Ada Otero: "Se ti non asumes a túa vida, fano os demais por ti"

Licenciada en Dereito e activista LGTBI, foi a primeira muller trans incluída nunha lista electoral galega: a do PSOE de Pontevedra
Ada Otero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ada Otero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Que é o Centro de información en diversidade e sexualidade de Pontevedra (CIDES)?
O CIDES é un centro de información en sexualidade e diversidade LGTBI (lésbica, gay, transexual, bisexual e intersexual). Está pensado para que calquera persoa, sexa ou non do colectivo, poida informarse sobre calquera asunto relacionado con estas cuestións.

Tivo unha estrea complicada: púxose en marcha un par de días antes do estado de alarma.
Si que foi moi raro. Vinme cunha oficina pensada para atender de forma presencial, que non podía funcionar. Houbo que repensalo todo, poñer en marcha atención telemática, etc. Empecei a exercer de ‘community manager’ acelerada. Pero a sensación que teño é de que foi todo ben.

Ofrecen asesoramento dende en cuestións de orientación persoal e temas xurídicos ata en temas médicos como tratamentos hormonais ou lingüísticos para aprender a referirse con corrección á comunidade LGTBI.
Efectivamente. Isto último era algo que se demandaba desde distintos ámbitos, por exemplo, o xornalístico ou o universitario. Pídennos que revisemos artigos ou Traballos de Fin de Grao (TFG), por exemplo.

Acaban de facer balance do que foron os seis primeiros meses. Atenderon a 33 persoas. Hai algunha consulta que se repita ou que lle chame especialmente a atención?
Sobre o que máis se pregunta é sobre a realidade trans. Unha cousa que me chama a atención é que hai quen cre que a coñece porque trata a unha persoa trans. Isto non é así. O que obtés desta maneira é un testemuño persoal, pero non serve para comprender a realidade no seu conxunto, que é moito máis complexa.

Pontevedra é unha cidade na que o colectivo LGTBI está ben integrado ou existen problemas específicos?
A problemática máis importante que atopamos aquí é que temos unha poboación dispar: por un lado, xente moi nova e, por outro, xente moi maior. Hai como unha desconexión entre uns e outros. Traballamos con persoas moi novas, en moitos casos menores, con todas as dificultades que iso conleva. E, por outro lado, o reto que temos é atraer á xente maior para poder informala. Por todo isto, a atención telemática, fóra da pandemia, vaise manter, precisamente para poder atender á xente que prefira non vir ao centro.

Porque iso tamén se pode facer: consultar de xeito anónimo?
Por suposto. Calquera persoa que se poña en contacto con nós ten que saber que será atendida do xeito que lle resulte máis cómodo. A sexualidade en moitos casos aínda leva aparelladas cuestións como a de ‘estar no armario’ ou semellantes. Eu recomendo a atención persoal, porque se revelou moito máis útil e efectiva, pero se non pode ser, buscamos outro xeito.

"Liberámonos dos corpos e resulta que volvemos ser vítimas deles. É incrible 'esencializar' o xénero nos xenitais"

Cando Pablo Alborán fixo público este ano que era homosexual falouse moito da importancia de 'saír do armario' e tamén do dereito a manter na intimidade a condición sexual. É relevante facela pública?
Evidentemente cada persoa é libre de decidir que quere facer coa súa vida. Hai que ter claro que por ser LGTBI non estás condenado a facer activismo. Só faltaría que tivesemos o deber de darnos á sociedade por nacer dunha forma que se considera unha especificidade. Dito isto, si que é importante facelo público. Ten un efecto moi positivo. Por unha parte, visibiliza unha realidade que, se non, non existe. Claro que ti podes dicir: é que é a miña vida. Certo. Pero si ti non asumes a túa vida, fano os demais por ti. O silencio é cómplice, dalgunha forma. No caso de persoas coñecidas, que se declaren LGTBI ten un efecto máis potente que calquera campaña. É moi necesario que se fagan estas cousas. O feito de que non o dixera ata o de agora, de que tivera medo ou o que fose, é moi significativo do mundo no que vivimos.

Viu a serie ‘Veneno’? Gustoulle? Hai quen defende a importancia destes produtos culturais e hai quen di que contribúen a reducir o colectivo trans a un estereotipo.
Vin os dous primeiros capítulos e gustáronme moitísimo. Os estereotipos non os crean as persoas, créaos a sociedade. É dicir, que unha persoa trans leve certa roupa, se exprese de certa maneira ou faga certas cousas, non crea un estereotipo, son os demais os que o crean ao reducir todo o colectivo a iso. Hai que empezar a concedernos o privilexio da individualidade, que só teñen as persoas heterosexuais. Volvendo á serie, insisto en que parece boísima. Entre outras cousas, porque humaniza á Veneno. E isto é algo importante no colectivo trans, ao que habitualmente se deshumaniza.

Que opinión ten sobre ese enfrontamento tan duro que se vén mantendo entre feministas e activistas trans a conta da identidade de xénero? É o xénero unha vivencia interna allea aos xenitais?

Este debate parecía superado hai tempo dende o feminismo, cando aceptou que os xenitais non definían a un home ou unha muller. A propia Simone de Beauvoir dixo que muller non se nace, faise. Paréceme incrible que volvamos a ‘esencializar’ o xénero nos xenitais. Estamos intentando liberarnos dos corpos e agora resulta que volvemos ser vítimas deles. Eu o que o vexo neste enfrontamento é simplemente ignorancia. Escoito acusacións, paranoias legais... que non deixan de sorprenderme. Iso que se di de «borrar ás mulleres». A ver, levamos dende 2007 cunha lei que permite o cambio de sexo sen cirurxía xenital. Penso que son anos suficientes para comprobar en que prexudicou ás mulleres. Sexamos rigorosas.