Testemuño audiovisual de oito meses mutantes

O pontevedrés Álvaro Larriba comparte en YouTube o documental no que gravou o día a día da asociación Liceo Mutante
Álvaro Larriba gravando un concerto de Fluzo. JAIME OLMEDO
photo_camera Álvaro Larriba gravando un concerto de Fluzo. JAIME OLMEDO

"El Liceo Mutante es una asociación cultural sin ánimo de lucro autogestionada. Las entradas que cobramos son para los músicos. Y tú, para poder entrar en nuestras instalaciones, por imperativo legal, tienes que asociarte". Son as primeiras palabras que se escoitan en Mutantes, o documental que Álvaro Larriba (Pontevedra, 1991) gravou entre xaneiro e agosto de 2016 no espazo cultural autoxestionado Liceo Mutante, que leva nove anos funcionando na rúa Rosalía de Castro de Pontevedra. O filme foi estreado en 2017 no ciclo Cinema no xardín, do propio Liceo Mutante. Despois de exhibirse noutros espazos, Larriba vén de subilo en aberto á súa canle de YouTube.

"En realidade, Mutantes naceu como un traballo de fin de grao para Comunicación Audiovisual, que é o que eu estudei", conta Larriba dende Madrid, onde vive e traballa, no ámbito audiovisual, dende hai tres anos. "Pero a verdade é que cando empecei a gravar material levaba xa tempo dándolle voltas á idea de documentar como era o Liceo Mutante dende dentro, como se traballaba para sacalo adiante".

SEN ÁNIMO DE LUCRO. Larriba conta que a súa primeira intención era mostrar como era o día a día nunha asociación pequena, cun proxecto cultural común, no que a xente traballaba sen ánimo de lucro. "Tiña a sensación de que había certa desinformación neste sentido, que non se acababa de entender que a xente que estaba alí traballase desinteresadamente. Eu quería mostralo. Parecíame necesaria esta visión dende dentro".

O realizador sabía moi ben en que se metía. El mesmo se involucrou no colectivo de mozos que sacou adiante o Liceo Mutante pouco despois do seu nacemento en 2011. "De feito, a pesar de non vivir xa aí, sigo en contacto con eles. Durante seis anos formei parte do que sería o núcleo de persoas que traballaba a cotío alí".

Mutantes mostra como o Liceo Mutante traballa de forma independente, dun xeito asembleario e dándolle cabida á cultura underground en distintos ámbitos: do musical ao cinematográfico. "Si, esas poderían ser as caracterísicas máis importantes da asociación e creo que todas se ven perfectamente no documental", di o realizador. "Da mesma maneira, o proxecto derivou tamén nun traballo con algo de etnográfico porque nel vese como se relaciona xente completamente diferente entre ela e como, con esforzo común, chégase a acordos e sácanse as cousas adiante", di Álvaro Larriba, que tamén destaca o papel fundamental que ten o Liceo Mutante como referencia do underground. "O papel que desenvolveu este espazo como axente cultural é clave. E non estou falando só de en Galicia, senón de España. Todo o mundo do underground o coñece, todo o mundo pasou por alí e o que non pasou quere ir. Dalgunha maneira puxo o sur de Galicia no mapa".

Tamén se ve no documental como se sacan adiante proxectos dende o asociacionismo en condicións complicadas. "Porque coincidiu a gravación cun momento crucial e duro para o colectivo, no que había problemas nas instalacións e mesmo se barallou unha mudanza, no que houbo que facer fronte a un inverno de temporais tremendo... Pero, fíxate, superouse e aí seguen, no mesmo sitio e coas mesmas intencións". Mutantes é tamén un relato de supervivencia.

Comentarios