CARLOS NÚÑEZ | GAITEIRO

"Temos todo o dereito do mundo a servirnos da marca celta"

 Os celtas volveron ás páxinas dos xornais este ano porque Carlos Núñez publicou un libro adicado a repasar a historia desta música que el considera raíz da nosa tradición. O gaiteiro presentou o volume en Cronopios esta semana e volverá á cidade o 1 de decembro para protagonizar o gran concerto do Culturgal.

Carlos Núñez sinalando o deseño do torque do Tesouro de Foxados, que garda o Museo de Pontevedra e que aparece na portada do seu libro La hermandad de los celtas. RAFA FARIÑA
photo_camera Carlos Núñez sinalando o deseño do torque do Tesouro de Foxados, que garda o Museo de Pontevedra e que aparece na portada do seu libro La hermandad de los celtas. RAFA FARIÑA

A CARLOS NÚÑEZ (Vigo, 1971) non lle desgustaría unha Rosalía á galega. Entende o éxito dunha artista que volve á raíz, no caso da cantante catalana, o flamenco, para mesturala con sons contemporáneos. De feito, bota en falta esa achega e interese polo propio por parte dos novos artistas galegos. O músico e investigador, gaiteiro de sona internacional, adicou os últimos tres anos a realizar unha investigación sobre a música celta que agora publica no libro ‘La hermandad de los celtas’ (Espasa, 2018). Esta semana presentouno na librería Cronopios. Volverá a Pontevedra en breve, o 1 de decembro, para ofrecer no Pazo da Cultura o concerto estrela do Culturgal (www.ticketea.com; 16,60 e 20,60 euros), unha actuación que o volve traer á cidade dez anos despois da última vez.

Por que quixo facer as fotos para esta entrevista no Museo de Pontevedra?
Porque o Museo de Pontevedra é un centro neurálxico das músicas máis antigas de Galicia, do traballo de Casto Sampedro, do "Temos todo o dereito do mundo a servirnos da marca celta" traballo de Filgueira Valverde... Este museo sempre foi para min unha inspiración, dende que sendo adolescente coñecín a Ricardo Portela. Cada vez que veño aprendo algo. Pero, neste caso concreto, quería facer as fotos xunto ao torque do Tesouro de Foxados do que collemos o deseño que aparece na portada do meu libro, este entrelazado impresionante en ouro.

Somos ou non somos definitivamente os galegos un pobo celta?
Eu pregunteille unha vez a un arqueólogo, Martín Almagro, catedrático da Complutense de Madrid, quen eran os celtas. Eran os homes que atoparon en Hispania os gregos e os romanos hai 2.500 anos? Ou eran esas xentes da Idade Media, do Rei Artur, de Merlín e de Tristán? Ou son os que hoxe falan as linguas celtas en Irlanda, Escocia e Bretaña? El contestoume: "Ti quen es, Carlos: o neno que un día comezou a andar, o cativo que con oito anos tocaba a frauta ou o músico que hoxe dá concertos?" Pareceume unha explicación preciosa. Ves que todo forma parte dun proceso. Non houbo rupturas. Todo foi unha ‘longue durée’, un longo proceso de readaptación continua, de empregar cousas do pasado para facer cousas novas en base a esas raíces. A música celta non é un invento dos anos 70 dos festivais, nin do século XIX dos románticos, senón que é algo que leva en activo milleiros de anos e que está continuamente reactualizándose.

Sen embargo, non hai moitos anos, arqueólogos e historiadores galegos repudiaban o termo celta.
Mira, a min este libro levoume tres anos de traballo. Tratei de falar cos maiores especialistas do mundo celta: arqueólogos, lingüistas, musicólogos... O que constatei é que estamos a falar dunha música anterior á música clásica, máis antiga. Esas son as nosas raíces musicais. Temos todo o dereito do mundo a servirnos desa marca de prestixio que é a marca celta. Sería unha pena que Galicia a deixase caer. Imaxinas que Andalucía deixase caer a marca flamenco? Sería imperdoable.

E non o fixemos xa dalgunha maneira? Non a desprezamos?
Eu non! E penso que me deu moi bos resultados. No mercado internacional a miña música sempre se asociou a esa etiqueta: celtique ou celtic. Pero é que ademais é unha etiqueta na que Galicia foi pioneira en España. Somos moi afortunados nese sentido. O que pasa é que os celtas teñen picos de popularidade ao longo da historia. Un deles é aproveitado polos románticos galegos para vinculalos con Galicia. Igual que a fi nais dos 90 se aproveitou a new age para lanzarnos. En realidade, todo isto non é máis que aproveitar algunha cuestión que se pon de actualidade para espertar algo propio e proxectalo. Ves que son procesos que se repiten. É maravilloso.

