"Temos dereito a estudar, a traballar, a divertirnos, a querer e a relacionarnos"

Xuntos celebra o Día Mundial da Síndrome de Down tras 25 anos en funcionamento ►A asociación anuncia a compra dun novo local que lle permitirá ampliar os usuarios
Miguel Pérez, usuario da asociación Down Pontevedra Xuntos, le o seu discurso
photo_camera Miguel Pérez, usuario da asociación Down Pontevedra Xuntos, le o seu discurso

"As persoas con síndrome de Down sentímonos orgullosas de ser como somos e do que podemos aportar á sociedade". A cidade de Pontevedra tinguiuse este martes de azul e amarelo para reivindicar a plena inclusión das persoas coa síndrome de Down no día mundial de concienciación sobre esta alteración conxénita.

O manifesto lido por Miguel Pérez, un dos usuarios da asociación Down Pontevedra Xuntos, deixou ben claro que todas as persoas, independentemente dos seus cromosomas, "temos dereito a estudar, a traballar, a querer, a divertirnos e a relacionarnos". A lectura de dito manifesto tivo lugar no acto central do martes, que se celebrou ás 20.00 horas na Praza da Pedreira coa presenza de diferentes autoridades como o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a deputada provincial de Igualdade, Digna Rivas. Do mesmo xeito, no acto estivo presento o presidente de Xuntos, Manuel Pérez, e máis o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto.
 

Pontevedra acolleu o acto central de Down Galicia coa presenza do alcalde, o vicepresidente da Xunta e membros da Deputación

 

E é que este ano Pontevedra foi a cidade galega escollida pola Federación Down Galicia para celebrar o acto central do Día Mundial da Síndrome de Down baixo o lema Incluír é construír. Os encargados de conducir o acto foron Ángeles Sabarís e Pedro García. Ademais, entregáronse os IV Premios Down Galicia, que foron concedidos ao IES Montecelo (pola traxectoria amosada ó longo dos anos no apoio á inclusión do alumnado coa síndrome de Down) e a Ángel Barreiro García (que colabora coa gala anual da asociación desde os seus inicios).

O presidente de Xuntos recordou os 25 anos de historia da asociación. Por outra banda, indicou que Xuntos comeza unha etapa cun novo local na Rúa do Gorgullón. "En canto teñamos financiamento para levar a cabo as obras necesarias porémolo en marcha", explicaba o martes a Diario de Pontevedra. Ademais, Pérez dixo que os servizos de Xuntos quedarán unificados no novo local e que se abandonarán os dous pisos que a asociación ocupa na actualidade. "Unha vez que esteamos alí contaremos con máis espazo e, se temos posibilidades orzamentarias, poderemos contratar máis persoal e admitir máis usuarios nas nosas actividades", contou. Non existe data fixa para o traslado, aínda que os membros de Xuntos esperan poder facelo "canto antes".

LABIRINTO. A xornada deste martes tamén incluíu actividades de rúa co obxectivo de concienciar sobre a síndrome de Down. Así, desde primeira hora instalouse na Praza da Ferrería o labirinto No camiño da inclusión, no que persoas con esta alteración xenética explicaban os mitos e as realidades desta síndrome. Ademais, algúns dos comercios da cidade implicáronse na xornada pendurando nos seus escaparates un logo da entidade pontevedresa para reivindicar a inclusión.

As institucións tamén se implicaron este martes e ilumináronse de cor azul e amarela na noite pasada para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra o 21 de marzo (21-3) facendo referencia á triplicación do cromosoma 21 que produce este trastorno.

Comentarios