'Terra de mulleres, tempo de mulleres'

O calendario de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade polo 8-M arrancou cunha potente campaña gráfica e coa lectura do manifesto a cargo da xornalista María Varela, e continuará ao longo dos meses de abril e maio
Imaxe dos membros do goberno local xunto á xornalista María Varela, onte, tras o despregue da pancarta na Casa Consistorial. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe dos membros do goberno local xunto á xornalista María Varela, este luns, tras o despregue da pancarta na Casa Consistorial. GONZALO GARCÍA

Os pontevedreses volven saír ás rúas para conmemorar este 8M, o Día Internacional da Muller, e reivindicar, con máis forza que nunca, o protagonismo da loita feminista na nosa sociedade.

Baixo o contundente lema de Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra deseñaron un intenso calendario de actividades que comezou cunha potente campaña gráfica creada pola ilustradora Nana, así como coa lectura do manifesto a cargo da xornalista María Varela, e que continuará con faladoiros feministas, co monólogo teatral A síndrome de Lis e cunha serie de contacontos e charlas formativas que se levarán a cabo nos centros educativos do municipio ao longo dos meses de abril e maio. 

Tal e como sinalou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, "a peza central co lema da campaña creada por Nana protagonizará un mural de 40 metros cadrados co que pretendemos seguir na liña de imaxes potentes e impactantes coas que esta Concellería pretende salientar a loita pasada e presente das mulleres pola igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades".

A intervención estará realizada por Nana en colaboración con Culebra Studio. Cabe sinalar que esta artista foi formada na EASD Pablo Picasso e acumula unha extensa traxectoria en festivais de arte urbano, exhibicións e eventos tales como o Desordes Creativas, Mad Poster Art ou San Fest, e destaca polo seu estilo colorista e orgánico que fai que a súa obra claramente feminista sexa persoal e inconfundible.

A peza central co lema da campaña creada por Nana protagonizará un mural co que se pretende salientar a loita pasada e presente pola igualdade real

Inicio da programación

As actividades conmemorativas arrincaron o pasado día 3, co inicio do programa Somos Quen 2022, que levaba sen facerse desde 2019 por mor da pandemia e que, a través das asociacións de mulleres e demais tecido asociativo do rural, ofertará diversos obradoiros para mulleres das parroquias entre os meses de marzo e xullo. 

As accións centraranse en tres grandes bloques: Actualízate (Dispositivos dixitais, Márketing online, Oratoria e Activismo feminista), Creatividade (Cestaría, Arteterapia e Fotografía e Comunicación visual) e Saúde e Benestar (Botica natural e benestar, Estimulación cognitiva e psicomotriz, Risoterapia, Bailoterapia, Ioga, Pilates, Automasaxe relaxante, Alimentación e nutrición saudable). O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo.

Por outra banda, o día 4 produciuse o acto de entrega do Premios Ernestina Otero Sestelo. Na categoría de Educación Infantil e Primaria, o premio concedeuse ao proxecto As do noso carón, mulleres son!, do CEIP San Martiño.

Na parte de Educación Secundaria e Postobrigatoria Non Universitaria (Bacharelato e Formación Profesional), o proxecto Igualdade desde a transversalidade, do IES Luís Seoane conseguiu o primeiro premio, e o IES Sánchez Cantón o segundo coa iniciativa Entre donas ás beiras do Lérez

A programación continuou este luns, coa lectura do manifesto reivindicativo do 8M a cargo da xornalista de Diario de Pontevedra María Varela e co despregue da pancarta no balcón da Casa Consistorial. Unha declaración institucional que estivo marcada polos retos actuais do feminismo: a crise dos coidados, a prostitución ou a coeducación. Nesta ocasión tamén se puxo o foco sobre as mulleres que sufren a violencia das guerras, "as que marchan dos seus fogares coas crianzas ás costas, as maiores que apenas teñen folgos para fuxir e empezar de novo, as que quedan, as que son empregadas como moeda de cambio…".

