lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

'A memoria neta': como a represión franquista afectou ás xeracións posteriores

O concelleiro Xaquín Moreda, xunto ao realizador Xan Xiadas e Mena Rey Dios, unha das participantes do documental. CONCELLO
O concelleiro Xaquín Moreda, xunto ao realizador Xan Xiadas e Mena Rey Dios, unha das participantes do documental. CONCELLO

O documental estrearase o vindeiro mércores no Teatro Principal ► "O obxectivo non é tanto contar o que pasou senón como se transmitiu", explicou o edil Xaquín Moreda

"O obxectivo deste documental non é tanto contar o que pasou senón como se transmitiu o que pasou, incluíndo o silencio que predominou en moitas familias, e tamén como afectou a represión ás xeracións posteriores". Así resumía este xoves o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, o contido do documental A Memoria neta que se estreará o vindeiro mércores no Teatro Principal.

A cita terá lugar ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar aforo, e enmárcase no contexto das homenaxes ás víctimas do franquismo e ás súas familias programadas polo Concello para o mes de novembro. No mesmo acto tamén se realizará unha pequena homenaxe aos dez pontevedreses asasinados o 12-N, posto que o acto institucional previsto tivera que ser suspendido por causas metereolóxicas.

Moreda explicou que este ano elixiuse o tema da transmisión da memoria "porque queriamos traer a memoria ao presente" e contar distintos tipos de represión e como afectou ás familias que interveñen no documental. "Para nós a memoria non é unha cuestión de pasado, senón de presente e futuro, porque sen memoria non podemos avanzar como sociedade" insistiu o concelleiro.

En total son oito familias pontevedresas e 14 persoas as que achegan as súas testemuñas neste traballo audiovisual. Son as familias Gama, Arruti, Lores Torres, Gamallo Adrio, Caamaño, Dios, Paz e Bóveda e na elección mesturánronse familias que militaron desde sempre na recuperación da memoria, con outras nas que imperou o silencio e con perfís máis coñecidos como as familias das vítimas do 12-N.

Precisamente, unha das participantes no documental, Mena Rey Dios, explicaba na presentación como a súa xeración foi coñecendo a represión sufrida polos seus familiares e como lles afectou ás mulleres da súa familia. Rey contou que súa nai e tías padeceron o cárcere e posteriormente foron apartadas da docencia por ser irmáns do presidente das Xuventudes Socialistas e que fora fusilado con 28 anos.

A actividade política e asasinato do que fora o maior de once irmáns condicionou posteriormente o comportamento da nai de Mena Rey, que a describiu como unha persoa nerviosa, posto que non había asistencia psicolóxica para persoas que pasaban por situacións traumáticas coma a súa, e que viviu sempre baixo unha precaución e prudencia especiais en canto a facer novas amizades ou con medo a "significarse" socialmente.

Pola súa banda, o realizador do documental, Xan Xiadas salientou que o que máis o "impresionou foi como oito familias van contando de forma bastante distinta todo este proceso, para min e case unha pequena lección de historia persoal".

Tamén fixo fincapé na importancia do traballo de Montse Fajardo como guionista deste documental e na traxectoria do proxecto A memoria das mulleres sen o cal non sería posible abordar o proxecto.

ESTRUTURA. O documental está dividido en sete partes: O silencio, na que se relata como se agochou a historia durante moito tempo; O relato, onde se conta como as testemuñas souberon do que pasara; O que pasou, que narra os feitos; O ronsel, que explica como estes feitos afectaron a xeracións posteriores; A memoria herdada, que conta a propia posición sobre a memoria; A ferida, que fala como as feridas seguen abertas; e A loita, sobre a a continuidade na transmisión da memoria.

As testemuñas foron situadas para a súa gravación en espazos relacionados coa represión na cidade, como o Concello vello, a Deputación ou o Café Moderno.

'A memoria neta': como a represión franquista afectou ás xeracións...
Comentarios