Tino Fernández promove co 'MetroSan' o deporte ao aire libre con rutas para todos os niveis

Unha enquisa realizada constata que un 68,6% dos pontevedreses usa os espazos verdes para camiñar ou pasear
Tino Fernández, durante la presentación de las rutas MetroSan.DP
photo_camera Tino Fernández, durante la presentación de las rutas MetroSan.DP

Un estudo sobre a Situación Económica, Social e Ambiental de Pontevedra promovido polo Concello en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago reflexa que un 68’6% dos pontevedreses emprega os parques, xardíns, sendas e espazos naturais da cidade para camiñar ou pasear, dos que un 44,1% afirma facelo todos os días e un 37,4% algunha vez por semana (a frecuencia é diaria nos maiores de 50 anos e un 15% dos maiores de 65 anos pasean varias veces ao día). Asemade, a investigación constata que un 18% dos enquisados asegura practicar deportes como correr (11,2%), ciclismo (6,1%), ximnasia ou musculación ao aire libre (un 26,5% dos homes e un 10,3% das mulleres).

Os resultados da enquisa, realizada entre 600 persoas, foron presentados esta mañá polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, nunha comparecencia na que estivo acompañado por un dos seus coordinadores, Paulo Carlos López. En contraste cuns datos que confirman un elevadísimo grao de emprego dos espazos naturais para camiñar, pasear ou facer deporte, a sondaxe vén a respaldar a decisión do edil do PSOE de manter pechadas as instalacións deportivas municipais de xeito preventivo por mor da pandemia: un 66,1% dos enquisados amósase de acordo con esta medida (os maiores de 65 anos son os que máis están de acordo).

Unha decisión que o estudo ratifica aínda máis cando se lles pide aos enquisados que valoren as medidas preventivas a aplicar en Pontevedra para frear a expansión do covid-19. Tal e como subliñou Tino Fernández, “por termo xeral ningunha acada o cinco de valoración media, cunha única excepción: o peche dos pavillóns e instalacións deportivas, que obtivo un 6,3. Preto do aprobado sitúanse o peche perimetral dalgúns barrios ou parroquias (4,74), os peches perimetrais durante os festivos, pontes e fins de semana (4,72) e o peche de parques infantís (4,65). Menos aceptación atopan o decreto de peche do comercio non esencial (3,31) e de xardíns e zonas verdes (3,48).

"Despois da cacería que o PP orquestrou durante semanas e semanas contra a nosa decisión de poñer a saúde e as vidas por enriba de todo, o tempo acabou por darnos a razón, a Xunta de Galicia tivo que recoller cabo neste asunto e esta enquisa pon agora de manifesto dun xeito rotundo a opinión da meirande parte da cidadanía. É a única medida que aproba e que ademais o fai sobradamente", subliñou Fernández.

Itinerarios sinalizados e clasificados por nivel de dificultade

Con estes números na man e baseándose na idea do MetroSilvestre deseñado para a Rara pero San Silvestre, o tenente de alcalde anunciou a súa intención de impulsar o MetroSan, "unha rede de rutas saudables que ten como xermolo estes itinerarios da clásica pontevedresa e que inclúe inicialmente 28 alternativas diferentes de roteiros para saír a camiñar, pasear ou andar en bicicleta". "Pontevedra conta cun contorno natural envexable para a realización de actividade física ao aire libre e, con esta situación sanitaria, cada vez son máis os que optan por facer exercicio nos nosos parques e zonas verdes. O noso obxectivo inicial é xerar unha rede de rutas urbanas e periurbanas interconectadas, con percorridos sinalizados, paneis con propostas de quecemento e estiramentos e clasificadas por dificultades (de S a XXXL)”, asegurou o edil socialista.

Segundo avanzou Tino Fernández, nunha segunda fase "ampliarase esta rede con máis itinerarios polo rural (algunha delas, como a do Pontillón do Castro e as que percorren o Camiño de Santiago xa están asentadas no rural), aproveitando o potencial que nos ofrecen as nosas 15 parroquias e completarase con outras actuacións que se porán en marcha ao longo deste ano, como a creación de parques de calistenia". O concelleiro de Deportes indicou que o MetroSan "forma parte dun proxecto global de dinamización da actividade física ao aire libre para todas as idades e que busca entender a nosa cidade como unha enorme instalación deportiva que nos ofrece unha morea de posibilidades e de recursos que podemos empregar". "O MetroSan, que nace hoxe, inaugura esa liña de actuación que vai ser prioritaria neste mandato, porque queremos que Pontevedra sexa tamén un referente na práctica da actividade física ao aire libre", afirmou o tenente de alcalde.

Tal e como revela o Estudo sobre a Situación Económica, Social e Ambiental de Pontevedra presentado hoxe por Paulo Carlos López (que ten un nivel de confianza do 95,5% e unha marxe de erro do 3,99%), as zonas máis frecuentes polas que saen a pasear os cidadáns son a senda do Lérez, dende a ponte dos Tirantes (un 37,3% dos que saen a camiñar), a Illa das Esculturas (15%), o parque dos Gafos (12,9%), os parques de Campolongo (11,6%) e a Xunqueira de Alba (10%). As horas de uso preferente de parques, espazos naturais ou xardíns urbanos para camiñar distribúense maioritariamente en dúas franxas localizadas entre a media tarde e as primeiras horas da noite, así como nas primeiras horas da mañá: concretamente, un 60,1% dos enquisados que afirma saír a camiñar ou pasear faino entre as 18:00 e as 22:00 horas e un 29,1% entre as 10:00 e as 12:00 horas.

A sondaxe pon de manifesto que o running e a bicicleta, practicados por un 62,8% e un 34,1% dos que fan deporte ao aire libre, son con diferencia as actividades deportivas máis practicadas. Un 65% destes deportistas afirma practicalo algunha vez por semana e un 20,4% tódolos días, sendo as franxas horarias de 7:00 a 12:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas as preferentes e a senda do Lérez, A Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas e o contorno de Os Gafos os espazos predilectos.

Comentarios