Así que do que vostede trata é de prestixiar a marca celta.
Por suposto! Lembro un encontro que mantiven con Manuel Fraga cando tiña 24 anos. Déronme un premio por ‘A Irmandade das Estrelas’ que consistía nunha cea con Fraga e con xornalistas galegos en Madrid. El vai e dime: "Núñez, non está demostrado científi camente o dos celtas". Eu contesteille: "Pero, presidente, tampouco está demostrado cientifi camente que sexan os ósos do Apóstolo Santiago os que están na Catedral. Sen embargo, o Camiño funciona". O Xacobeo é un valor moi ben amortizado. É un éxito contrastado. Pero tampouco debemos esquecernos da marca celta. Déixoulle moitas oportunidades á ‘world music’, investíronse millóns de euros no Womex en Santiago de Compostela, pero non se ven resultados na nosa música. Non funciona. Porque os propietaros da ‘world music’ son alemáns e ingleses. E a nosa música non é o suficientemente exótica para eles. A ‘world music’ busca máis exotismo e... artistas baratos, por dicilo dalgún xeito. O que pasa é que temos unha visión da música celta moi dos anos 90: festivais aoaire libre, gratis, todos de pé, con cervexa... Pero os festivais celtas máis fortes do mundo, o de Glasgow ou o de Lorient, van por outro lado. Agrupan rock, pop, indie, electrónica e mesmo trap... baixo o paraugas de música celta. Por que os rapaces dos nosos conservatorios teñen que tocar exclusivamente música alemá? Por que os nosos artistas de pop e de rock non fan como os de Latinoamérica e beben das súas raíces? En España dende os anos 80 houbo unha modernidade mal interpretada. Pensamos que a modernidade era pasar páxina e borrar a memoria do pasado. É un erro. Adicámonos a copiar a británicos e a norteamericanos, a fixarnos en produtos que chegan enlatados dende Miami e dende Nova York. Cando fas iso é cando te convertes en cultura periférica, porque non tes nada que ofrecer ao mundo. Cando Bob Dylan recolleu o Premio Nobel díxolle aos mozos que, antes de comezar a facer músicas comerciais, bebesen da tradición. Por iso fago este chamamento dende o libro, para que a xente descubra a nosa tradición. Estou moi esperanzado con artistas como Rosalía, ou Salvador Sobral, ou Amaia, a de OT, que parecen volver conectar co noso substrato, que teñen outra sensibilidade.

Menciona a Rosalía, que tivo un enorme éxito, pero que tamén é moi criticada precisamente polo uso que fai da tradición. A vostede gustaríalle unha Rosalía galega?
Encantaríame! Ogallá houbese artistas galegos capaces de facer rock ou pop apoiándose nas súas raíces. Pois igual que se fai en Latinoamérica. Pero aquí non pasa. España está cruzada por unha diagonal na que a parte de arriba está o mundo da gaita a dos seus amigos e na de abaixo o da guitarra española. Madrid, que está no centro, sempre equilibrou estas dúas enerxías. Ata os anos 80, cando desconectou do Norte.

Repetiu esta idea moito ao longo de toda a promoción do seu libro: o Norte está desconectado do centro e do Sur de España.
Exactamente. E Galicia está un pouco despistada. Andalucía está a vender dolmens e cultura megalítica, mentres nós vendemos festivais de rock. Vai vir outro Xacobeo que imos volver vendelo a ritmo de rock’n’roll? Creo que sería un erro moi grave. É moi importante que a música celta e a música tradicional poidan competir en igualdade de condicións coas outras músicas. E non está sucedendo. O diñeiro público curiosamente está indo para o ‘mainstream’. En cambio, a nosa música ten que competir con iso a hard-ticket, como din os americanos, co apoio xenuíno do público. Ese debería ser o sistema xeral. A música hai que valorala. Imaxinas que un concello se puxese a repartir hamburguesas ás portas dos establecementos locais? Como sería iso? Eu lembro un momento, nos anos 80, onde había un interese por coñecer o noso e por preservalo, un compromiso coa lingua, coa cultura, coa música... Hai que volver a iso. Pero a autonomía instalouse e toda esa responsabilidade de defender o propio deixámoslla á Xunta. Diso xa se encargan as administracións. Todo gratis e de calquera xeito. Pero como me dixo unha vez Pepe Solla: o que temos é que esixirlle excelencia tanto á cociña galega como ás artes, igual que fan os xaponeses. No ámbito musical, como mínimo, hai que xogar en igualdade de condicións.

É outra das reflexións que repetiu unha e outra vez nas entrevistas que realizou nos últimos meses. "No es lógico que el dinero público vaya a subvencionar triunfadores", dixo en El Confidencial.
A min o que me parece é que a xente ten claro que o coche alemán se paga caro. En cambio, a música galega ten que ser gratuíta e vale de calquera maneira. Esta idea é moi dañina. Quéimase o mercado natural porque se nos fai unha competencia desleal, inxusta. A xente, igual que paga polo viño ou polo polbo, debe pagar pola música.

Trala publicación deste libro, diría que o investigador lle está gañando terreo ao músico?
Non, sempre conviviron as dúas facetas. O que pasa é que por primeira vez publiquei un libro, si. Pero o resultado deste traballo vaise ver agora nos concertos.

Como o de Pontevedra do día 1 de decembro. Como vai ser?
Estou entusiasmado porque vou vir co grupo co que xiro polo mundo ao completo e vou contar cunha serie de convidados especiais como Jon Pilatzke, violinista e bailarín de The Chieftains, un auténtico rock star; Itsaso Elizagoien, unha fichaxe que fixemos para a última película de Carlos Saura sobre músicas tradicionais, que toca a trikitixa; Rodrigo Romaní, fundador de Milladoiro, que vai tocar con nós as arpas que reconstruímos do Pórtico da Gloria; ou o Pipe Major da Pipe Band de Nova York.

Que opina da Feira das Industrias Culturais de Galicia?
Para min é un pracer facer este concerto dentro do Culturgal. Paréceme un proxecto importante este porque é fundamental que a cultura galega funcione por si mesma, sen ter que suplicar subvencións, nin esmolas aos políticos. Un mercado cultural de verdade debe estar sustentado polo apoio xenuíno do público. É duro e é difícil. Pero é o único xeito de ser forte e, polo tanto, libre.

Comentarios