Os talleres de prevención do machismo e a violencia sexual chegan a máis de 500 estudantes

Os colexios de Campañó, Xeve, Campolongo e Lérez e o IES Luís Seoane acolleron os obradoiros
photo_camera Taller en Campolongo.

A Concellería de Igualdade comezou a impartir o pasado 27 de abril unha serie de obradoiros destinados a formar en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, evitar a violencia de xénero nas redes sociais, identificar as relacións afectivas tóxicas (como fontes de dominio e submisión) e previr as violencias sexuais. Ata a data, os talleres, incluídos dentro da campaña do 8M, desenvolvéronse nos colexios de Campañó, Xeve, Campolongo e Lérez, así como no IES Luis Seoane, chegando a máis de 500 alumnos e alumnas.

Unha cifra que, tal e como sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o seu departamento agarda multiplicar de xeito exponencial nos vindeiros meses, posto que "as estritas medidas anticovid levaron a moitos centros a pospoñer a súa organización e a maioría dos institutos e colexios comunicáronnos que buscarían ocos para facelos a partir do Día das Letras Galegas". "A vindeira semana volveremos a contactar coas direccións por teléfono e vía email, xa que as charlas que se desenvolveron saíron realmente ben e esta formación supón unha parte imprescindible da aprendizaxe dos nosos futuros homes e mulleres, sendo un elemento esencial para erradicar o machismo e a violencia sexual e de xénero da nosa sociedade", avanza Blanco.

Os obradoiros, deseñados e impartidos polas formadoras especialistas en xénero e coeducación Priscila Retamozo Ramos e Amara Pérez Davila, abordan diferentes temáticas e están plantexados en función das idades do alumnado ao que van dirixidos, impartíndose en centros educativos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional do concello de Pontevedra. Así, entre as charlas ofertadas pola Concellería de Igualdade inclúese un taller denominado Libres de estereotipos, para promover a igualdade entre mulleres e homes desde o último ciclo de Primaria; outro titulado Non é non, de prevención da violencia sexual en Bacharelato e Formación Profesional, e un epígrafe Hackeando ao machismo a golpe de memes, directs e likes, no que se explican os conceptos fundamentais da teoría feminista e se interpela e anima á mocidade a ter unha conciencia crítica, aprendendo a ver como o machismo impregna as súas vidas e se lles alenta a crear contidos que dean conta de realidades máis plurais, diversas e igualitarias.

A concelleira socialista defende que este tipo de iniciativas son fundamentais para combater "estereotipos" e previr comportamentos machistas dende idades temperás.

Comentarios