Tino Fernández levará o luns a Xunta de Goberno a convocatoria das subvencións para as Anpa

Unha vez aprobadas as bases, as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as disporán dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación no BOP, para presentar as solicitudes
Imagen de Tino Fernández durante una reunión. DP
photo_camera Imagen de Tino Fernández durante una reunión. DP

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación as bases da convocatoria de subvencións para Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (Anpa) de centros educativos de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Infantil e/ou obrigatorias.

As Anpa disporán dun mes, contado a partir do seguinte ao da data de publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), para presentar as súas solicitudes a estas axudas, que permitirán sufragar as accións desenvolvidas no eido da educación durante o curso escolar 2020/2021 e para as que se destinou unha achega económica de 24.670 euros

Tino Fernández explica que estas subvencións teñen por obxecto  “fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as Anpa e que poidan ser consideradas de interese educativo, como a promoción do deporte, a ocupación do tempo libre ou a promoción da cultura”.

Non poderán ser destinatarias destas axudas aquelas entidades que non se atopen ao corrente das súas obrigas fiscais co Concello, coas facendas públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social, e tamén quedan excluídas da convocatoria aquelas asociacións e entidades que presenten actividades ou programas que veñan regulados noutras convocatorias do Concello de Pontevedra.

No que se refire aos criterios para a concesión de subvencións teranse en conta aspectos como o número de alumnos participantes nas actividades, a porcentaxe de participación e a repercusión e contidos do proxecto: implicación doutras entidades ou asociacións, orixinalidade, posta en valor da cidade, promoción da cultura galega e uso do idioma, entre outras cuestións.