Terras de Pontevedra destinará 104.000 euros ao ano ao fomento do turismo

O convenio asinado con Turismo de Galicia inclúe un proxecto de deseño dunha app de arte rupestre
Petróglifo en Campo Lameiro
photo_camera Petróglifo en Campo Lameiro

A Mancomunidade Terras de Pontevedra e Turismo de Galicia volveron asinar un convenio para realizar actividades de promoción, dinamización e comercialización dos seus recursos turísticos. Con este acordo quérese potenciar e afianzar Terras de Pontevedra como destino turístico, para o cal poranse en valor os seus recursos e traballarase por consolidar a súa imaxe de marca coa promoción e comercialización dos seus produtos turísticos.

O convenio ten un importe anual de 104.915 euros que se plasmarán en tres liñas de actuación. Por unha banda, implantaranse as novas tecnoloxías con proxectos como o deseño, adaptación e mellora dunha app de arte rupestre dirixida ao público familiar, actualizaranse e desenvolveranse recursos na páxina web www.terrasdepontevedra.org e levaranse a cabo accións de marketing en liña.

Ademais, levarase a cabo a promoción e comercialización do destino e dos seus recursos turísticos, invitando a "traballar" a xornalistas e operadores turísticos que protagonizarán unha experiencia turística vivindo tres días no territorio.

Do mesmo xeito, crearanse os premios de promoción turística ‘Terras de Pontevedra’ co obxectivo de dar a coñecer o seu patrimonio turístico a través das ferramentas de comunicación máis novidosas e innovadoras e coa participación de mozos, e realizaranse presentacións do destino turístico dirixidas á prensa, técnicos, operadores e administracións involucradas no desenvolvemento do proxecto Terras de Pontevedra.

Traballarase no turismo accesible en Terras de Pontevedra, cun primeiro estudo de adaptación da oferta hoteleira en accesibilidade e sostenibilidade dos hoteis situados na Mancomunidade Terras de Pontevedra. Do mesmo xeito, crearase material promocional para distribuír en aloxamentos rurais, hoteis e outros establecementos turísticos.

Ademais, no mes de outubro, celebraranse unhas xornadas profesionais no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro sobre a creación do produto turístico da Arte Rupestre e a súa comercialización, con ponentes expertos como Pilar Fatas (directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira), Jordi Tresserras (director de Ibertur) ou Ramón Montes (xerente do Itinerario Cultural Europeo de Camiños da Arte Rupestre).