Tino Fernández visita as obras de mellora da accesibilidade no Paseo de Valle-Inclán

Os operarios da empresa Garocaprim SL comezaron na mañá deste xoves o botado do formigón ocre co que se pavimentarán boa parte das sendas
O tenente de alcalde, no lugar das obras. CEDIDA
photo_camera O tenente de alcalde, no lugar das obras. CEDIDA

O tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, achegouse esta mañá até o Paseo de Valle-Inclán para supervisar a boa marcha dos traballos que permitirán mellorar as condicións de tránsito nesta zona e a accesibilidade aos centros escolares e equipamentos públicos do parque de Campolongo.

Tal e como puido comprobar o edil socialista, os operarios da empresa Garocaprim SL comezaron na mañá deste xoves o botado do formigón ocre co que quedarán pavimentadas boa parte das novas sendas (o ámbito de actuación abrangue uns 250 metros, entre a rúa Xeneral Rubín e os xardíns da Praza da Constitución, e uns 15 metros de trazado realizaranse en madeira), unhas obras que estarán completamente rematadas na xornada deste venres.

"Salvo que o mal tempo e as tormentas nolo impidan —asegurou Fernández—, os camiños quedarán listos, 'pisables' e transitables para a vindeira semana, garantindo ao alumnado un acceso en condicións de salubridade para o comezo do curso escolar".

Co obxectivo de non afectar á estabilidade dun exemplar de chopo italiano de elevado porte e valor ornamental, as actuacións, executadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural cun orzamento de 48.080,60 euros, incluirán a creación dunha pequena plataforma de madeira de piñeiro vermello construída sobre vigas e correas, sobre a que se ancorará tarima de madeira con parafusos galvanizados.

Segundo constatou Tino Fernández, "é posible que a finalización dese treito duns 15 metros se prolongue no tempo un pouquiño máis, polo que quedará con herba algúns días máis, pero non afectará en absoluto á circulación, xa que se trata dunha zona moi pequena".

Os novos camiños foron deseñados cunha vocación provisional, para atender as necesidades máis perentorias, que son as do acceso do alumnado, coa previsión de que poidan incorporarse ao proxecto definitivo para liberar e renaturalizar o río dos Gafos neste treito. 

Tralo peche de boa parte do Paseo de Valle-Inclán á circulación peonil no mes de marzo (despois de que se detectaran importantes danos estruturais na cuberta) o proxecto pretende garantir unha mobilidade segura e salubre, tanto para o conxunto do parque de Campolongo como para o conxunto de equipamentos públicos existentes nesta zona: CEP de Campolongo, EEI Crespo Rivas, escola infantil, piscinas, edificios administrativos e igrexa.

En concreto, as sendas facilitarán a accesibilidade desde a rúa Xeneral Rubín ata a Praza da Constitución pola marxe esquerda do paseo e ata a entrada principal da escola infantil de Campolongo pola marxe dereita.

Comentarios