Faladoiros Feministas 

Neste atractivo programa de actividades tamén haberá un destacado espazo para a reflexión a través duns Faladoiros Feministas organizados en colaboración coa Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra que comezarán este mércores na Casa das Campás, e que se repetirán os días 16 e 23 de marzo.

"Serán tres conversas sobre mulleres, igualdade, axenda feminista, retos, saúde, literatura e violencias que terei a honra de presentar e que poderán seguirse de xeito presencial ata completar aforo e tamén en streaming a través da páxina web de Igualdade e das redes sociais do Concello. Para os que queiran asistir en persoa, recoméndase reservar praza", precisou Yoya Blanco.

Lola Varela e Belén Rubido de la Torre serán as encargadas de abrir este mércores o primeiro dos Faladoiros cunha conversa sobre os retos pendentes do feminismo nos ámbitos educativo e xurídico, mentres que as convidadas no que se celebrará o 16 de marzo serán Lola Ferreiro e a representante da asociación QuerEndo, Mulleres con Endometriose Verónica Ramilo, que falarán da aplicación da perspectiva de xénero na sanidade.

Por último, María Xosé Porteiro e Sara Vila serán as encargadas de pechar este ciclo de charlas falando sobre literatura, xornalismo e violencias machistas, tendo como referencia as súas obras Cobardes e Oito días sen Eva Cortes. As dúas primeiras conversas estarán moderadas pola directora do CIM, Rosa Campos, e a última por Mercedes Renda.

Mostra fotográfica 

Por outra banda, a concelleira Yoya Blanco inaugurará este xoves unha mostra fotográfica do proxecto Mulleres da Vila, coordinado pola artista visual Patricia Maquieira e co que se busca visibilizar e homenaxear o traballo de 15 mulleres emprendedoras que dirixen un establecemento en Pontevedra. 

Segundo sinala a edil do PSOE, "a través das fotografías expostas nos seus escaparates e dun vídeo no que elas mesmas contarán as súas historias e que será difundido a través das redes sociais preténdese incidir na coraxe, valentía, vontade, carisma e entrega que están detrás dun labor sen o cal as nosas rúas non terían vida, cor e alegría".

Monólogo teatral

Pechará o calendario de actividades do mes de marzo o día 31 o monólogo teatral A síndrome de Lis, escrito e dirixido por Diana López Varela e interpretado por Rocío Barrio, que acollerá a Sala Karma ás 20.00 horas. 

Trátase dun espectáculo dirixido a público adolescente e adulto, no que, en clave de comedia, a protagonista fará un repaso á súa vida e ós seus éxitos e fracasos, coa autoestima como fío condutor (e destrutor). Os trastornos de ansiedade e a depresión, a síndrome da impostora, o acoso sexual e a proxección dunha falsa imaxe nas redes son temas que conflúen nesta peza.

No monólogo teatral 'A síndrome de Lis', a protagonista fará un repaso á súa vida e ós seus éxitos e fracasos, coa autoestima como fío condutor (e destrutor)

Centros educativos 

A programación completarase con diversas actividades que se desenvolverán nos centros educativos a partir do 15 de marzo e ao longo dos meses de abril e maio. Estas estarán deseñadas en función das idades ás que van dirixidas para traballar temáticas como a formación en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos.

CIM

As atencións realizadas polo CIM xa se sitúan "en cifras prepandemia", con "moitísimas consultas de atención psicolóxica, básicamente centradas en vítimas de violencia, e tamén asesorías xurídicas e moitas informacións sobre recursos", afirmou a axente de Igualdade do centro, Mercedes Renda.

As atencións do CIM sitúanse "en cifras prepandemia" pero preocupa o "repunte de violencia nas idades máis temperás", así como "o caso da terceira idade"

O perfil das persoas atendidas é variado, "desde mulleres desempregadas ou en situación socioeconómica de estrema vulnerabilidade a mulleres cuxa situación socioeconómica é moi boa". Ademais, "hai un repunte de violencia nas idades máis temperás", afirma Renda antes de engadir que "o caso da terceira idade é especialmente sangrante, porque moitas veces a estas persoas fáltalles o apoio máis fundamental que é o da súa familia".

Comentarios