Teresa Salgueiro, Chico César e Mercedes Peón, estrelas dun renovado Cantos na Maré

O festival, marcado pola introdución de músicas urbanas e a ampliación de fronteiras ata o mundo celta, celebrarase entre o 11 e o 14 de outubro en distintos espazos de Pontevedra
 

Presentación de Cantos na Maré. CRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Presentación de Cantos na Maré. CRISTIAN FERNÁNDEZ

Cambio radical en Cantos na Maré, que pasa de ser o festival da lusofonía ao festival da ilusofonía, segundo din os seus responsables. A ampliación de datas e espazos, así como a introdución de músicas urbanas e a expansión das súas fronteiras ata o mundo celta son as principais novidades dun evento, que celebrará este ano a súa 14ª edición en Pontevedra e que pretende achegarse a novos públicos.

As actividades e concertos terán lugar entre o 11 e o 14 de outubro no Pazo da Cultura, no Teatro Principal e noutros lugares por determinar. Os horarios están por confirmar e as entradas para as actuacións poranse á venda dende o venres 21 de setembro en ticketea.com (prezos entre 7 e 20 euros).

Aínda que o cartel definitivo está por pechar, a organización avanzou que entre os artistas que participarán está Teresa Salgueiro (ex-Madredeus), Chico César (padriño do festival, que actuou na primeira edición e tamén no décimo aniversario), a banda de Cesária Évora (que lle renderá tributo) e Mercedes Peón (que presentará o seu novo disco, Déixaas, acompañada por Mónica de Nut e Ana Fernández). "Temos unha importante incidencia de voces de mulleres", avanzou a fundadora do festival e unha das responsables da programación, Uxía. Entre esas voces están tamén as de Selama Uamusse (Mozambique) e Bia Ferreira (Brasil).

Mención especial merece a introdución de músicas urbanas dun xeito contundente no cartel. É o caso do espectáculo de Capicúa e convidadas, que promove Política Lingüística, e que reunirá ao grupo de hip hop portugués que lidera Ana Matos, con Eva RapDiva e a galega Woyza. Outros músicos confirmados son Throes & The Shine (Portugal/Angola), que mesturan rock e kuduro, e Coladera (Brasil).

Finalmente, os responsables do festival, que produce Nordesía e que sufragan o Concello, a Deputación e a Xunta, anunciaron que na gala de clausura contarase cunha actuación especial promovida polo Concello de Évora, Ath-Thurda, que subirá ao escenario a músicos portugueses como Antonio Bexiga e Celina da Piedade xunto a Kepa Junquera.

Comentarios