viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

E o teatro volveu ao campus

O grupo que participou na montaxe da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra xunto ao seu director, Salvador del Río (arriba, á dereita). UVIGO
O grupo que participou na montaxe da Aula de Teatro do Campus de Pontevedra xunto ao seu director, Salvador del Río (arriba, á dereita). UVIGO
Salvador del Río dirixiu a Aula de Pontevedra no que foi o curso da súa recuperación por parte da Vicerreitoría ► Despois de doce anos sen actividade teatral, trece persoas participaron na montaxe de Nosa Señora das Nubes, que se puido ver na última Miteu

Doce anos despois, a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra recuperou este curso a súa Aula de Teatro. Fíxoo da man do que viña sendo o seu director, Salvador del Río, de Teatro de Ningures, que o foi durante preto dunha década. "En realidade, en Teatro de Ningures levamos 20 anos e pico ocupándonos da coordinación das aulas de teatro da Universidade de Vigo", explica.

Unha cuestión orzamentaria eliminou esta proposta da oferta cultural do Campus Universitario de Pontevedra, que a actual coordinadora de actividades, Eulalia Agrelo, e o daquela vicerreitor, Jorge Soto, decidiron recuperar durante este curso.

Hai uns poucos días, a finais de abril, coa posta en escena da montaxe Nosa señora das nubes na XIII Mostra de Teatro Universitario (Miteu), que en Pontevedra se celebrou no Pazo da Cultura, a aula pechaba a súa temporada. Nesa obra participaron trece persoas: Irene Lumbreras, Diana Cidrás, Alexandre Souto, Mercedes Pardavila, Francisco Pernas, Carmen Durán, Uxía Couso, Natalia García, Laura del Carmen Alonso, Xulia Blanco, Rubén Ballesteros, Xiana García e Lara González.

"Foron trece as persoas que participaron na montaxe pero, en realidade, inscribíronse na actividade inicialmente 23", explica Salvador del Río, que aclara que, a medida que avanza o curso, problemas para compatibilizar os ensaios co traballo ou cos estudos, retiran a algunha xente da posta en escena final.

"Eu creo que había ganas de volver facer teatro e que era algo necesario que o campus o recuperase. Foi bastante tempo sen esta proposta. A xente animouse a participar", conta Del Río, que lembra que esta actividade estaba aberta non só a persoas ligadas á universidade senón a toda a cidadanía interesada. "E aquí efectivamente había varias persoas, cinco ou seis, que non tiñan nada que ver co ámbito universitario".

Primeira vez para moitos

A maiores, o director da aula conta que a maioría das rapazas e rapaces que se apuntaron nunca antes fixeran teatro. "Efectivamente para case todos era a súa primeira vez e isto sempre é interesante, que a xente queira ter este primeiro contacto co teatro na universidade".

Á parte de tratarse dunha actividade cultural, o teatro serve para completar a formación das persoas e pode ser útil a distintos niveis ao longo da vida, segundo lembra o actor de Teatro de Ningures. "Serve para moitas cousas, pero fundamentalmente é importante porque hai poucos procesos creativos que sexan como este. O teatro mantén esa cousa primixenia e artesanal. Cada persoa é o seu propio instrumento. Ti eres o teu propio medio de comunicación artístico. Por iso o teatro é todo un mundo en si mesmo".

Poucos procesos creativos hai como este, que mantén esta cousa primixenia e artesanal

A maiores permite traballar con outras persoas, interaccionar con elas, dunha maneira que ningunha outra arte permite. "De feito, a maioría de exercicios que facemos, tendo en conta que, como che dicía, para case todos os participantes esta era a súa primeira toma de contacto co teatro, son exercicios de grupo, de interacción. É dicir, nunca estás só. Todo o que fas ten eco no resto do grupo. Diso se trata", conta Salvador del Río, que fala de traballo de consciencia corporal, de consciencia dun mesmo e de consciencia do colectivo do que se forma parte.

Arístides Vargas

Nesta volta do teatro ao campus de Pontevedra, a aula montou Nosa señora das nubes. "Escollémolo porque é un dos grandes textos do teatro recente e tamén porque, como eramos tanta xente, permitía que todo o mundo tivese unha escena, que todos tivesen un personaxe que defender. Esta obra está artellada en escenas de dous".

Sempre é interesante tocar temas de actualidade, porque o teatro tamén está para iso, para espertar conciencias

Na peza do arxentino Arístides Vargas reflexiónase sobre a memoria e o exilio. "Fálase dos desprazamentos obrigados por temas políticos ou por temas económicos e iso era outra cuestión importante para nós. Sempre é interesante tocar temas de actualidade. Porque, máis alá do divertimento, está ben reflexionar sobre asuntos de índole social". Precisamente esta é outra das cuestións que serven para defender a presenza do teatro no contexto universitario. "Dende logo é un dos piares do teatro. Por un lado, permíteche enfrontar un tema en profundidade, ao longo dun periodo de tempo importante, encaralo, pensar nel, debatilo. Por outro, para rematar, preséntasllo ao público e aí dáse unha especie de comuñón final, porque cando un sae do teatro sempre sae con ganas de falar diso que acaba de ver. O teatro tamén está para iso, para espertar conciencias".

E o teatro volveu ao campus
Comentarios