"Pontevedra ten que explosionar e eu quero estar aí para velo"

Co modelo de cidade consolidado como referente mundial de calidade de vida e varios proxectos en marcha, ábrese unha etapa nova para Pontevedra. Cóntao Lores nunha entrevista na que apuntala algún dos piares do que podería ser o seu sétimo mandato
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O VERÁN pasado, preguntado polo seu futuro dicía que "hai que ir partido a partido". Hai seis meses confesaba sentirse "ilusionado" e xa advertía que estaba "no seu mellor momento político". Esta semana deu un paso adiante para optar á reelección. Sería a sétima.

Tomei a decisión hai un mes ou dous. Sempre dubidas, paréceme unha decisión moi importante. O que me fixo decidirme definitivamente foi o apoio dos compañeiros e o feito de que, ao preguntarme se me sinto coma se fose a primeira vez, respondo que si. Cando levas tantos anos pode haber certa continuidade, certa sensación de rutina, pero non, nós temos proxectos a medio prazo importantes en marcha. Esta cidade ten que explosionar e eu quero estar aí para velo. Quero ver a ría limpa, o monte en funcionamento, sacarlle a máxima rendibilidade a Santa Clara...

Preséntase coa carta da ‘Paixón por Pontevedra’.

Si porque cando vén xente de fóra desvívome por falarlle de Pontevedra; o bonita que é a cidade, o referente que é. Estou moi orgulloso da miña cidade, dunha grandísima maioría da sociedade pontevedresa. Somos capaces de acometer cousas que a outras cidades nin sequera se lles ocorre. Neste momento está feito e vainos permitir ter un punto de partida moi sólido para dar pasos adiante que teñen que ver coa sostibilidade, o cambio climático, os servizos avanzados, a economía circular, a creatividade... Hai un ruxe ruxe de novos emprendedores, por exemplo, o clúster que se está a crear do comercio electrónico quere ter a súa sede en Pontevedra. Iso parécenos interesante. Ou o clúster das empresas emerxentes de PontUp Store, que son máis de 300, queremos que a sede estea aquí. Etiqueta Negra, Culturgal.. Todo o que se move nas industrias culturais ten que ver con cidades de futuro, coas novas tecnoloxías, a creatividade a internacionalización... Pontevedra polo seu atractivo como cidade para vivir é tamén unha cidade atractiva para traballar, sobre todo en sectores emerxentes, nos novos nichos de emprego, e a min gustaríame seguir traballando nese sentido. Atópome moi ben, teño unha familia encantadora, unhas netas preciosas... Gustaríame seguir traballando por esta cidade, facer que avance e teño folgos para iso. Ademais, existe un coñecemento sénior que ten que ver coa experiencia, a práctica, o coñecemento na Administración e demais que é unha mágoa que se perda. De feito hai profesións onde algunhas persoas non se xubilan nunca, profesores, médicos...

"Teño o soño de ver a ría libre de Ence. E vela a pleno rendemento de actividade do sector primario e turístico, porque ten unhas posibilidades inmensas"

Sabe que logo de seis mandatos haberá quen lle lembre o que lle dicían dende o seu partido a Manuel Fraga, que había que ir retirándose e non perpetuarse no cargo...

Nós criticabamos os proxectos, se te perpetúas para defender cousas que non interesan colectivamente. Outra cousa é se ti fas un proxecto colectivo que fai que a cidade avance, que melloremos desde todos os puntos de vista... Os proxectos a medio prazo que transforman as cidades non se fan dun ano para outro. Non é o mesmo que cando ti non tes unha liña de traballo. Cal é a liña de traballo da Xunta de Galicia respecto ao desenvolvemento económico deste país? Non ten. Está aí un pouco a ver o que xorde, pero non hai unha folla de ruta. Entón se te perpetúas sen folla de ruta é máis do mesmo.

Critícalle á oposición que o seu proxecto está esgotado. O tema de criticar que viaxes ou o dicir que o modelo que está esgotado...

Como vai estar esgotado un modelo que interesa en todo o mundo? Non é casualidade que nós fagamos en setembro aquí o Placemaking, unha cita na que veñen a Pontevedra referentes en urbanismo e calidade de vida de todo o mundo. Teñen interese en coñecernos, en ver que fixemos. Parece que a algún lle molesta que Pontevedra sexa un referente. É ruín. Mira, o gran debate a nivel mundial é que facemos coas cidades. E cando a nós nos convidan e temos unha exposición compartida con outras cidades ao final as preguntas son para nós. A diferenza entre Pontevedra e outras cidades é que nós xa testamos o noso modelo. Temos unha realidade constatable que é o que nos fai diferentes. Preguntan se xera moita oposición, se custa moitos cartos, se é rendible electoralmente... E si porque os cidadáns queren vivir nunha cidade con gran calidade de vida. Todo o mundo quere vivir en Pontevedra. E respecto ao tempo, primeiro, que son os cidadáns os que deciden as cousas e nós temos ideas, proxectos e propostas para seguir avanzando. Se a xente quere que sigamos facendo cousas, aí estaremos.

Hai quen pode ver na súa candidatura que o BNG non ten relevo.

Iso non está plantexado. Nós non nomeamos sucesores, temos unha persoa que é candidata e como iso non estaba decidido non se discute. O BNG somos unha forza asamblearia onde se discuten as cousas colectivamente. Opinarei, como opinaremos todos, sobre quen debe encabezar unha candidatura do BNG, pero iso será no seu momento. Só falta ver o equipo que hai aquí no BNG, xa dixen que é o ‘dream team’, por capacidade política e por persoas. Logo tes que ver a disponibilidade da xente,as necesidades de formación de equipo... pero son decisións internas. Eu non me metín co que fan outros partidos, por que presentan este candidato e non outro.

