Carmela Silva: "Temos unha revolución cultural con nome de muller"

ArteCalavera SC, a empresa detrás do Estudo Bonobo, foi a gran triunfadora da gala dos premios provinciais con catro galardóns
RAFA DEPUTACION PROVINCIAL: Entrega III Premio Provinciais a Xuventude
photo_camera Estudantado do IES Illa de Ons co seu premio. RAFA FARIÑA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vestida cun modelo da alumna de Esdemga Miriam Cartagena, subliñou o seu optimismo polos proxectos galardonados na gala dos III Premios Provinciais á Xuventude, xa que están "cheos de valores, de principios" e "mostran esperanza e ilusión fronte ao momento actual, cunha sociedade que empeza a ter tintes totalitarios, con xente cavernícola, doutra época, xenófoba, machista, que non entende que o que queremos é construír un mundo mellor".

Así mesmo, destacou "o talento que hai na provincia de Pontevedra", xa que hai "unha verdadeira revolución cultural e, maiormente, ten nome de muller". De feito, estes premios foron para 17 mozas e 12 mozos" de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Moraña, Mos, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Salvaterra, Tomiño, Valga e Vigo.

Nestes "tempos difíciles para crear" fixo un chamamento para potenciar o talento e tivo unhas palabras para Nee Barros, autor dun dos vídeos que se proxectaron na gala, e para Miriam Cartagena, autora do seu "espectacular" modelo, "totalmente sustentable, feito de xeito artesanal e a man".

PREMIADOS. Na categoría de Iniciativa social o primeiro premio foi para ArteCalavera S.C. (Pontevedra), gran triunfadora da tarde con catro galardóns, polo seu proxecto Voces Ocultas. Tamén gañou o de Iniciativa Empresarial polo proxecto Estudo Bonobo, fundado para buscar unha alternativa formativa no campo das artes e da creatividade, co obxectivo de crear proxectos de carácter social que contribúan ao desenvolvemento cultural e persoal da cidade de Pontevedra e arredores. A empresa tamén gañou o segundo de Contido Dixital polo proxecto Bonobo Live Sessions.

A presidenta da Deputación fixo un chamamento para potenciar o talento e construír un mundo mellor "nestes tempos difíciles" 

Na modalidade de Educación en Valores gañou o alumnado de 1º e 4º da ESO do IES Illa de Ons (Bueu) polo proxecto Miserábeis, centro interdisciplinar a partir do teatro musical como procedemento para educar en igualdade e nas competencias clave de carácter intelectual e socio-emocional.

En Traballo Musical os primeiros foron para Nuria Casa (Pontevedra), ArteCalavera S.C. (Pontevedra) por A Miña Maneira, mentres que na categoría de Traballo literario gañaron Brais Suárez (Vigo) por Murmansk, viaje al final del día, e María Argibay (Ponte Caldelas) por Eu quería frear, en narrativa, e Rebeca López (Vigo) por Antracita en los Pómulos en poesía.

En Fotografía as principais gañadoras foron Claudia Gómez (Pontevedra), coa serie Os ollos da rúa e Rosa Pardal (Valga) pola imaxe Habitación NºE. Helena Constela (Poio) quedou segunda en ambas categorías.
Finalmente en Deseño e Moda o primeiro premio foi para Ángel López, de Marín, pola colección The Messengers.

Comentarios