.

Diego González e Rosa Pereira, de 3º da ESO, son os promotores de ECOmestible, "un proyecto en el que comprobamos la diferencia económica entre producir los alimentos económicos en casa o comprarlos", explica o rapaz. "Sin duda sale más económico producirlos en casa, por lo que vimos por ahora –apunta a súa compañeira–. Llevamos unos cuatro meses con el proyecto. Montamos un pequeño huerto en casa, totalmente ecológico", no que xa empezaron a abrollar "espinaca, col china, zanahoria, dos cruces de fresa con frambuesa y con piña, creados naturalmente, albahaca, tomate, ajo, lechuga y perejil". Estes vexetais, ademais, utilízanos para elaborar pan e iogures ecolóxicos. "Produciendo un yogur en casa ahorramos 40 o 60 céntimos, ya que en casa cuesta 0,33 euros la unidad y en la tienda 0,92 –destaca Diego–. Un pan de 400 gramos te costaría 3,65 y producirlo 1,50". E todo con tres piares: unha panificadora, unha iogurteira e un balcón convertido en horta. Non parece moi grande pero, pero sen dúbida está ben aproveitado.

Rosa está convencida de que se todo o mundo se unira a esta iniciativa "ayudaría a reducir la contaminación, reutilizar plástico, a no tirar la comida, a ahorrar... Y a comer más sano". Destaca que estes produtos caseiros son "casi tan baratos como un yogur o un pan de marca blanca, pero mucho más saludables. Y te puedes fiar de ese alimento porque lo has hecho en casa con ingredientes que tú mismo has cultivado". A única pega é que Galiciencia chega cando a colleita aínda non está no seu mellor momento, pero confían en que a idea teña recompensa. Ademais tamén apostaron por xuntar tradicións rurais con técnicas modernas, como o cultivo hidropónico, sen terra.

Como autoabastecerse de produtos ecolóxicos de xeito económico, a comunicación a través de 'wereables' para persoas con algunha enfermidade e o beneficio que un estilo de vida saudable pode ter nas notas centran as propostas

Mónica Prado, a docente que supervisa o proxecto e acompañará aos alumnos a Ourense, destaca que "todo el mérito es de ellos", xa que se trata dunha idea "sencilla pero muy interesante".

SEGUNDO ASALTO. Iria Tilve, de 1º de ESO e María Buceta e María Seoane, que estudia 2º no IES A Xunqueira II, defenderán en Galiciencia o proxecto ComunicaTEX. Ideárono pensando nos pacientes de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), xa que coñecen unha persoa con esta enfermidade. Con forma de atrapasoños elaborado con tela de fieltro, "ten unha placa de circuíto conectada a uns sensores cun fío conductor da electricidade e cando tocas un deles envíase unha luz ou un son. Así esta persoa pode manifestar un sentimento ou emocións", explican. Cada unha desas teclas, cosidas no panel téxtil, expresa aburrimento, sono, necesidade de axuda, fame e sede. "Aínda temos que rematar de programar a placa". Este é o deseño definitivo despois de semanas de traballo.

Este instituto volveu presentar catro propostas, das que foron elixidas dúas, "as máis innovadoras". Patricia Seijas, a docente que se encarga da supervisión, destaca o aspecto colaborativo do proxecto, desenvolvido no seo dos equipos Piteas e Espazo Maker durante as tardes. "La idea es que nos ayudemos entre todos", apunta o docente Miguel Quiroga.

Os participantes, xunto cos docentes que supervisan os proxectos, dedican horas extraescolares a estas iniciativas científicas

Tamén está no equipo a profesora Raquel Gey, que supervisa a segunda proposta que presentará o centro. Trátase do Proxecto Sanote, cuxo obxectivo é comprobar se un estilo de vida máis saudable se traduce en mellores resultados académicos. Zoe Campos e Itziar Dopazo defenderán o proxecto en Galiciencia, no que tamén está implicada Neikari Padilla. Contan coa colaboración de algo máis de 20 compañeiros que se prestaron a cambiar os seus hábitos alimenticios ("comen más fruta, verdura y pescado y menos carne y dulces") e a practicar meditación, entre outras melloras saudables, e a deixar constancia dos seus logros nunhas cartillas de pegatinas. "Los que más puntos tengan podrán venir con nosotras a Galiciencia". Aínda que é pronto para ver o reflexo nas calificacións, que se poderá ver a final de curso, están convencidas de que estes cambios xa se están notando, sobre todo no estado de ánimo. "Ya estamos viendo indicadores de bienestar", destacan.

Poio, Portas, Soutomaior, Lalín, Cangas e Meis tamén estarán na feira
Dos 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato que competirán en Galiciencia, 18 xurdiron de centros educativos da provincia de Pontevedra e tamén hai algún procedente doutros puntos de España, como Barcelona ou Sevilla.

Ademais da capital, varios son de institutos vigueses, así como doutros colexios máis achegados, como o SEK Atlántico de Poio, o CPI Domingo Fontán de Portas, o CPI Mosteiro-Meis ou o CPR Santiago Apóstol de Soutomaior.

Estes dous últimos, ademais, tamén levarán varias propostas na categoría de Primaria.

A relación complétase con centros educativos doutros concellos como Lalín ou Cangas do Morrazo.