lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

Tâmara Bezerra: "Contar en Galicia é como contar na casa"

Tâmara Bezerra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Tâmara Bezerra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Do Sertão brasileiro a Galicia para contar historias. Esa foi a viaxe que fixo a contadora Tâmara Bezerra para estar en Sete Falares.

A zona desértica do Brasil ten máis cousas en común con Galicia do que poida parecer. Cóntao Tâmara Bezerra, que sabe contos de aquí e de alá e estes días estivo en Pontevedra narrándoos. 

Como está a ser a visita a Pontevedra? Xa coñecía Galicia? 
Si, a miña primeira experiencia como contadora foi en Santiago. Eu penso que os galegos e os brasileiros somos moi parecidos. Eu veño dun lugar do Brasil, no Nordeste do país, e non é que o contorno ou o ambiente sexa semellante, senón as persoas. A forma de falar e de comer moito, como os galegos miran aos ollos,.. E hai palabras que son iguais! Termos que só se empregan na rexión do Brasil onde eu vivo utilízanse aquí tamén, como a palabra derradeiro, que só se usa na miña rexión e non no resto do país. Por iso contar en Galicia dáme un sentimento de estar na casa. 

Son semellantes tamén as historias que se narran aquí? Ou os contos son globais, é dicir, que en todo o mundo se contan os mesmos de diferente forma? 
É moi difícil darlle unha nacionalidade aos contos, porque a palabra é libre. Eu dígolle aos meus alumnos narradores que a palabra é unha muller que ten moitos vestidos e podemos vestila como queiramos. Ademais, é unha muller libre, mais ten unhas matrices de identidade. Neste sentido, a literatura galega oral é moi semellante á do Sertão do Nordeste de Brasil. 

En que se parecen? 
A traxectoria da narrativa e o toque de humor que teñen todas as historias, aínda se non sexa un conto de risa, sempre hai algún detalle dentro do conto que fai rir. 

A esa forma de contar con ironía e dobres sentidos chámaselle retranca. 
Un amigo galego faloume dela. Nós non usamos o termo retranca, mais facemos a mesma cousa con outro nome. Chamámoslle ironía e tamén hai un chiste poético que é "tirar de tempo". Quere dicir que estou falando dunha cousa, pero en realidade refírome a outra, entón estou tirando dese tempo. Ese termo sería o que en galego chaman retranca. Polo tanto, aseméllase bastante e a min o ouvinte galego faime sentir na casa cando exerzo de narradora. Nas sesións que tiven sentinme moi cómoda. 

De nena quería ser lavandeira porque me seducía a estética do grupo de mulleres cantando e contando

Nas sociedades cada vez máis urbanas e conectadas ás novas tecnoloxías, existe o risco de perder a literatura oral? 
Eu non diría que está en risco, porque aínda hai comunidades que practican estas narrativas. No Brasil, en Galicia... Son casos máis raros, pero do mesmo xeito que hai unha sedución polas narrativas das novas tecnoloxías, que tamén son boas, no Brasil eu percibo un movemento de xente que quere escoitar historias. Non só ligado a feiras de libros, ou a público infantil e non só nas escolas. 

Que historias lle gusta á xente que lle conten? 
Estes días fixen unha sesión de contos que ao principio pode parecer macabra. En todos os contos a morte é un personaxe. Aparece como un personaxe tolo, como alguén non moi intelixente, con humor... pero sempre está. É unha sesión que, ao comezar a facela, moitas persoas din: «coidado, que hai nenos». No Sertão (e en Galicia tamén), tradicionalmente os contos eran para adultos e pequenos, non había distinción. Eu creo que iso é algo ancestral e non creo que debamos dividir o público por idade. Despois dun anaco contando estas historias da morte, a xente ría moito, e rir da morte é un xeito de enfrontala. Por iso temos que falar dela. 

Por que se fixo vostede contadora de contos? 
Onde eu vivía sendo unha nena hai un río ao que ían moitas lavandeiras. Cando as vía, eu quedaba seducida e dicíalle á miña nai: "eu quero ser lavandeira". Ela dicíame que traballase dalgo que me dese algo máis de diñeiro. Do que eu gustaba era da estética do grupo de mulleres cantando e contando contos e eu quería ser unha delas. Gusto dese xeito que a palabra ten de xuntar ás persoas na mesma experiencia, só que cada unha escoita do seu xeito. Cando me fixen profesora, primeiro na escola e logo na universidade, os contos primeiro foron unha ferramenta de traballo e foi despois cando subín aos palcos. Eu non me recoñecía como artista. Dicía que contaba contos pero só para os meus alumnos. Logo resolvín que este era tamén o meu lugar, estou cómoda nas aulas e no palco. 

E forma parte dun grupo de investigación que se chama Costureiras de historias. Cal é o traballo desa agrupación? 
Escoitar para logo contar. Aínda hai no Brasil, nas aldeas menores, grupos de lavandeiras que nos contan historias. Escoitamos tamén a mulleres que bordan, cosen ou fan bonecas. Tamén escoitamos a homes pescadores. Nos lugares pequenos as actividades aínda están claramente divididas por xénero e cada grupo ten as súas historias. O noso traballo é ouvir e, tras a escoita, facemos unha transposición deses contos para traelos aos palcos. Facemos un traballo de recollida, co propósito de logo contar as historias en lugares coma este. 

Trae vostede entón os contos das lavandeiras do Brasil a Pontevedra. 
E eu encantada. Sempre que me chaman de Galicia veño contenta. Gusto moito desta terra. Hai unha relación especial, cada vez que veño descubro unha palabra que nos une. A lingua é unha patria. E veño tamén pola chuvia, no Sertão, que é un deserto, non vexo chover e para min é un pracer estar aquí.

Tâmara Bezerra: "Contar en Galicia é como contar na casa"
Comentarios