Carmela Silva: "Temos que facer de Pontevedra unha referencia cultural"

Este ano se empregarán os festivais para divulgar unha campaña contra a violencia machista
Autoridades políticas e representantes dos festivais, onte, no Pazo Provincial. DEPUTACIÓN
photo_camera Autoridades políticas e representantes dos festivais, onte, no Pazo Provincial. DEPUTACIÓN

Os oito festivais de cine que agrupa a marca Rías Baixas Film Fest, da Deputación de Pontevedra, verán reforzada a súa promoción a través de distintas campañas da institución provincial. Anunciouno onte a presidenta, Carmela Silva, no acto de presentación dos eventos que se celebrarán este ano. "Temos a obriga de facer de Pontevedra unha referencia cultural", dixo Silva. "Queremos unha provincia da cultura, que cando a xente pense en nós pense no patrimonio natural e histórico e na gastronomía , pero sobre todo temos que facer que a xente entenda que coidamos a cultura".

O Festival Internacional de Curtas (FIC) de Bueu, o Festival de Cans, o Play-Doc de Tui, o Galician Freaky Film Festival, o Festival de Cine Inclusivo de Vigo, o Festival do Imaxinario de Vilagarcía, o Festival Primavera do Cine e o Festival Novos Cinemas de Pontevedra son os oito festivais que agrupa Rías Baixas Film Fest. Todos se desenvolverán entre setembro e decembro deste ano.

"Moitísimas grazas por seguir aí o ano pasado, pola valentía de non renderse nun ano tan complicado como 2020. Se non se tiveran feito todos estes festivais, tería sido un ano aínda peor", dixo Carmela Silva, que tamén anunciou que este ano se empregará os festivais para divulgar unha campaña contra a violencia machista.

No nome dos organizadores dos festivais falaron Suso Novás, de Novos Cinemas, e Teresa Barberena, do Inclusivo. O primeiro agradeceulle ao equipo de Cultura da Deputación a súa implicación no desenvolvemento dos distintos festivais, especificamente a Xosé Leal, actual concelleiro de Bueu e exdeputado provincial de Cultura, que xogou un papel clave no nacemento de Novos Cinemas, segundo dixo. Novás tamén falou da importancia de traballar dende o local cara a internacionalización, un punto que confirmou Barbarena tamén como fundamental. "Os festivais de cine e de música crean territorio. Non nos pisamos uns a outros, senón que podemos colaborar", sinalou. "A industria cultural máis importante que existe na actualidade é a audiovisual. A Deputación entendeuno e apostou por isto. Nós xeramos riqueza. Temos que seguir proxectando provincia"

"O que pasou hoxe confirma que hai que apostar pola cultura" 
O acto de presentación do Rías Baixas Film Fest, que rematou cunha pequena actuación humorística do actor Santiago Romay, tiña que terse celebrado onte, ás 11.30 horas, nos Xardíns da Deputación. Por medo a coincidir cunha nova protesta dos traballadores de Ence, trasladouse ao interior do Pazo Provincial. O codirector do festival Novos Cinemas aproveitou a súa intervención para a facer referencia ao sucedido. "Este acto tíñase que facer fóra e non se fixo porque hai uns traballadores que toman a cidade con actos violentos, o que nos confirma que é necesario seguir apostando pola cultura para fomentar valores como o respecto", dixo Suso Novás. "A cultura é extremadamente necesaria na sociedade", rematou.

 

Comentarios