"El Padre Manuel de los Ángeles asegura que, en la Isla de Tambo, cercana a la Villa de Marín, existía un templo dedicado a Neptuno y sobre cuyos restos se construyó una ermita de la que solo quedan ruinas". A cita é de Antigüidades de Galicia (1875), de Ramón Barros, e está recollida en A Illa de Tambo na súa historia, o volume que este mércores (19.30 horas, entrada libre) presentan, na Casa das Campás, o presidente da Irmandade Illa de Tambo e director do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán, e o escritor e estudoso de temas mariños Lino J. Pazos.
Trátase dun volume, asinado polos dous autores e editado polo Concello de Poio, no que se volve a unha obra publicada polo mesmo Pazos en 1996 (Recordando a Thalavo) para revisala, corrixila e actualizala. "Fundamentalmente o que se engade é unha gran cantidade de imaxes e moito traballo sobre o terreo", din. Traballo de campo e investigación documental en xeral.
Entre outras cousas, o libro inclúe esa mención do Padre Manuel de los Ángeles ao que puido ser un templo de orixe romana no que despois foi unha ermida. Outro dato histórico curioso que os autores documentaron mentres traballaban neste texto foi o do asalto do pirata británico Francis Drake. Pola illa pasou asemade Benito Soto, o pirata da Moureira.
A maiores, detrás da redacción deste libro está a inquedanza de Quintillán e Pazos por reivindicar a riqueza arqueolóxica e histórica e, polo tanto, a protección e conservación da Illa de Tambo, "un lugar que segue rodeado de misterio".
CAPÍTULOS. "A Illa de Tambo na súa historia" está dividida en dez capítulos que van dende a súa descrición e situación xeográfica ata o repaso aos que foron os seus propietarios, entre os que se inclúen Montero Ríos, que o foi dende que se pechou o lazareto en 1879 e o ano da expropiación polo Estado para pasar a mans do Ministerio de Defensa en 1939. Na actualidade o uso do espazo foi cedido ao Concello de Poio (por 25 anos prorrogables).
O libro inclúe ademais datos relativos á toponimia, aos templos relixiosos, aos poboadores e ás lendas e tradicións, xunto a capítulos específicos sobre o lazareto e o cárcere militar, entre outras cousas. Os autores igualmente destacan o uso máxico dalgúns espazos concretos como rochas talladas pola erosión e coñecidas como taffonis.