"Son os cidadáns os que deciden as cousas e nós temos ideas, proxectos e propostas para seguir avanzando. Se a xente quere que sigamos facendo cousas, aí estaremos"

Nos últimos anos a súa número dous era a concelleira Anabel Gulías. Moitos pensaron que podería estar apuntando cara ela.

A xente pode opinar o que queira. Nós o que queriamos é dar esa sensación de rexuvenecemento ou dalgunha persoa con proxección, pero iso é para o traballo diario e municipal, unha persoa cunha dedicación exclusiva que se move moi ben en moitos aspectos, na cidade, promoción económica...

Seica tamén decidiu agardar a que saia a sentenza de Ence.

Teño o soño de ver a ría libre de Ence. Nunca dixen que ía quitar Ence da ría, dixen que ía traballar porque Ence se trasladase da ría, pero non é unha competencia municipal. Se fose unha competencia do Goberno municipal xa a tería quitado. Vou dar todos os pasos por todas as vías posibles para que se cumpra a lei e para limpar a ría. Claro que me faría ilusión ver a ría a pleno rendemento de actividade do sector primario, no sector terciario... Porque a ría de Pontevedra ten unhas posibilidades inmensas. Ademais iso vai xerar máis actividade económica para Pontevedra.Ence é unha industria de enclave que está ubicada aí, que paga a uns traballadores, que colle a materia prima, pero realmente de onde saca o beneficio, a pasta, non se vende aquí e logo ten problemas moi gordos co tema do monocultivo de eucalipto, que iso é un tema que temos que tamén enfrontar.

Preséntase cun proxecto a oito ou dez anos.

Preséntome porque estou orgulloso dos meus mandatos. Son unha persoa moi activa. E logo faime ilusión empezar unha nova etapa diferente para Pontevedra. Estamos moi orgullosos do que fixemos, pero aínda hai cuestións que están en marcha. Ilusióname todo o que ten que ver co medio ambiente, coa ría, cos residuos sólidos domésticos, co coidado do monte, con revitalizar a cidade. As Xunqueiras, por exemplo, a Illa do Covo está mellorando pero recuperando a de Alba teriamos dous espazos naturais ao lado da cidade que serían un respiro para a xente. Temos o Gafos, o Rons, o Lérez, iso é diversidade, flora e fauna e espazos de esparcimento. Hai que darlle aínda moitas voltas e queda moito por facer.

"Este país precisa unha presidenta coas ideas claras e un proxecto de futuro"

Compareceu coa voceira nacional do BNG para dar a coñecer a súa decisión de encabezar a candidatura do BNG por Pontevedra. Segue na primeira liña tamén con vistas a unhas eleccións autonómicas nas que a Ana Pontón parte como segunda forza?

O BNG está crecendo, recuperou pulso. Hai moita xente mirando para nós, xente que quere a este país, que ten un futuro certo. Eu estou convencido de que vivo nun país rico. Se non é máis rico é porque non sabemos sacarlle a máxima rendibilidade ás riquezas que temos, porque non se están facendo as políticas correctas. Hai cousas que se poden facer desde os concellos, pero hai outras que tes que ir na mesma liña co resto de administracións. Por exemplo, a min non me doen prendas en dicir que se está chegando a acordos coa Deputación que son positivos, non só para o concello de Pontevedra, senón para toda a provincia: no tema da mobilidade na provincia, da seguridade vial, na recuperación de espazos rurais, de núcleos urbanos... A cátedra Ágora é unha extensión do modelo Pontevedra a toda a provincia. Pero logo atópaste con outras administracións que parece que non van na mesma liña no tema da seguridade vial, etc. Mira, onde se producen os accidentes non son nas estradas locais, nin provinciais. Ou co tema da compostaxe, o plan Revitaliza, coa Xunta é que ás veces é imposible coordinar ideas de ordenación do territorio, de seguridade vial, de respecto polo planeta, de polígonos estratéxicos... Penso que este país precisa dunha presidenta da Xunta coas cousas claras, unha folla de ruta clara e un proxecto de futuro.

Fala de levar o feito de Pontevedra ao resto de Galicia?

A diferenza que vexo coas outras forzas políticas é que o BNG quere a este país por enriba de todo. Eu estou moi orgulloso de Pontevedra porque somos capaces de proxectar cara fóra e iso eleva a nosa autoestima. Non fai falta ser de Nova York para estar na vangarda dos espazos urbanos. Nós vemos que, aprendendo de todo o mundo e adaptándonos ao noso, se poden facer cousas que se están a ver como boas prácticas en todo o mundo e esa confianza no futuro e de que somos quen de facer cousas é importante. Temos exemplos empresariais e investigadores de todo o mundo. Temos un señor que era o encargado de amerizar o Perseverance en Marte, Fernando Abilleira, e que é de Lérez. A Nasa ten capacidade económica para facer cousas e logo hai xente de aquí que levan para traballar alí. Pero é que tamén temos un empresario que é o que máis vende no mundo no sector téxtil; e temos a un investigador en Santiago, Carracedo, que é unha eminencia mundial en xenoma humano... Pois con todo iso, failles o marco para que poidan investigar desde aquí. Gobernar é priorizar. E en Galiza hai unha falta de política con maiúsculas.

Comentarios