domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

...AXENDA

Teresa Casal: "A volta á vida real foi dura"

Teresa Casal, entre o coordinador das charlas, Ramón Rozas (esquerda), e o seu entrevistador, Adrián Rodríguez
Teresa Casal, entre o coordinador das charlas, Ramón Rozas (esquerda), e o seu entrevistador, Adrián Rodríguez
A antiga número un do PSOE pontevedrés concede unha entrevista sen reservas en 'Conversas na Uvi' e conta, por primeira vez, como comezou a separarse do partido: "Desobedecín unha orde"

"A política ségueme encantando", confesou este martes Teresa Casal na Casa das Campás. E non foi o único. A antiga número un do PSOE pontevedrés aproveitou a súa participación en ‘'Conversas na Uvi'’, o ciclo da Universidade de Vigo e Diario de Pontevedra, para concederlle a Adrián Rodríguez unha entrevista a peito descuberto na que revelou, entre outras cousas, que se vía alcaldesa se chega a presentarse en 2011; como e cando comezaron os seus desencontros co Partido Socialista; o duro que foi retomar a vida cotiá; a súa experiencia tras ser diagnosticada de cancro de mama; a dor que lle causaron as circunstancias nas que tivo que deixar a súa praza na Uned e ata que lle pareceu que se declarara a Rajoy persoa ‘'non grata’'.

Casal repasou os seus logros como tenente de alcalde e as contas que deixou pendentes, a rehabilitación das inmediacións do Santuario da Peregrina e o Museo da Historia entre elas. "Tiven moi mala sorte nunha cousa: non tiven o apoio do meu propio partido, con Pérez Touriño na Xunta, para poder facer cousas. A miña desilusión foi total". Lembrou os seus enfrontamentos con Sinaí Giménez ou con Telmo Martín e a súa etapa de maior popularidade en Pontevedra, no ano 2007, "cando se produciu algo inédito nunha coalición de goberno: o socio pequeno comeu ao grande", explicou Adrián Rodríguez.

Teresa Casal abandonou a política en 2011 e o PSOE de Pontevedra pasou de contar con seis concelleiros a ter tres. "Eu estou convencida de que Pontevedra puido ter unha alcaldesa socialista en 2011", dixo a ex portavoz municipal, que defendeu a súa tese lembrando unha enquisa da Federación de Veciños de Pontevedra e outra de uso interno do propio PSOE. "Cando vin o resultado das eleccións sentín pena. Pensei que se perdera o traballo que fixeramos e pensei no difícil que era chegar ata aí arriba e o sinxelo que era despois baixar".

Casal contou, por primeira vez publicamente, onde comezaran os seus desencontros co PSdeG. Segundo dixo, a historia podería remontarse ao principio do mandato de 2007, cando desobedeceu unha orde directa do secretario de organización autonómico. "Ricardo Varela?". "Non é necesario dar nomes". O secretario pediulle a Casal que votase nun Pleno a favor dun punto sobre a adicación exclusiva de Lores. Ela negouse porque aínda non había pacto de goberno. "Desobedecín unha orde. Finalmente o punto desapareceu da orde do día. Eu comentei despois isto nunha executiva galega e aí empezaron os problemas. Fixéronme a vida imposible. Pero eu traballaba para Pontevedra. Aí aprendín que, ás veces, non está permitido mirar máis polos cidadáns que representas que polo propio partido".

A avogada contou que daquela viviu aí unha etapa moi difícil. "A volta á vida real foi dura. Por moitas circunstancias. Primeiro, porque o abandono dos teus compañeiros é algo que doe moito", explicou. "Ademais, a min coincidiume todo aquilo coa diagnose do cancro de mama. O medo, nesas circunstancias, non cho quita ninguén. Despois, a miña primeira idea, unha vez fóra da política, foi volver á Uned, pero a resposta da dirección foi tremendamente desagradable. Era a Uned, o meu cuarto fillo, a institución á que adiquei máis de 20 anos. Decidín que non quería pelexar máis, así que volvín ao despacho en plena crise, cando a xente xa nin se divorciaba".

Teresa Casal descarta volver hoxe á política. "Non a boto en falta. Quizais o trato coa xente e facer cousas, iso si", dixo antes de valorar a declaración de persoa ‘'non grata'’ a Rajoy. "Merecía esta labazada. A que levou na Peregrina non, pero esta merecíaa".

Teresa Casal: "A volta á vida real foi dura"
Comentarios